Blogia
vgomez

COMUNICADOS

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA SOBRE O INICIO DE CURSO 2020-21

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA SOBRE O INICIO DE CURSO 2020-21
Estimadas familias

  Neste inicio de curso cheo de tantas incidencias e incertezas, o equipo directivo do IES A Sangriña considera que cómpre informar de todas as circunstancias ocorridas ata o de agora e que teñen como consecuencia a falta de decisións firmes cara a organización do vindeiro ano académico.

  A finais do curso pasado, reuníronse en conferencia sectorial de educación o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas. Resultado dos acordos acadados nesa conferencia (refrendados pola Consellería de Educación da Xunta, a CEUFP) foron as recomendacións feitas chegar polo Ministerio de Educación e polo Ministerio de Sanidad (versións do 10 de xuño e do 22 de xuño) nos que se establecía que, de cara ao vindeiro curso 2020-21, a distancia de seguridade sanitaria que tería que adoptarse entre os postos escolares nos centros de ensino sería de 1,5 mts. O 22 de xullo a CEUFP emitía as súas instrucións para o comezo do curso nas que asentaba unha distancia de 1 mts entre postos, distancia contraria ao acordado en xuño co ME. En base a esas instrucións da CEUFP os centros de secundaria en Galicia acomodaron as súas aulas seguindo a distancia marcada de 1 mt.

  A conferencia sectorial celebrada a finais de agosto entre o Ministerio de Educación, Ministerio de Sanidad e Consellerías de Educación e Sanidade das Comunidades Autónomas, levou á CEUFP a emitir unha novas instrucións de inicio de curso nas que se estipulaba a separación entre postos á distancia de 1,5 mts. Como consecuencia, os equipos directivos dos centros de secundaria tiveron que desfacer o feito en xullo e situar os postos a 1,5 mts resultando que o alumnado que antes cabía nas aulas, agora coa nova distancia, sinxelamente non cabe.

  O incrementar nun 50% a separación de seguridade facía que os centros necesitaran espazos/aulas no  que reubicar ao alumnado que había de desdobrar.  A tarefa non é sinxela posto que os espazos a priori máis amplos dos que contan os centros (laboratorios, ximnasios, bibliotecas etc) tampouco poden garantir, en moitísimos casos, á distancia de seguridade para ratios que están nun arco, no noso centro, de entre 25/30 alumnos/as. A solución pasa por desdobrar grupos, facelos máis pequenos, o que leva consigo a necesidade de reforzar o número de profesores/as.

  A través do Servizo de Inspección os centros que necesitaban desdobres solicitaron o número que estimaban oportuno para reforzar o seu profesorado. Aínda que a CEUFP nunca se pronunciou oficialmente ao respecto, semellaba que na primeira semana de setembro a Consellería aceptaría conceder reforzo de profesorado aos centros. Namentres o tempo corría e produciuse un cambio na titularidade da CEUFP e na súa cúpula (Secretaría Xeral Técnica, Dirección Xeral etc.) O novo equipo manifesta o día 9 de setembro ante o Consello Escolar de Galicia que vai potenciar a semipresencialidade (cambio de criterio que está en contra do acordado no seu día nas conferencias sectoriais de educación nas que os departamentos de educación das comunidades autónomas deciden, co Ministerio de Educación, defender a presencialidade). O xoves 10 a CEUFP segue introducindo cambios de criterios e, desta volta, de xeito radical xa que comunica aos centros que prescindan da solicitude de reforzo de profesorado e que anulen os desdobres volvendo a situar a distancia de “seguridade” entre alumnos/as a 1 metro auxiliando esta medida coa colocación de mamparas de metacrilato. Asemade, lanzan ese mesmo día un plan de semipresencialidade que colle a todos os equipos directivos sen preparación. Diante destas novas circunstancias, as directivas de moitas cidades e zonas galegas declaran que non poden empezar o curso o día previsto: o 16 de setembro. Moitos directores/as incluso manifestan que non abrirán os seus centros ese día xa que se a CEUFP non pode facilitar reforzos no profesorado para asistir aos desdobres, non se poden garantir as medidas anticovid. O novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, decide o día 11 pola mañá adiar o inicio do curso en secundaria ao día 23 de setembro.

