Blogia
vgomez

Ata 44 toneladas de metano ao ano: así deixa a súa pegada o gas no fondo da ría de Vigo

Mapa das sondaxes e os campos de gas cartografados (en rosa) / Jon Gardoki

Estímase que a ría de Vigo libera entre 18 e 44 toneladas de metano ao ano, segundo un estudo de 2007, publicado en ScienceDirect e elaborado pola Universidade de Vigo (UVigo). Trátase dun campo que levan estudando durante máis de vinte anos os investigadores da institución viguesa, levando a cabo unha caracterización completa e unha cartografía en detalle dos campos de metano, un gas de efecto invernadoiro relativamente potente e un dos principais compoñentes do gas natural. Agora, unha nova investigación da Universidade do País Vasco, publicada en ScienceDirect, afonda en cales son os efectos deste composto sobre as comunidades biolóxicas, tanto actuais como semifósiles, un aspecto antes descoñecido. Desta forma convértese nun dos primeiros traballos sobre metano a nivel costeiro, xa que se adoita estudar en ecosistemas mariños.

Para poder conseguir esta información, os investigadores tomaron a cartografia dos campos de gas de investigadoras como Soledad García Gil, do Centro de Investigación Mariñas (CIM-UVigo), e recolleron sondaxes en tres zonas próximas a campos de gas pouco profundos da ría de Vigo. Así, a partir destas mostras, analizaron os microorganismos presentes, concretamente os foraminíferos bentónicos, organismos unicelulares cunha pequena cuncha calcárea, a fin de coñecer como o metano afecta á súa distribución e abundancia, aspectos que queda reflectidos no sinal isotópico.

A produción de materia orgánica da ría de Vigo leva á aparición dunha elevada cantidade de metano”, sinala Jon Gardoki, primeiro autor do artigo. Así, a materia remata por ser depositada nos sedimentos. Aquela que non é consumida por outros organismos mantense enterrada durante decenas de miles de años, transformada por bacterias e mecanismos xeoquímicos ata producir metano. Con todo, a pesar de que é un gas que se asocia co cambio climático, este novo estudo céntrase no seu impacto biolóxico.

Para estudar o carbono, os foraminíferos son especialmente útiles. Mentres que a membrana dunha bacteria se degrada e desaparece unha vez morta, os foraminíferos, seres unicelulares, manteñen a súa cuncha intacta cando falecen, o que permite reconstruír as condicións do pasado. “As especies non parecen estar afectadas polas emisións de metano en termos de biodiversidade nin abundancia”, explica o investigador Gardoki, pero si que manteñen os restos no seu cacho ao longo do tempo.

O estudo conta tamén con análises de composición isotópica do carbono δ¹³C (mide as relacións isotópicas do carbono-13 respecto do carbono-12) e do osíxeno δ¹8O (mide as relacións isotópicas entre o osíxeno-18 y osíxeno-16) desas cunchas. Así, un dos resultados máis chamativos é que entre o 0% e 33% do carbono incorporado por alguns microorganismos procede do metano. É un dato procedente da aplicación do modelo de mestura isotópica que, de maneira tentativa, permite cuantificar cal é a porcentaxe de carbono inorgánico disolto do metano. “O metano en sedimentos pode producir transformacións: as cunchas calcáreas teñen calcita, a calcita contén carbono, e o carbono provén do metano”, apunta o investigador.

Ademais, os investigadores atoparon que, nalgúns niveis das sondaxes realizadas, os sinais non se corresponden a un sinal normal dun ambiente oceánico ou costeiro. “É o primeiro dato que atopamos sobre como o metano influencia a comunidades e permite coñecer que sinal deixa”, indica Jon Gardoki. Engade que se trata dun achado relevante, xa que nun futuro se poderá estudar que sinais deixa o metano ao longo de decenas de miles de anos, en base ao sinal isotópico dos foraminíferos.

A investigación entre a Universidade do País Vasco amosa que a influencia do metano na ría de Vigo non é uniforme, senón que aparece en pequenos intervalos de sedimento. “A pesar de que sabíamos que distribución do metano é heteroxénea, interpretamos que se poden producir migracións laterais deste gas a escala moi pequena”, indica. Desta forma, este gas de efecto invernadoiro pode desprazarse horizontalmente uns centímetros aproveitando capas máis permeables de sedimento: “A unha determinada profundidade pode non haber sinal isotópico, pero máis abaixo si”.

O aumento da temperatura pode producir que chegue unha maior migración de metano. “Non ocorreu na ría de Vigo nin digo que vaia ocorrer, pero é un proceso a considerar”, apunta. Con todo, achados como as análises de foraminíferos bentónicos son especialmente relevantes para poder entender a saúde da ría de Vigo e a súa futura evolución, ou mesmo monitorizar outros ecosistemas mariños semellantes, como a ría de Arousa. “Non afecta de forma uniforme a todas as comunidades”, apunta, polo que é importante un estudo individualizado.

Pero a investigación debe seguir o seu curso: “A miña pregunta agora mesmo é se podemos estudar máis sondaxes da ría interna, onde os campos de gas están máis na superficie”. Así, con vistas ao futuro, Jon Gardoki agarda poder seguir analizando o impacto biolóxico do metano na parte interna e externa da ría, ademais das zonas onde o campo de gas se atopa aínda a unha maior profundidade, a fin de coñecer como afecta o sinal isotópico dos foraminíferos.

FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com

0 comentarios