Blogia

vgomez

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO VIII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

8. Italia: Coliseo Romano

O Coliseo ou Anfiteatro Flavio é un anfiteatro da época do Imperio romano, construído no século I e situado no centro da cidade de Roma. A súa denominación orixinal, Anfiteatro Flavio, fai referencia á dinastía Flavia de emperadores que o construíu; o seu nome posterior, Coliseo, e polo que é máis coñecido na actualidade, débese a unha gran estatua que había preto, o Coloso de Nerón, que non chegou ata nós. Pola súa conservación e historia, o Coliseo é un dos monumentos máis famosos da Antigüidade clásica. Foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1980 pola Unesco e unha do Novas Sete Marabillas do Mundo Moderno en 2008.

Na moeda de 5 céntimos deste país aparece este Coliseo.

Mañá outra moeda, neste caso, do mesmo país e máis coñecementos!

FONTE: Clara González Freyre/Verne/elpais.com e es.wikipedia.org

ENIGMAS MATEMÁTICOS DE MARTIN GARDNER (FIN) E ENIGMAS MATEMÁTICOS DE LEWIS CARROLL (I)

Aquí tes a resposta ao enigma do día anterior.

A rexión B está dentro da curva. Iso sábese grazas a un interesante teorema sobre as curvas pechadas simples. Todas as rexións de dentro nese tipo de curva están separadas das outras por un número par de liñas. O mesmo ocorre coas rexións de fóra. E calquera rexión de dentro está separada de calquera de fóra por un número impar de liñas. O 0 é considerado como un número par, así que se non hai liñas entre dúas rexións, serán parte do mesmo lado. Neste caso, cando pasas por calquera parte da rexión Á calquera da  B, no camiño cruzarás un número par de liñas. O camiño da ilustración cruza a liña 4 veces, por iso, antes de poder ver o debuxo enteiro, podíase dicir con certitude que ambas as rexións estaban dentro.

Agora propónoche un novo enigma. Un dos enigmas que nos deixou o autor de "Alicia no país das marabillas", Lewis Carroll, quen baixo o seu verdadeiro nome, Charles Lutwidge Dodgson (1832-1898) era un matemático inglés e, nos seus últimos anos de vida, dedicou parte do seu tempo ás matemáticas recreativas.

No teu xardín, hai nove rosas plantadas nun círculo perfecto. Pero xa te cansaches de ver o mesmo todo o tempo. Tes tres opcións para cambialas, pero cada unha ten as súas regras:

1. Planta as 9 rosas de maneira que crees 8 filas con 3 rosas en cada fila.

2. Planta as 9 rosas de maneira que crees 9 filas con 3 rosas en cada fila.

3. Planta as 9 rosas de maneira que crees 10 filas con 3 rosas en cada fila.

A intentalo. Mañá a solución!

FONTE: bbc.com/mundo

BANDEIRAS DO MUNDO IX

Esta é a bandeira da India (República da India/भारत गणराज्य, Bhārat Gaṇarājyala), país situado na Asia Meridional. É o segundo país máis poboado do mundo, con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. A súa capital é Nova Deli e os idiomas oficiais son o hindi e o inglés.

A bandeira é unha enseña tricolor rectangular de cores azafrán, branco e verde indio, co Ashoka Chakra, unha roda de vinte e catro raios, de cor azul no centro. A cor azafrán denota renuncia. O branco no centro marca o camiño da verdade para guiar a nosa conduta. O verde mostra a nosa relación co sol, a nosa relación coa vida vexetal. O ashoka chakra no centro do branco é a roda da xustiza de dharma. A roda representa o dinamismo dun cambio pacífico. Representa tamén as 24 horas dun día.

Mañá outra bandeira e outro país!

FONTE: gl.wikipedia.org

UNHA NOVA TÉCNICA DE MODIFICACIÓN XENÉTICA: PRIME EDITING

O químico estadounidense David Liu, da Universidade de  Harvard / Imaxe: Casey Atkins

Ao químico californiano David Liu prohibíronlle a entrada no casino do hotel MGM  Grand, en Las Vegas, cando tiña 29 anos. Gañaba demasiado diñeiro apostando na mesa do blackjack, o xogo de cartas no que hai que sumar unha puntuación o máis próxima a 21, pero sen pasarse. Triunfaba utilizando “matemáticas simples”, segundo asegurou por entón nunha entrevista coa revista da súa universidade, a de Harvard, en EE UU. Hoxe, Liu é un dos mellores científicos do planeta. E acaba de descubrir unha nova técnica para modificar cunha precisión sen precedentes a información xenética dos seres vivos.