  Neste contexto, o IES A Sangriña, proxecta as seguintes medidas organizativas de cara ao ano académico vindeiro:

  1. Solicitar reforzo de tres profesores/as para atender aos desdobres provocados no centro por implementar a distancia de seguridade de 1,5 mts.
  2. Pasar a horario de tarde os grupos de 1º e 2º de Bacharelato. A presencia simultánea no noso centro, caracterizado por unha infraestrutura claramente obsoleta, dunha matrícula de preto de 610 alumnos/as fai que: a) se provoque un problema de aulas para poder practicar desdobres; b) o uso das aulas, as deambulacións no centro, os usos dos espazos comúns, de recreo etc. presenten numerosos problemas. Por esta razón, o equipo directivo de A Sangriña decide planificar o horario de Bacharelato en horario de tarde de luns a venres para ofrecer un contexto de seguridade sanitaria máis garantista a toda a comunidade escolar.
  3. O horario de Ciclos de FP NON variará respecto ao rango horario do       pasado ano.

Estas medidas organizativas NON están concretadas a día de hoxe por razóns alleas á dirección do centro, razóns que dependen das seguintes circunstancias:

  1. A CEUFP non comunicou oficialmente a concesión do profesorado de reforzo solicitado polo centro. O Servizo de Inspección (sempre na liña da máxima colaboración co centro) valida a solicitude pero a CEUFP non se ten pronunciado ata o de agora.
  2. A confección definitiva do horario do centro (sobre todo ao referente aos horarios de ESO e aos horarios exactos da tarde de Bacharelato) depende da rectificación de horarios de autobuses que a concesionaria do transporte escolar da zona está pendente de facer a petición do centro. Esta dirección ten intención de situar as dúas horas de ESO dos luns pola tarde, nas mañás de dous días da semana. Para iso a concesionaria ten que recalcular rutas e horarios nunha nova planificación que, tras ser solicitada polo centro, a día de hoxe non está presentada.
  3. A CEUFP aposta pola semipresencialidade (como máis arriba queda explicado) mentras o IES A Sangriña decide desenvolver o ensino presencial xa que considera que os centros aínda non están preparados para unha planificación en semipresencialidade efectiva. Se a Consellería presionara a este centro no sentido de considerar un réxime semipresencial para Bacharelato, dende aquí manifestamos que sería coa nosa opinión en contra.

  As circunstancias arriba expostas, impiden, polo de agora, calquera toma de solucións resolutivas dende o punto de vista organizativo de cara ao vindeiro ano. Precisamos de certas confirmacións que aínda non temos polo que a toma de decisións estase a retrasar. O traballo do equipo directivo, profesorado, persoal non docente e ANPA do IES A Sangriña está condicionado por causas alleas á súa vontade. Comprendemos a vosa inquedanza que tamén é a nosa. Estamos seguros/as que a profesionalidade dos claustros do sistema de ensino secundario público serán quen de ofrecer o mellor dos servizos malia época tan adversa que estamos a atravesar. Porque o seu obxectivo é o mesmo que os das familias e o alumnado, usuarios/as  dese ensino público: a calidade dun servizo igualador e necesario.

 Calquera medida en firme adoptada será comunicada por esta mesma canle polo que pregamos permanezades atentos/as a esta web e ao perfil de Facebook do IES A Sangriña.

Un saúdo

A Dirección

FONTE: edu.xunta.gal/centros/iesasangrina

XIII ANIVERSARIO

13 anos de vida / Imaxe: galeria.dibujos.net

Cumpre este blog 13 anos de vida. Comenzou alá polo 5 de agosto de 2007 e dende aquela pasaron moitas cousas: traballaba, xubileime, unha pandemia... En datos, iste é o resumo:

