O accidente máis útil da historia: o nacemento do funil
Hai inventos que xorden de anos de estudo, de laboratorios punteiros e de mentes brillantes que perseguen unha idea con obstinación case patolóxica. E logo están os outros: os que aparecen porque alguén derramou algo no momento equivocado, no lugar equivocado, e tivo a lucidez de preguntarse por que aquilo funcionaba tan ben.
O funil pertence, case con toda seguridade, a esta segunda categoría.
O funil é un dos obxectos máis antigos e universais da historia humana e a súa orixe ten máis de accidente doméstico que de xenialidade planificada.
O problema cos inventos moi antigos é que ninguén os documenta. Cando algo se converte en algo tan cotián que todos o usan ninguén sente a necesidade de escribir sobre iso. O funil sofre exactamente esa maldición. Os arqueólogos atoparon funís de cerámica en xacementos do antigo Exipto, en Mesopotamia e na civilización do Indo.
Para entender o nacemento do funil hai que situarse no contexto das primeiras civilizacións agrarias, onde almacenar e transvasar líquidos (aceite, viño, cervexa ou auga) era unha tarefa diaria e absolutamente crítica para a supervivencia. As vasillas da época tiñan bocas estreitas por unha razón práctica, reducir a evaporación e evitar que entrase sucidade. O problema é que introducir un líquido por unha boca estreita, cando o tes nun recipiente grande e pesado, é unha operación moi complicada.
A física non perdoa. O líquido cae, salpica e derrámase. Nalgún momento (e aquí é onde a historia se volve deliciosamente especulativa) alguén colleu un obxecto cónico que tiña a man. Poida que fose unha folla grande enrolada, poida que fose un fragmento de cerámica rota con forma casual de cono ou poida que fóra, simplemente, o corno dun animal. O caso é que este obxecto, colocado sobre a boca da vasilla, resolveu o problema de golpe.
O líquido entraba pola parte ancha, concentrábase na estreita e caía dentro sen desperdicio. Era tan obvio e tan elegante que é case imposible que alguén o inventase no sentido clásico. O máis probable é que ocorrese por accidente, que alguén o vise funcionar, e que a idea se propagase de taller en taller, de aldea en aldea, sen que ninguén se molestase en apuntar o nome do responsable.
De feito, o candidato máis serio ao título de primeiro funil da historia non é un obxecto fabricado con ese propósito, senón un reutilizado: o corno de boi ou de cabra.
En varias culturas do Oriente Próximo antigo os cornos ocos usábanse como funís naturais moito antes de que ninguén fabricase un de cerámica. A forma é idéntica: ancha na base e estreita na punta. A natureza xa resolvera o problema de enxeñería; os humanos só tiveron que darse conta.
Este salto (de observar que un corno funciona como funil a fabricar deliberadamente un obxecto con esa forma) é o tipo de innovación que os historiadores da tecnoloxía chaman transferencia morfolóxica. Non inventas a forma, simplemente a copias de onde xa existe. A natureza leva millóns de anos optimizando xeometrías e nós levamos miles de anos copiándoa e chamándoo enxeño.
A gran revolución do funil chegou cando alguén decidiu fabricalo en cerámica. Isto é importante porque a cerámica deixa un rastro arqueolóxico. Os funís de corno ou de folla podrecen, pero os de barro cocido sobreviven milenios. E o que os arqueólogos atoparon é revelador: os funís de cerámica máis antigos que coñecemos, datados ao redor do 3500 a. de C. en Mesopotamia, xa son obxectos perfectamente estandarizados. Non son experimentos torpes, son artefactos refinados, con proporcións coidadas e foron fabricados en serie.
Isto dinos algo importante: para cando alguén decidiu facer un funil de cerámica, a forma xa era tan coñecida e tan universalmente útil que non facía falta explicala. Era un obxecto que todo o mundo entendía de inmediato. O que a cerámica achegou non foi o concepto, senón a durabilidade e a posibilidade de estandarizar a produción.
O fascinante do funil é que funciona grazas a principios que tardarían miles de anos en ser formulados matematicamente. A conservación da masa, a hidrostática e a tensión superficial, toda a física que hai detrás dese obxecto cónico e oco foi descrita por primeira vez por científicos que viviron moito despois de que o funil levase xa séculos sendo un utensilio banal en calquera cociña ou adega.
A historia do funil é, no fondo, unha historia sobre como funciona realmente a innovación cando se desposúe de mitoloxía. Non é o xenio solitario que ten unha iluminación, senón a acumulación paciente de pequenos accidentes útiles e de observacións compartidas.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia
0 comentarios