Blogia
vgomez

A HISTORIA DUN ERRO QUE AMEAZA Á NOSA CIVILIZACIÓN

Unha botella de plástico pode tardar ata mil anos en descompoñerse. Unha, mil anos. E cada minuto véndense un millón de botellas de plástico no mundo. Cada minuto, un millón. Uns datos vertixinosos que chocan co uso que lle damos a este material e que se traducen nuns dos maiores problemas ambientais aos que se enfronta o ser humano. “Hai unha cousa que unha civilización intelixente xamais debería facer con semellante material, con semellante tecnoloxía, e é utilizala para fabricar cousas deseñadas para converterse en lixo”, sentencia o economista Manuel Maqueda.

Licenciado en Economía pola Universidade Complutense de Madrid e en Dereito pola UNED, Maqueda é o primeiro profesor de Economía Circular e Regenerativa en Harvard. Este experto en contaminación por plásticos é fundador de varias ONG e empresas sociais e tamén codirector de Albatross, un documental que expón a situación destas aves mariñas acosadas pola inxestión do lixo plástico no océano Pacífico. Nun mundo con excedente de información, o profesor aposta por buscar solucións desde o pensamento sistémico e advirte da aceleración silenciosa dos problemas aos que nos enfrontamos. “En principio, parece que non ocorre nada e, de súpeto, catapún. O cambio climático, a perda de biodiversidade… Todas as alteracións que hai nos ecosistemas son funcións exponenciais”, avisa o experto.

Os esforzos de Manuel Maqueda céntranse en deixar un mundo mellor ás próximas xeracións: “O meu traballo, na educación e nas ONG, ten ese obxectivo: ser un bo devanceiro e facer honra a este tempo tan especial e tan importante que nos tocou vivir”.

0 comentarios