As células humanas teñen o seu manual de instrucións escrito con catro letras (ATTGCTGAA…) en dous metros de ADN encartados de maneira asombrosa. As ferramentas de edición xenética, como a técnica CRISPR que revolucionou os laboratorios desde 2012, son capaces de buscar unha secuencia concreta de letras e cortala de maneira específica cunha especie de tesoiras moleculares, inserindo nova información coma se fose un procesador de textos. O problema é que, a miúdo, a operación falla e xéranse mutacións non desexadas. Como resultado, a maior parte das 75.000 variantes xenéticas humanas asociadas a enfermidades non se poden corrixir actualmente no laboratorio, segundo os cálculos do equipo de Liu. O seu método, afirman, pode reparar o 89%.

A técnica, bautizada prime editing (“edición de calidade”), é “elegante e fascinante”, en palabras do xenetista Lluís Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía, en Madrid. “Estamos diante unha proposta disruptiva, algo novo, que non existía e que obrigará a revisar as posibilidades terapéuticas derivadas da edición xenética”, celebra. O equipo de Liu publicou na revista Nature os resultados de 175 experimentos en células humanas no laboratorio, incluíndo a corrección das causas xenéticas de trastornos como a anemia de células falciformes e a enfermidade de  Tay-Sachs.

Nunha célula, as instrucións contidas no ADN tradúcense a outra linguaxe, o  ARN, como paso intermedio para dirixir a fabricación de proteínas, por exemplo a hemoglobina que transporta o osíxeno no sangue ou os anticorpos que defenden ao organismo do ataque de virus e bacterias. Na técnica CRISPR habitual, os científicos deseñan unha molécula de ARN complementaria á secuencia de ADN que queren editar e engaden unha proteína Cas9, que actúa como unhas tesoiras. Esta máquina molecular é capaz de atopar o tramo de ADN desexado e cortalo, engadindo se é preciso outro fragmento de ADN con nova información sintetizada polos científicos.

A estratexia de David Liu é diferente. O californiano, segundo explica Montoliu, inventou “unha nova proteína  quimérica”, que utiliza unha variante das tesoiras Cas9 capaz de cortar unha soa das dúas cadeas que forman a característica dobre hélice do ADN, evitando así mutacións  indeseadas.

Para dirixir a súa máquina molecular a un lugar concreto do xenoma, Liu utiliza unha guía de ARN e “nada menos que unha  transcriptasa  reversa, unha proteína que usan fundamentalmente os virus para copiar o seu ARN en ADN, investindo o fluxo  canónico da información xenética, que parte do ADN e cópiase a ARN, para acabar converténdose nunha proteína”, detalla Montoliu. “A guía de ARN neste caso esténdese e ten un extremo novo, máis longo, que é usado como  molde pola transcriptasa reversa para copiar novo ADN coa secuencia correcta, coa mutación corrixida”, engade o investigador. O prime editing escribe nova información xenética directamente no xenoma.

Necesítase moita máis investigación nunha ampla variedade de tipos celulares e organismos para entender mellor o prime editing e perfeccionalo”, recoñece o equipo de Liu na súa publicación na revista Nature.  Montoliu tamén é cauto, á espera de que outros laboratorios do mundo ensaien a nova ferramenta. “Esa será a proba do nove que nos dirá se este procedemento innovador para editar xenomas vai ter posibilidades e percorrido terapéutico ou se se vai a quedar como unha máis das decenas de propostas con variantes alternativas de CRISPR que coñecemos cada semana”.

O ano pasado naceron en China os dous primeiros bebés cuxo xenoma foi modificado para que fosen inmunes ao virus da sida. Este avance logrado polo polémico científico Hei Jiankui foi recibido con alarma pola comunidade científica porque a técnica de edición xenética CRISPR aínda non é perfecta e pode xerar mutacións non desexadas noutras partes do xenoma. O equipo de Liu demostrou en liñas celulares de laboratorio que o prime editing xera menos erros de edición nos lugares aos que vai dirixido, aínda que non analizou se hai erros fóra de sitio, advirte Hilary Sheppard, bióloga molecular da Universidade de Auckland (Australia) en opinións recollidas por  Science Media Centre. “Este é un avance fascinante que podería solucionar algúns dos problemas actuais da edición xenética, aínda que aínda queda tempo ata demostrar que pode corrixir erros no tipo de células esperado e en contextos clínicos”, explica a investigadora.

