Blogia
vgomez

Sempre fixo tanta calor en xuño en Galicia? Non, e os datos dos últimos 50 anos non deixan lugar a dúbidas

Distribución por provincias do número de vagas de calor rexistradas no período 1975-1984 (á esquerda) e no 2015-2024 (á dereita). Canto máis clara é a cor, menor número de vagas / AEMET / Meteoclimática

A calor abafante dos últimos días invitou aos baños refrescantes nas praias, piscinas e ríos. A poñer o aire acondicionado e os ventiladores. E a beber máis auga ca nunca. No medio destas actividades que tratan de buscar o maior alivio térmico, hai quen di que tanta calor en Galicia non é normal. Outros defenden que xa estamos en verán e que sempre houbo altas temperaturas por esta época. Pero non, isto último non o certo.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), indica que foi o xuño máis cálido da serie histórica en España. E para xustificalo analizaron os datos de ondas de calor dos últimos 50 anos. E si, non só se están adiantando, senón que cada vez son máis comúns.

Un artigo publicado no blog da AEMET e elaborado pola iniciativa Meteoclimática do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF) corrobora que a calor dos últimos días é propia dos meses de xullo e, sobre todo, agosto. Máis non é habitual (ou non o era ata hai unha década) que en xuño se chegase a unhas temperaturas tan asfixiantes. O gráfico elaborado polos autores permite ver con claridade como o número de días rexistrados por onda de calor aumentou significativamente na última década. En xuño, que apenas se notificaban antes desa data, as vagas son cada vez máis frecuentes.

Número de días por mes rexistrados dentro dunha onda de calor entre os anos 1975 e 2024 na península ibérica / AEMET / Meteoclimática

De feito, en tan só unha década, a AEMET declarou en 2015, 2017, 2019 e 2022 ondas de calor en España en xuño. Habería que sumar a que se está vivir nestes últimos días do mes. O ano co maior número de días rexistrados con calor extrema foi o 2017, con nove xornadas abafantes en 30 provincias españolas. Dende o día 13 ao 21 de xuño daquel ano, a poboación de gran parte do Estado viviu unha onda de calor de récord. En canto a provincias, nos últimos 10 anos é Cuenca a que máis número de vagas rexistrou, acadando as 29.

No caso das provincias de Galicia, no período 1975-1984 rexistraba moi poucas ondas de calor —segundo a lenda de cores, o mínimo— e, ademais, de curta duración. Mais co transcurso do tempo, e sobre todo dende 2015, o mapa reflicte claramente que as vagas son cada vez máis extensas en Ourense, que se achega ás zonas máis cálidas de España, e tamén na Coruña. Pontevedra e Lugo mantéñense en valores similares aos de hai 50 anos. 

En canto ao porqué de tanta calor na última década, informes internacionais mencionados no artigo, como o de Climameter, apuntan directamente ao quecemento global. “A calor rexistrada en xuño foi un evento impulsado por condicións meteorolóxicas pouco usuais, cuxas características poden atribuírse ao cambio climático antropoxénico”, sinalan. E máis alá de España, outros países europeos como Francia, Reino Unido e Italia tamén están a vivir o seu embate en forma dunha calor asfixiante e, dende logo, pouco común ata o de agora por estas datas.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios