Blogia
vgomez

POLÉMICA SOBRE A ORIXE DE COLÓN: O DOCUMENTAL DE 1927 XA DEFENDÍA A ORIXE GALEGA DE COLÓN

 

A orixe de Colón parece un debate eterno. O documental emitido o pasado sábado na 1 de TVE prometía resolver a incógnita, mais foi unha peza audiovisual con moita ficción e escasas probas científicas. O equipo da Universidade de Granada, capitaneado polo catedrático de Medicina Legal José Antonio Lorente, asegurou que os ósos que descansan na catedral de Sevilla son de Colón, que o almirante era xudeu e que procedía da rexión mediterránea. Por tanto, este resultado descartaría a teoría galega. Con todo, a acérrima defensa de que o almirante naceu en Pontevedra, proposta a mediados do século XIX polo historiador Celso García de la Riega, tivo o seu propio documental. Pontevedra, cuna de Colón foi un filme mudo estreado en 1927 que defende ao longo de 23 minutos a orixe galega do almirante.

O documental está publicado en aberto na canle de YouTube “Cine Español Mudo”. Na descrición do vídeo especifícase que o filme foi producido polo documentalista Enrique Barreiro e que a peza está conservada na Filmoteca Española. “Unha coidada restauración permitiu que a película recupere a súa cor orixinal, lograda grazas a un sistema bicrómico patentado polo propio Barreiro”, indican na canle.

O xornalista e divulgador cultural Xosé Gago define a peza de 1927 como unha “xoia”. Porén, máis alá do seu valor documental, móstrase crítico coa teoría do Colón galego e afirma que os persoeiros que a defenderon, como De la Riega, buscaban o encaixe da burguesía galega no proxecto nacional de España a través de Colón. Para Gago, o documental de 1927 “revela a capacidade deses grupos por crear relatos convicentes”.

A polémica segue a medrar!

FONTE: Victoria García/gciencia.com

0 comentarios