Blogia
vgomez

Oito diferenzas entre o Ártico e a Antártida: dous mundos xeados pero moi distintos (1ª parte)

Aínda que moitas persoas cren que os dous casquetes polares da Terra, o norte e o sur, son basicamente o mesmo, o certo é que hai moitísimas diferenzas entre ambos, a todos os niveis. Incluso a forma en que lles afecta o cambio climático difire tamén entre ambas as rexións xeadas. Estas son algunhas das características que distinguen o Círculo Polar Ártico (ao norte) do Círculo Polar Antártico (ao sur). Imos coas tres primeiras.

1.- Dos dous casquetes polares, só a Antártida é un verdadeiro continente formado por terra firme, que se atopa debaixo do xeo. En concreto, a súa superficie convérteo no cuarto continente do planeta en canto a extensión, con 14 millóns de quilómetros cadrados, case o dobre que Oceanía e, por suposto, moito maior que Australia. Pero no inverno, cando a masa xeada é maior, alcanza os 32 millóns de km2. É, por tanto, unha masa de terra cuberta de xeo. En cambio, o Ártico é un espazo oceánico xeado no medio doutros continentes. Consiste nun conxunto de mares xeados, aínda que inclúe partes da costa rusa, norteamericana e Groenlandia.

Océano ártico e Círculo Polar Ártico / Axencias

2.- En canto á poboacin humana, a Antártida non ten poboación permanente, senón que está deshabitada. Tan só viven alí os científicos das bases que varios países teñen instaladas de forma permanente, e que se reducen a unhas 1.000 persoas durante o inverno, e unhas 10.000 no verán. En cambio, o Ártico conta cunha importante poboación, sobre todo nos países que teñen costas dentro do Océano Ártico, sobre todo Rusia, cuns dous millóns de persoas. Finlandia, Suecia, Noruega e Groenlandia achegan uns 1.300.000 habitantes, e América do Norte, uns 830.000. De toda esta poboación, que supera os 4.300.000 individuos, uns 450.000 son indíxenas.

3.- A fauna tamén é diferente. Dado que as temperaturas do Ártico son menos extremas que as da Antártida, hai unha maior biodiversidade. O oso polar é un dos animais máis emblemáticos do casquete polar do Norte, xunto con baleas amoladas, morsas, focas, raposos árticos, lobos, narvais, entre outras moitas especies. Na Antártida, o animal máis característico é o pingüín (que non existen no Ártico), aínda que tamén distintos tipos de focas, lobos mariños antárticos e elefantes mariños, así como algunhas aves mariñas.

Os pingüíns viven na Antártida, non no Ártico / Pixabay

FONTE: Joan Lluís Ferrer/farodevigo.es

 Continuará...


0 comentarios