Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... A SAGRADA FAMILIA XA É A IGREXA MÁIS ALTA DO MUNDO

A Sagrada Familia xa superou por escasos metros a igrexa máis alta do mundo ata o momento, Ulmer Münster (Alemaña), tras colocar a primeira gran peza da cruz que coroa a torre de Xesucristo.

A colocación desta primeira peza da cruz eleva a basílica barcelonesa ata os 162,91 metros, de maneira que supera por pouco máis dun metro á igrexa da localidade alemá de Ulm, cuxa agulla alcanza os 161 metros, segundo figura na páxina web oficial do templo xermano.

Ata o presente, Ulmer Münster estaba considerada como a igrexa máis alta do mundo, un récord que agora pasa a mans da Sagrada Familia, que aínda non está terminada, polo que aínda quedan metros por crecer.

Aínda que agora a torre de Xesucristo, a máis alta do templo de Antoni Gaudí (1852-1926), chega aos 162,91 metros, cando termine a instalación de toda a cruz alcanzará os 172,5 metros.

Quedará lixeiramente por baixo da montaña barcelonesa de Montjuïc (173 metros) por desexo expreso de Antoni Gaudí, que non quería exceder un elemento da natureza porque o consideraba como unha "obra de Dios". 

Está previsto que a torre de Xesucristo estea finalizada en cuestión de meses, aínda que a inauguración oficial será o próximo xuño, coincidindo co centenario da morte do arquitecto catalán.

A nova peza colocada na torre de Xesucristo esta semana corresponde ao brazo inferior da cruz, cunha altura de 7,25 metros e un peso de 24 toneladas.

Chegou o pasado mes de xullo dividida en catro paneis que se situaron nunha plataforma de traballo, sobre a nave central, a 54 metros de altura, para levar a cabo as tarefas de ensamblaxe, a instalación dos vidros e as obras interiores, e a colocación de pedra.

Cunha xeometría de dobre xiro, o brazo inferior presenta unha forma cadrada na base que se transforma en octagonal na parte superior. 

O exterior está revestido con cerámica branca esmaltada e vidros, materiais que destacan pola súa luminosidade e resistencia ás condicións atmosféricas. 

FONTE: elprogreso.com

0 comentarios