Blogia

vgomez

Irène Joliot-Curie: unha física comprometida

Ser a filla de Marie Curie pode parecer unha condena para pasar unha vida á sombra dunha das científicas máis importantes de todos os tempos. Con todo, o talento de Irène Joliot-Curie brilla por si só e o seu nome non necesitou de ninguén para pasar á historia da ciencia.

Irène naceu o 12 de setembro de 1897, en París. Desde moi pequena demostrou gran interese e habilidade polas matemáticas. Na súa infancia non asistiu ao colexio, pois os seus propios pais e as amizades destes ensináronlle todo o necesario, en algo parecido a unha cooperativa de ensino. Os estudos de secundaria si os fixo de forma regrada, no Colexio de Sévigné e ingresou na Facultade de Ciencias da Universidade de París en 1914, con dezasete anos. Alí estudou Física e Matemáticas, pero tivo que interromper temporalmente os seus estudos debido á Primeira Guerra Mundial. Neste período da súa vida axudou á súa nai para servir no servizo de radioloxía coas petites curies, aquelas ambulancias equipadas cun aparello de raios X portátil inventado polo español Mónico Sánchez. Acabou dirixindo o desenvolvemento dos dispositivos de raios X nas instalacións de hospitais militares de Bélxica e Francia. Unha vez finalizada a guerra, recibiu a Medalla Militar.

En 1918 pasou a ser asistente da súa nai no Instituto do Radio (actual Instituto Curie) en París, onde completou a súa tese doutoral sobre os raios alfa do polonio. Dita tese foi dirixida por Paul Langevin, colega e amigo dos seus pais. É o momento no que coñeceu a Jean Frédéric Joliot, con quen casaría en 1926. Ambos tomaron o apelido Joliot-Curie. Ao ano seguinte nacía Hélène e en 1932, Pierre. O matrimonio pronto comezou a investigar en conxunto, especialmente no ámbito da física nuclear. Investigaron a estrutura do átomo e en particular a do núcleo.

No seu tempo descubríronse o neutrón (1932) e o positrón (1932). No ano 1934 conseguiron producir por primeira vez elementos radioactivos de forma artificial. Lográrono bombardeando boro, aluminio e magnesio con partículas alfa. A partir de aquí puideron demostrar que hai isótopos inestables que emiten radiación no seu proceso de descomposición. Grazas a este descubrimento engadíronse á táboa periódica máis de 400 radioisótopos. As aplicacións actuais esténdense desde a investigación científica ata os usos médicos.

A relevancia do seu descubrimento é de tal envergadura que as consecuencias non se fixeron esperar, pois en 1935 recibiron ambos o Premio Nobel de Química, polas súas sínteses de elementos radioactivos. A súa nai, Marie Curie, que obtivo o mesmo recoñecemento en 1911, non puido celebrar o novo triunfo familiar: morrera só un ano antes.

O matrimonio Joliot-Curie tamén investigou as reaccións en cadea e mesmo traballou nun posible reactor nuclear. Irène foi nomeada por Léon Blum en 1936 como subsecretaria de Estado de Investigación Científica, pero apenas tres meses no cargo decidiu deixalo debido ás súas diverxencias, sendo sucedida polo físico Jean Perrin, premio Nobel en 1926. Dez anos despois asumiría a cátedra de Física Xeral e Radioactividade da Sorbona e a dirección do Laboratorio Curie do Instituto do Radio. Pero en 1951 foi apartada da Comisión Francesa de Enerxía Atómica polas súas simpatías co Partido Comunista Francés.



Aos poucos, o matrimonio foise involucrando activamente en política e no debate do impacto social do uso da radioactividade. Irène participou no Comité de Vixilancia contra o Fascismo, fundado polo seu director de tese, Paul Langevin. En 1948 viaxou a Estados Unidos para dar conferencias en favor dos republicanos españois exiliados. Durante esta viaxe, foi retida en Ellis Island, pero tras a súa liberación, esperábaa en Princeton o mismísimo Albert Einstein.

Durante a Segunda Guerra Mundial decidiu quedar en Francia, sobre todo polos seus problemas de saúde, que a obrigaban a acudir con frecuencia ao sanatorio de Dordoña ou o de Alta Saboya. Con todo, trasladou aos seus fillos a Suíza durante varios meses en 1944. Ao ano seguinte aceptou a vicepresidencia da Unión de Mulleres Francesas e adheriuse ao Comité Mundial para a Paz e o Desenvolvemento. As bombas sobre Hiroshima e Nagasaki empuxárona a converterse en militante contra o uso militar da enerxía nuclear, unha postura que compartiron centos de científicos da época.

En 1954 dirixiu a construción dun acelerador de partículas para a Universidade de Orsay, que se puxo en marcha poucas semanas antes do seu falecemento. Irène Joliot-Curie morreu o 17 de marzo de 1956 en París, vítima de leucemia causada pola súa exposición á radiación durante as súas investigacións.

FONTE: Eugenio M. Fernández Aguila/muyinterasnte.com

#DígochoEu: Palabras de Nadal

Recordamos palabras relacionadas co Nadal!

#DígochoEu

A Lúa 'maquillou' a súa idade e é en realidade moito máis antiga do que criamos

Theia, un protoplaneta do tamaño de Marte, chocou coa Terra e dos seus entullos formouse a Lúa / NASA/JPL-Caltech

 

Hai ao redor de 4.000 millóns de anos, o Sistema Solar era un lugar extraordinariamente violento. Restos da recente formación do Sol chocaban entre si por todas partes, fusionábanse e medraban para dar lugar aos planetas, e todos disputaban as posicións orbitais que hoxe ocupan os escasos sobreviventes daqueles tempos convulsos.

