Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia (III-FIN)
Continúo, e remato, coa listaxe dos cinco animais vertebrados, que están ou podería estar extintas a nivel local na comunidade, recollidos pola Consellería de Medio Ambiente.
Se onte falamos da Gaivina negra (Chlidonias niger) e da Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus), hoxe...
4. Esturión (Acipenser sturio)
Durante a segunda metade do século XX, o esturión desapareceu de Galicia, ao igual que en gran parte de España. Así, tratouse dunha extinción en período histórico, xa que actualmente está desaparecida a poboación que previamente poboou o río Miño no que era tan abundante que a súa carne se chegou a utilizar como fertilizante e os seus ovos como alimento para porcos.
Un xornal do ano 1963 sinalaba que nas augas do Miño podían pescarse esturións de 300 quilos de peso. Con todo, a alteración do seu hábitat por medio da regulación dos álveos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de freza foron as principais causas da súa extinción, ademais das capturas accidentais e a pesca de individuos para a extracción dos ovos.
5. Cabra montesa galega (Capra pyrenaica lusitanica)
Esta subespecie de cabra montesa autóctona desapareceu na segunda metade do século XIX, ata que os últimos exemplares se rexistraron en Portugal entre 1890 e 1892. A tamén coñecida como cabra do Xurés desapareceu, en parte, pola destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada.
Segundo sinala a Consellería de Medio Ambiente, na actualidade está en marcha un plan de reintrodución dunha especie semellante á cabra montesa galega, coñecida cientificamente como Capra pyrenaica victoriae. Así, os exemplares empregados para a cría en catividade e a súa posterior reintrodución proceden da Serra de Gredos, e xa poden verse individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.
Fin!
FONTE: gciencia.com Imaxe: Bibliothèque nationale de France e Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa
0 comentarios