O DENGUE: PODE SER ENDÉMICO EN GALICIA?
Pasaron case 20 anos desde que en 2004 se detectara por primeira vez a presenza dun mosquito tigre (Aedes albopictus), orixinario de Asia, na península ibérica. Foi en Cataluña. Desde entón foise estendendo, comezando pola costa mediterránea, ata acreditarse a súa presenza en distintas comunidades autónomas: Andalucía, Castela-A Mancha, Aragón, Pais Vasco…e nun total de 40 provincias, ademais de en Portugal. Durante dúas décadas Galicia mantívose como territorio libre de mosquito tigre, un status que cambiou o pasado 9 de agosto, cando un veciño de Moaña comunicou o achado dun exemplar (validado posteriormente por entomólogos) a través da app Mosquito Alert.
“Era cuestión de tempo que Galicia se sumase ao resto de territorios peninsulares afectados polo mosquito tigre”, apunta Yasmina Martínez Barciela, investigadora do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo (UVigo). Por iso, e en previsión deste escenario, se creou a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) co fin de detectar a súa chegada e actuar en consecuencia o máis rápido posible.
En apenas tres meses foron localizados exemplares de mosquito tigre nos concellos pontevedreses de Moaña, Cangas, Vigo, Redondela e Vilaboa, conforme cos datos facilitados pola Consellería de Sanidade que lidera a ReGaVivec, da que tamén forman parte Medio Rural e as universidades de Vigo e Santiago de Compsotela
Desde agosto e ata o 30 de outubro, a app Mosquito Alert recibiu 251 avisos de posibles exemplares, das que un cento foron “notificacións confirmadas” por entomólogos da ReGaViVec, en tanto que as outras 151 foron clasificadas como “notificacións probables”.
Destes 251 avisos de presenza de Aedes albopictus, 173 chegaron desde Moaña (72 confirmados e 101 probables); 61 desde Vigo (22 confirmados e 30 probables), 10 desde Redondea (4 confirmados e 6 probables) e 7 de Cangas (2 confirmados e 5 probables). Pola súa banda o exemplar localizado en Vilaboa caeu nunha das trampas da rede de vixilancia entomolóxica.
A densidade de mosquitos tigre en Galicia foi in crescendo, rexistrándose o pico máis alto nos meses de setembro e outubro. “Isto é consecuencia do aumento das precipitacións que favorece a formación de criadeiros, e o mantemento dunhas temperaturas lixeiramente cálidas que propician o seu crecemento e actividade” sinala a investigadora Martínez Barciela.
“Nos vindeiros meses, e coa entrada do inverno, é previsible que a presenza do vector diminúa considerablemente. De feito, xa estamos a ver nas últimas semanas un descenso da súa actividade. Os adultos non resisten as baixas temperaturas e as larvas ven afectado o seu desenvolvemento” explica esta bióloga.
O mosquito tigre é un posible vector de enfermidades como o dengue pero iso non quere dicir que necesariamente vaia transmitilo. Tal como explica a bióloga Yasmina Martínez, os lugares onde hai alerta sanitaria por transmisión autóctona deste virus non só teñen unha presenza do vector en altas densidades, senón que tamén teñen unha presenza constatada do virus. En Galicia, subliña a investigadora da UVigo “o risco de transmisión autóctona do dengue é moi baixo porque, aínda que agora estea presente o vector, non está o virus: non é endémico, nin está en circulación entre a poboación”.
A alerta sanitaria por dengue autóctono está acendida en varios países do sur de Europa como Italia, no que neste ano 2023 se rexistraron 66 casos de dengue local; Francia, onde se contabilizaron 36 ou España onde se diagnosticaron 3. Dado que entre o 40% e o 80% dos casos son asintomáticos, a cifra real podería ser moito máis alta, razón que explica as alertas.
En Galicia, no que vai de 2023, diagnosticáronse 6 casos de dengue, todos eles importados, é dicir, que se contaxiaron noutro país ou zona, segundo confirman fontes da Consellería de Sanidade.
O mosquito tigre é unha especie cun limitado desprazamento autónomo (é raro que se afaste máis de 200 metros do seu lugar de cría) polo que a súa dispersión está ligada ao ser humano. Factores como o movemento global de persoas e mercadorías e o cambio climático, cun aumento xeneralizado das temperaturas e cambios nos ecosistemas, facilitan que estas especies se adapten a vivir fóra do seu hábitat natural.
Conter ou obstaculizar a expansión dunha especie invasora como o mosquito tigre “supón todo un reto”, sinala a investigadora Yasmina Martínez, quen confía no traballo de vixilancia vectorial que se está a facer man a man entre a Dirección Xeral de Saúde Pública, ReGaVivec, Mosquito Alert e os concellos. Tamén é vital, engade, a concienciación e colaboración cidadá, que pode impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con accións sinxelas como eliminar puntos de auga estancada (bebedoiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie… ) cun baleirado ou coa renovación da auga cada 3-4 días.
FONTE: Begoña Márquez/gciencia.gal/saúde
0 comentarios