A Terra, por suposto, non se librou desa época de colisións continuas. A maior de todas elas foi cun candidato a planeta que xa tiña o tamaño de Marte e ao que coñecemos como Theia. O impacto debeu de ser tremendo. A incipiente codia terrestre converteuse nun océano de lava, e enormes fragmentos de Theia afundíronse ata o máis profundo do manto, onde aínda se atopan na actualidade.

Tras a titánica colisión, o resto do protoplaneta esnaquizado ’rebotou’ de novo cara ao espazo, en forma dun sen número de entullos de todos os tamaños que, capturados pola gravidade terrestre, fusionáronse entre si e deron orixe á Lúa. Ese é, hoxe, o escenario que os científicos consideran máis probable para explicar a existencia do noso satélite. Pero o momento exacto dese impacto xigantesco non resulta fácil de determinar.

Ata o de agora, os científicos tentárono datando mostras de rochas lunares que se presume cristalizaron no océano de magma lunar que existía xusto despois do impacto, o que dá á Lúa unha idade aproximada de 4.350 millóns de anos. Pero eses cálculos non teñen en conta as discrepancias existentes co modelo térmico, nin tampouco outras probas, como o número de cráteres que hai na lúa (menor do que debería ser), ou a idade dalgúns minerais de circón obtidos da propia superficie lunar, que cos seus 4.530 millóns de anos suxiren que a Lúa podería ser considerablemente máis antiga do que se pensaba.

Agora, un equipo de investigadores liderado por Francis Nimmo, da Universidade de California en Santa Cruz, descubriu que a Lúa está ’a disimular’ a súa verdadeira idade, parecendo máis nova aos ollos dos científicos do que é en realidade. O traballo acábase de publicar en Nature.

Segundo Nimmo e os seus colegas, en efecto, a frecuente aparición de rochas lunares máis novas, de 4.350 millóns de anos de antigüidade, podería ser o indicativo dun segundo evento de fusión, impulsado pola evolución orbital da Lúa e varios centos de millóns de anos posterior ao que se produciu xusto despois do impacto con Theia. É dicir, que esas rochas ’novas’ non proceden da primeira solidificación do océano de magma lunar, senón doutra posterior.

Para chegar a esa conclusión, os autores utilizaron modelos informáticos que mostran que a Lúa puido experimentar suficiente quecemento por marea como para provocar esta nova ’refundición’ da súa superficie hai aproximadamente 4.350 millóns de anos, o que ’puxo a cero’ o contador da súa idade.

Ademais, esta segunda fusión da superficie da Lúa explicaría por que hai menos concas e cráteres de impacto do que cabería esperar, xa que serían borradas durante o evento de quecemento. Os autores, por tanto, sosteñen que a Lúa se formou antes do que se pensaba, hai entre 4,43 e 4,53 mil millóns de anos, moi pouco tempo despois da formación do propio Sol. Un achado que axudará a comprender mellor o proceso de formación dos planetas terrestres do noso sistema.

FONTE: José M. Nieves/abc.es/ciencia

#DígochoEu: A ver se non estás conxugando ver o verbo

Aprende a conxugar o verbo sentir!

#DígochoEu

SOLUCIÓN ENCRUCILLADO CLXVII

VERTICAIS: 1. MARISCO 2. FIGOS 5. BACALLAU 7. MAZAPÁN 9. TURRÓN.

HORIZONTAIS: 3. SIDRA 4. VIÑO 6. CAPÓN 8. UVAS 10. POLVORÓN.

Non poden faltar nas comidas de Nadal!

#DígochoEu: Non digas *sonajero

En galego non existe *sonajero! Entón como se di? Atentos!

#DígochoEu

ENCRUCILLADO CLXVII

VERTICAIS: 1. Calquera dos moluscos de cuncha ou crustáceos mariños comestibles 2. Froitos da figueira, moi brando e doce, de pel fina e carne chea de sementes miúdas 5.  Peixe da familia dos gádidos, de ata un metro e medio de tamaño, propio de mares fríos, de pel verdosa con manchas castañas claras no dorso, moi apreciado pola súa carne, que adoita conservarse salgándoa e secándoa, e de nome científico Gadus morhua 7. Doce preparado a base de azucre e améndoa moi moída, que se fai moitas veces en forma de figuriñas 9. Doce de forma rectangular que se fai con améndoas amasadas con mel ou azucre e é típico do Nadal.

HORIZONTAIS: 3. Bebida con alcohol que se obtén ao fermentar o zume de mazá 4. Bebida alcohólica que se obtén da fermentación do zume de uva 6. Galo castrado e cebado 8.  Froitos da vide, redondo ou ovado, agrupado con outros en acios, do que se obtén o viño 10. Doce de textura fariñenta, feito con fariña, manteiga e azucre, que se desfai facilmente e se converte en po, ao metelo na boca.

CHEGA O INVERNO 2024-2025

Hoxe, 21 de decembro, ás 12:15 horas comeza o inverno, mentres que no hemisferio sur comeza o verán. Durará ata o 20 de marzo 2025, momento no que comezara a primavera.

Tempo de frío, chuvias e ventos. Abrigarse!

Imaxe: metsul.com