FONTE: Manuel Ensede/elpaís.com/ciencia

ENIGMAS MATEMÁTICOS DE MARTIN GARDNER (III)

Aquí tes a solución ao enigma do último día. Tratábase de que movendo unicamente dous escarvadentes, conseguir que a guinda quedase fóra da copa. Era lícito que a copa cambiase a súa orientación, pero debía ser congruente coa orixinal, é dicir, que a figura resultante poidera obterse a partir dunha rotación, simetría, translación, ou ambos, respecto da orixinal.

Agora outro enigma do lendario erudito Martin Gardner (1914-2010), do que estamos a celebrar o se aniversario de nacemento, e que se fixo famoso pola súa columna mensual "Xogos matemáticos", publicada na revista de divulgación científica Scientific American.

Unha curva pechada simple que é moi sinuosa está escondida baixo un pedazo de papel cun oco cadrado, de maneira que unha parte da curva é visible, como se ve na ilustración. Se che digo que a rexión A está dentro da curva, entón a rexión  B, está dentro ou fóra?

Mañá a solución e un novo enigma!

FONTE: Fernando Blasco/abc.es/ciencia e Dalia Ventura/bbc.com/ mundo

BANDEIRAS DO MUNDO VIII

Esta é a bandeira de Haití (República de Haití), un país do Caribe, na parte occidental da illa A Española. Cunha poboación que supera os 11 millóns de habitantes, a súa capital é Porto Príncipe. O seu idioma oficial é o francés e o criollo haitiano.

A bandeira está composta por dúas franxas horizontais, do mesmo tamaño, de cor azul (a superior) e vermella (a inferior). No centro da mesma figura, dentro dun rectángulo de cor branco, o escudo nacional. A bandeira de uso civil carece de escudo. As cores on un reflexo da súa antiga situación como colonia de Francia: o vermello e o azul son os mesmos da bandeira francesa. As cores azul e o vermello mantivéronse para representar aos haitianos, non así o branco, que quedou eliminado como símbolo do refugallo de calquera influencia branca. O azul representa aos antigos escravos e o vermello representa á poboación mulata.

Mañá outra bandeira e outro país!

FONTE: gl.wikipedia.org

A CULTURA QUE CONTEÑEN AS MOEDAS DO EURO VII

Continúo con esta serie que recolle a información cultural que amosan as distintas moedas do euro.

7. Grecia: O moucho da sorte

Durante moito tempo, Grecia considerou ao moucho (Athene noctua) como un animal sacro. E é que Atenea, deusa da sabedoría e da guerra, atópase emparentado con iste animal e apareceu representada xunto ao mesmo en numerosas ocasións. Aparecía na antigas moedas atenienses, a de catro dracmas, que representaba un moucho nunha cara e o rostro da deusa na outra. Este deseño popularizouse por todo o Mediterráneo, especialmente a partir do século V antes de Cristo, o que permitiu que se conserve un gran número de mostras destas antigas moedas nun estado envexable.

A moeda de 1 euro deste país é unha reprodución da moeda de catro dracmas ateniense.

Mañá outra moeda, doutro país e máis coñecementos!

FONTE: Clara González Freyre/Verne/elpais.com e es.wikipedia.org

ENIGMAS MATEMÁTICOS DE MARTIN GARDNER (II)

Aquí tes a solución a un dos pasatempos que tanto lle gustaban a Martin Gardner, do que estes días se está a celebrar o aniversario do seu nacemento.

Tratábase de dividir a figura proposta cun único corte de tesoira de modo que queden dúas formas idénticas, é dicir facer unha única liña (non necesariamente recta) que divida a figura en dous partes con igual forma.

Aquí tes un novo enigma matemático do mesmo autor.

Movendo unicamente dous escarvadentes, consegue que a guinda quede fóra da copa. É lícito que a copa cambie a súa orientación, pero debe ser congruente coa orixinal, é dicir, que a figura resultante poida obterse a partir dunha rotación, simetría, translación, ou ambos, respecto da orixinal.

Mañá a solución e un novo enigma!

FONTE: Fernando Blasco/abc.es/ciencia