Blogia
vgomez

A fascinante historia de 'Salvador', o primeiro polbo con nove tentáculos que apareceu en augas de Eivisa

Nas profundidades das augas de Eivisa habita Salvador, un polbo común (Octopus vulgaris) que sorprendeu ao mundo científico pola súa capacidade de adaptación tras sufrir un ataque no que perdeu varias extremidades.

Desa experiencia traumática emerxeu un fenómeno insólito: un dos seus brazos bifurcouse durante a rexeneración, e agora os dous apéndices resultantes funcionan de forma diferenciada. Un utilízao principalmente para alimentarse; o outro, para explorar a súa contorna.

Este comportamento, documentado por primeira vez en liberdade, foi recollido nun estudo liderado por investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e do Centro Oceanográfico de Baleares do IEO (Instituto Español de Oceanografía), ambos os do CSIC.

O traballo permitiu seguir durante cinco meses a evolución de Salvador no seu hábitat natural, en Eivisa, constatando a súa sorprendente capacidade para adaptar a súa conduta motora a partir de apéndices rexenerados e anómalos.

"É unha fazaña sen precedentes en cefalópodos", describe o CSIC respecto ao achado deste polbo en augas de Eivisa despois de sufrir a bifurcación dunha das súas extremidades.

Os investigadores destacan que Salvador non só recuperou funcións básicas, senón que incorporou ao seu repertorio motor novas estratexias, empregando un dos brazos bifurcados para tarefas de alimentación e o outro para a exploración da contorna.

Este uso diferenciado, segundo o equipo do IEO, podería indicar un proceso de adaptación progresiva e específica, unha mostra da extraordinaria plasticidade do sistema nervioso dos cefalópodos.

De feito, tamén se observou que o polbo evita utilizar os brazos previamente danados en condutas de risco, o que expón a hipótese dunha forma primitiva de memoria da dor ou de aprendizaxe por experiencia.

Os científicos apuntan, máis aló o anecdótico, que este descubrimento abre novas liñas de investigación en neurociencia, robótica e medicina regenerativa.

Segundo destacan os autores do estudo, o achado apunta á existencia de mecanismos neuronais complexos que poderían inspirar futuras aplicacións nestes campos, especialmente no desenvolvemento de próteses máis funcionais.

A singularidade da investigación, subliñan, reside en documentar por primeira vez como un polbo utiliza brazos rexenerados e bifurcados en liberdade, demostrando que mesmo en condicións salvaxes é capaz de reorganizar o seu comportamento motor cunha precisión sorprendente.

O mar de Eivisa alberga unha notable poboación de polbos, especialmente da especie Octopus vulgaris, moi común no Mediterráneo en xeral. Estes cefalópodos adoitan habitar zonas rochosas, covas submarinas e praderías de posidonia (especie endémica e protexida das Pitiusas) onde atopan o refuxio e alimento que necesitan.

A súa presenza é un bo indicador do estado de saúde do ecosistema mariño, xa que son animais moi sensibles aos cambios ambientais. Ademais, forman parte da cadea trófica tanto como depredadores (alimentándose de crustáceos e moluscos) como presa de especies máis grandes, o que os converte nunha peza crave do equilibrio ecolóxico no litoral de Eivisa e Formentera.

FONTE: larazon.es

0 comentarios