Blogia
vgomez

Un ensaio antes da grande eclipse: a coincidencia astronómica que anticipa en Galicia o evento do ano

Unha coincidencia astronómica coñecida como o "día xemelgo da eclipse" permite facer un ensaio o 30 de abril baseado na inclinación da Terra / @trioeclipses vía X

O 12 de agosto, Galicia mergullarase na escuridade arredor das 20:30 horas debido á banda de totalidade da eclipse total de Sol que poderá verse dende a comunidade. Trátase dunha experiencia que, sen moverse do lugar de residencia, adoita pasar unha vez cada tres séculos. Por iso, é un acontecemento que convén planificar con antelación, xa que un edificio ou mesmo unhas árbores poden arruinar a observación. Neste contexto, unha coincidencia astronómica coñecida como o día xemelgo da eclipsepermitirá facer un ensaio previo o 30 de abril grazas á inclinación da Terra.

Dende o perfil de @trioeclipses na rede social X, que informa sobre os fenómenos astronómicos previstos en Galicia nos próximos anos, explican que, debido á simetría da órbita terrestre, o Sol describe exactamente o mesmo arco no ceo en dúas datas distintas do ano que se atopan á mesma distacia do solsticio. Eses días serán o 30 abril e o 12 de agosto. Así, arredor das 20:25 horas, o astro ocupará unha posición moi similar á que terá o día da eclipse, coa mesma altura e seguindo o mesmo percorrido.

O fenómeno astronómico producirase moi preto do horizonte, algo pouco habitual nas eclipses totais. O Sol estará apenas a uns poucos graos de altura cando chegue a totalidade, polo que calquera obstáculo podería estragar a observación. Por iso, este “día xemelgo da eclipse” convértese nunha ferramenta útil para planificar onde velo. Se non é posible facer a proba este mércores, tamén se obterán datos moi semellantes dous días antes (o 28 de abril) ou dous días despois (2 de maio). Se o Sol é visible dende o lugar escollido, haberá vía libre; senón, talvez sexa o momento de buscar un plan B.

O Colexio Oficial de Ópticos Optometristas de Galicia considera o 30 de abril un momento ideal para probar as lentes de eclipse, fundamentais para visualizar correctamente e con seguridade o fenómeno de agosto. Con todo, non fan falta nin telescopios nin instrumentos complexos: abonda con estar presente.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

0 comentarios