Visitas ata hoxe:  334.222

Visitas no último ano:  9.706                      

Promedio mensual: 809 visistas/mes

Nº artigos publicados no último ano: 1.095

Promedio mensual: 91 artigos/mes

Visitas ata agosto de 2019: 324.516

Visitas ata agosto de 2018: 305.593

Visitas ata agosto de 2017: 265.645

Visitas ata agosto de 2016: 216.744

Visitas ata agosto de 2015: 165.935

Visitas ata agosto de 2014: 137.408

Visitas ata agosto de 2013: 117.568

Visitas ata agosto de 2012: 89.980

Visitas ata agosto de 2011: 56.615

Visitas ata agosto de 2010: 20.746

Visitas ata agosto de 2009: 13.780  

Visitas ata agosto de 2008:   5.588  

A todos e todas moitas grazas, pois sen vós esto non tería ningún sentido. Seguirei traballando sempre que estedes detrás.

MEDIDAS EDUCATIVAS PARA O CURSO 2020/2021

Instrucións do 30 de xullo 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación ás medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/2021, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos quese imparten as ensinanzas da educación infantil, da educación primaria, da educaciónsecundaria obrigatoria e do bacharelato.

Para ver estas medidas preme AQUÍ.

FONTE: Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  Imaxe: ultimahora.es

PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID-19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA PARA O CURSO 2020/2021

En setembro volven as clases. Como será o proximo curso escolar coa pandemia?

Na resolución conxunta das Consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Sanidade pola que se aproba o protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio do desenvolvemento da actividade lectiva no curso académico 2020/2021 nos centros de ensino non universitarios de Galicia, tes a contestación.

Para saber todo sobre iste asunto preme AQUÍ.

FONTE: edu.xunta.gal  Imaxe: Unha aula, en Noia/Miguel Muniz/abc.es

OBRIGATORIEDADE DO USO DAS MÁSCARAS

O DOGA de hoxe, publica a normativa sobre a obrigatoriedade do uso de máscaras. A obriga xeral será para as persoas de seis ou máis anos o seu uso, en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Para coñecer as regras específicas do seu uso, así como as excepcións do seu uso prema AQUÍ.

Este acordo producirá efectos desde o día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, é dicir esta madrugada, ás 00:00 do domingo 19 de xullo.

A saúde ben merece unha mácara!

CALENDARIO ESCOLAR 2020/2021

Hoxe publicoase no DOGA o calendario escolar para o curso 2020/2021 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

No 2º ciclo de educación infantil, na educación primaria e na educación especial, a impartición efectiva de clases realizarase do día 10 de setembro de 2020 ao 22 de xuño de 2021, ambos inclusive.

Na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato e na formación profesional, a impartición efectiva de clases realizarase do día 16 de setembro de 2020 ao 22 de xuño de 2021, ambos inclusive.

Os períodos de vacacións serán: Nadal (desde o día 23 de decembro de 2020 ata o día 7 de xaneiro de 2021, ambos inclusive), Entroido (días 15, 16 e 17 de febreiro de 2021) e Semana Santa (desde o día 27 de marzo ata o 5 de abril de 2021, ambos inclusive).

Días non lectivos: Día do Ensino (7 de decembro de 2020) e ata 2 días propostos polo Centro (nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local non coincidan con días de clase).

Para máis información sobre iste calendario preme AQUÍ.

Iso si, con permiso da pandemia!

COMEZA O VERÁN 2020

 

Hoxe, 20 de xuño,  ás 23 horas e 44 minutos hora oficial peninsular, comezará o verán.

Esta estación durará 93 días e 15 horas, e rematará o 22 de setembro co comezo do outono.

Aínda que sexa atípico, disfrutádeo, iso si, seguindo as indicacións sanitarias. Con sentidiño!

CAMBIO DE HORAR: HORARIO DE VERÁN 2020

Esta note, na madrugada do sábado 28 ao domingo 29 de marzo de 2020, producirase o cambio de hora, comenzando o horario de verán. Ás 2:00 horas haberá que adiantar os reloxos ás 3:00 horas, polo que durmiremos 1 hora menos e o día terá 23 horas. Por desgraza, nesta ocasión, a maioría da poboación pouco lle importa, pois estamos confinados.

Cando remataremos con esta historia!

Imaxe: noticiascyl.com