Blogia
vgomez

A TAPA DE POLBO MÁIS GRANDE DO MUNDO

Os pulpeiros de Carballiño volveron conseguilo: bateron o seu propio récord elaborando novamente a tapa de polbo máis grande do mundo, que nesta ocasión alcanzou os 600 quilos, dez máis que na edición anterior.

Ás 19,00 horas acendéronse as caldeiras na Praza Maior para comezar a cocer o polbo, que unha hora despois preto de 40 pulpeiros e pulpeiras de Arcos cortaron en 10 minutos e 30 segundos, coa habilidade que lles caracteriza.

Nesta 15ª edición os pulpeiros cortaron seis veces máis cantidade de polbo que en 2010, o primeiro ano no que bateron o récord mundial con 100 quilos.

Para elaborar a tapa empregáronse ademais 8 quilos de sal, 54 litros de aceite e 3 quilos de pemento, completando un prato de 5,37 metros de diámetro, que xa espertou expectación pola mañá na súa colocación na praza.

Centos de persoas acudiron un ano máis a unha das cita destacadas da programación da Festa do Pulpo, a pesar das altas temperaturas da xornada, para animar aos pulpeiros a bater o récord e gozar do espectáculo, así como para degustar o polbo recentemente preparado.

O traballo dos pulpeiros non terminou coa elaboración da tapa xigante, xa que unha vez cortado o polbo xa comezaron a formarse enormes colas para probalo.

Os 600 quilos da tapa máis grande do mundo repartíronse en 1.800 pequenas tapas acompañadas de Pan de Cea, viño da D.Ou. Ribeiro, auga e sobremesa, que se adquirían ao prezo de 7 euros. Os visitantes levaban ademais un prato conmemorativo e pulseira de agasallo, engadindo este ano o chaveiro realizado polos membros da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Psíquica, Aspadisi.

O polbo chegou a estas terras de Galicia, de man dos frades cistercienses do mosteiro de Oseira. En agosto de 1964 unha cuadrilla de amigos, todos eles membros do Sindicato Vertical, reuníronse para realizar unha comida cuxo protagonista indispensable da mesma era o polbo. Propúxose celebrar esta festa cada ano para todos os veciños. Tan só dous anos despois, en 1966 vendéronse xa 3.000 racións de polbo. A celebración goza desde 1972 da declaración de Festa de Interese Turístico. Precisamente por este título a festa foi alcanzando fama e notoriedade, sendo hoxe día unha cita inescusable para os amantes deste manxar. 

Esta festa celébrase sempre o segundo domingo de agosto, coincidindo coa subida ao Monte da Guarda.

Que o pasedes ben!

FONTE: Carmen Rodríguez/laregion.es

0 comentarios