Descuberta na Illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia
Rhynchostegiella tenella. Ese é o nome científico dunha especie de musgo que acaba de ser documentada por primeira vez en Galicia. Foi o botánico José Luis Caamaño quen a identificou na illa de Tambo, situada na ría de Pontevedra. Máis en detalle, trátase dun “musgo diminuto” con pólas de ata 3 milímetros e follas de ata 0,8 milímetros. “Forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, como un veo de apariencia fantasmagórica en rochas ou paredes”, explican dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega); a entidade que promoveu en 2023 a elaboración dun inventario botánico da illa.
Ata o momento, Rhynchostegiella tenella nunca se identificara en Galicia. O lugar máis próximo é Asturias. Dentro da península ibérica tamén está presente na zona mediterránea e en Portugal continental, onde a observación máis próxima a Galicia é en Fátima, no Distrito de Santarem, situado no centro do país luso. No que respecta ás illas atlánticas, esta especie de musgo xa está documentada nos Azores e nas illas Canarias.
A descuberta realizada por Caamaño, tamén enxeñeiro industrial, entra dentro do labor de exploración da fauna briolóxica de Galicia, con especial interese nas illas. De feito, el tamén participou na elaboración do Inventario Botánico da Illa de Tambo. Este documento promovido por Adega contribuíu a aumentar o número de especies coñecidas ata as 237. O proxecto tamén se centrou nas especies invasoras xa detectadas nos distintos sectores da illa.
Segundo trasladan dende Adega, “esta nova descuberta incide na necesidade de exploración da biodiversidade de Galicia. Tamén, na necesaria conservación das áreas de maior interese, especialmente as ameazadas pola expansión do eucalipto”. A asociación ecoloxista tamén pon o foco “na urxencia en protexer a illa de Tambo e a súa contorna, obxecto dunha proposta de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) pendente de se aprobar polo Concello de Poio e a Xunta”.
FONTE: gciencia.com/medioambiental Imaxe: adega.gal e gl.wuikipedia.org
0 comentarios