Blogia
vgomez

O cirurxián que quixo curar o mundo

Diego González Rivas é un cirurxián torácico galego que revolucionou a medicina coa súa técnica de cirurxía toracoscópica asistida por vídeo con porto único (Uniportal VATS), á que ademais aplicou innovacións grazas á robótica (Uniportal RATS). Este avance no tratamento de enfermidades pulmonares, que consiste en reducir a intervención a unha incisión de só tres centímetros, supuxo un salto exponencial que pasará aos libros de historia como a técnica que naceu para reducir o trauma cirúrxico, mellorando a recuperación dos pacientes e diminuíndo a dor postoperatoria. O seu enfoque innovador foi adoptado por cirurxiáns en todo o mundo e converteuse nun estándar na cirurxía torácica moderna.

Despois de máis de 10.000 pacientes operados en 138 países, o seu labor altruísta non se limita a reducir a dor e transmitir o seu coñecemento. Recentemente puxo en marcha a Fundación Diego González Rivas, para levar a súa técnica a países en circunstancias extremas e mesmo desenvolveu un camión medicalizado para poder realizar este tipo de cirurxías nos lugares máis complicados de África, como recolle no seu libro autobiográfico Curando o mundo. Diario dun cirurxián nómade. "Ninguén me obriga a traballar un sábado e un domingo. Ninguén me obriga a ir a Perú a operar a unha paciente. Ninguén me obriga a ir a Roma a fin de semana para operar. Senón que o fago porque me encanta, divírteme, faime feliz, e ao final esa é a motivación que hai que ter. Cando estás a facer algo que está a mellorar a calidade de vida das persoas, xa merece a pena", conclúe o cirurxián.

Eres un xenio e unha boa persoa!

0 comentarios