A ORIXE DAS PALABRAS: POÑER OS CORNOS
Hoxe en día «poñer os cornos» é unha expresión cun uso tan habitual como significado despectivo. De feito, a ninguén lle gusta sentir que a súa parella púxolle os cornos, polo seu carácter pexorativo, pola infidelidade e o quebrantamento da confianza entre dúas persoas que manteñen lazos afectivos.
E aínda que hoxe en día é unha expresión moi estendida, hai certa confusión acerca da súa orixe.
Parece ser que, para atopar a orixe etimológica da expresión «poñer os cornos», témonos que poñer un casco adornado con cornos e retroceder ata a época viquinga. Naquela época, os xefes dos poboados viquingos tiñan unha serie de beneficios por ostentar o poder. Entre eles, o de poder manter relacións íntimas con calquera das mulleres do poboado, xa fosen solteiras, casadas ou estivesen a ser pretendidas por algún outro home.
No código viquingo, cando o xefe da aldea colocaba este casco adornado cos cornos de animais na porta da casa, significaba que se atopaba acompañado dunha muller, polo que non debía ser molestado baixo ningún concepto. A expresión popularizouse co significado actual, porque empezou a empregarse cando, tristemente, estas mulleres que debían estar dispoñibles para calquera capricho do xefe eran mulleres comprometidas ou casadas.
Outras liñas de investigación, como a da filóloga Héloïse Guerrier, indícannos que esta expresión remóntase á Idade Media e facía referencia ao dereito de pernada que ostentaban os señores feudais e que lles permitía xacer con calquera muller do seu feudo, pero tamén de deitarse coa muller dun vasallo na noite de vodas. Do mesmo xeito que no caso anterior, colocábase unha cornamenta de cervo como sinal do acto que se estaba levando a cabo na alcoba.
Unha opción máis lendaria da expresión provén da mitoloxía grega para relatar que Pasifae, esposa do rei Minos, foi infiel ao seu marido cun touro adorado en Creta. Como resultado desa relación naceu unha criatura, metade home metade animal, con cabeza de touro e corpo humano, chamado Minotauro. Metaforicamente, a partir de entón, comezou a considerarse aos cornos un sinal irrefutable de infidelidade conxugal.
FONTE: Patricia Comesaña/ui1.es Ilustración: Fernando Senra
0 comentarios