Blogia
vgomez

NOMES PROPIOS

SUSAN SOLOMON: PREMIO FUNDACIÓN BBVA FRONTEIRAS DO COÑECEMENTO - CAMBIO CLIMÁTICO

SUSAN SOLOMON: PREMIO FUNDACIÓN BBVA FRONTEIRAS DO COÑECEMENTO - CAMBIO CLIMÁTICO

Susan Solomon / Imaxe:elcomercio.es

A Susan Solomón, química estadounidense, acaba de ser galardoada co Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento na categoría de Cambio Climático por establecer as conexións entre atmosfera, clima e actividade humana.

Susan Solomon, naceu en 1956 en Chicago (EEUU). Licenciada en química polo Illinois Institute of Technology en 1977. Doutora en Ciencias Químicas pola Universidade de California, Berkeley en 1981, onde se especializou en química atmosférica.  Traballou para a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica. Foi  unha dos primeiros en propoñer clorofluorocarbonos como a causa do burato de ozono antártico. Dende 2011, forma parte do Departamento da Terra, a Atmosfera e Ciencias Planetarias no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. E membro da Academia Nacional de Ciencias de EE.UU., a Academia Europea das Ciencias e da Academia de Ciencias de Francia.

Os traballos de investigación de Solomon, desenvolvidos durante máis de 30 anos, axudáronnos a entender como as nosas accións inflúen na química da estratosfera e provocan nela modificacións duradeiras que transforman de forma decisiva os patróns climáticos.

Os Premios Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento queren recoñecer e incentivar a investigación e creación cultural de excelencia, en especial aquelas contribucións de amplo impacto pola súa orixinalidade e significado teórico, así como pola súa capacidade para desprazar cara a diante a fronteira do coñecido. Estes galardóns de carácter internacional convócanse en oito categorías: Ciencias Básicas (Física, Química, Matemáticas), Biomedicina, Ecoloxía e Bioloxía da Conservación, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Economía, Finanzas e Xestión de Empresas, Música Contemporánea, Cambio Climático e Cooperación ao Desenvolvemento.

Parabéns!

Se queres coñecer os galardoados en edicións anteriores só tes que premer AQUÍ.


NOBEL DE QUÍMICA 2012

NOBEL DE QUÍMICA 2012

Lefkowitz e Kobilka, premio Nobel de Química 2012 / Imaxe: Xornal ABC

Os científicos estadounidenses Robert Lefkowitz e Brian Kobilka  gañaron o premio Nobel de Química 2012 polas súas investigacións sobre un tipo de receptores da membrana das células que regulan múltiples funcións biolóxicas.

Dos receptores
aclopados ás proteínas G, como se denominan, depende a actividade de hormonas como a adrenalina ou a leptina, así como de neurotransmisores como a serotonina ou a dopamina. Regulan, polo tanto, dende o apetito ao estado de ánimo, pasando pola tensión arterial, o ton muscular ou as reaccións ante situacións de estrés. Aproximadamente a metade dos fármacos existentes actualmente basean a súa eficacia na acción destes receptores.

Robert Lefkowitz, naceu o 15 de abril de 1943 en Nova York (EEUU). Médico e investigador. Traballa no Instituto Médico Howard Hughes e no Centro Médico Universitario Duke, de Durham (EEUU).

Brian Kobilka, naceu no ano 1955 en Little Falls-Minnesota (EEUU). Desempaña a súa labor na Escola Universitaria de Medicina de Stanford (EEUU).

FONTE: Xornal ABC e Wikipedia

PREMIO NOBEL DE FÍSICA 2012

PREMIO NOBEL DE FÍSICA 2012

Gañadores do Nobel de Física. Á esquerda, Serge Haroche, e á dereita, David Wineland / Imaxe: lavanguardia.com

O científico francés Serge Haroche e o estadounidense David Wineland gañaron o premio Nobel de Física 2012 polas súas investigacións pioneiras no campo da óptica cuántica: "Os premiados abriron a vía a unha nova era de experimentación na física cuántica ao demostrar a observación directa de partículas cuánticas individuais sen destruílas".

Serge Haroche, naceu o 11 de setembro de 1944 en Casablanca (Marrocos). Físico francés. É membro da Sociedade de Física francesa , da Sociedad Europea de Física e investigador e membro da Sociedade Americana de Física.

David Wineland, naceu o 24 de febreiro de 1944 en Milwaukee-Wisconsin (EEUU). É membro da Sociedade Americana de Física, da Sociedade Óptica Americana e membro da Academia Nacional das Ciencias.

FONTE: Xornal La Vanguardia/ Wikipedia.org

PREMIO NOBEL DE MEDICINA 2012

PREMIO NOBEL DE MEDICINA 2012

 John B. Gurdon e Shinya Yamanaka / Imaxe: lavanguardia.com

Como cada ano dende 1901, Suecia prepárase para a entrega dos Premios Nobel, que premian as mellores investigacións e traballos nas disciplinas de Fisioloxía e Medicina, Física, Química, Literatura e Economía, ademais do recoñecido premio Nobel da Paz.

A orixe dos premios Nobel está vinculada ás circunstancias persoais do seu fundador: Alfred Nobel (1833-1896), un magnate que acumulou unha fortuna cos seus inventos, pero a quen lle atormentaban as consecuencias funestas do máis famoso dos froitos do seu enxeño: a dinamita. Nobel legou a súa fortuna para premiar a benfeitores da humanidade, establecendo que o diñeiro se investise en valores inmobiliarios e que os intereses se dividisen en cinco partes iguais, tantas como premios creou.

Segundo fixo público a páxina web oficial destes premios, nesta edición 2012, o primeiro galardón, o Nobel de Filisoloxía e Medicina 2012, foi compartido polo británico John B. Gurdon e o xaponés Shinya Yamanaka por descubrir como se poden reprogramar as células maduras para que se convertan en células pluripotentes, capaces de transformarse en calquera tipo de tecido, o que revolucionou a comprensión científica de como se desenvolven as células e os organismos. Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia.

Sir John Bertrand Gurdon, naceu o 2 de outubro de 1933. Biólogo británico coñecido pola investigación pioneira no transplante nuclear e a clonación.

Shinya Yamanaka, naceu o 4 de setembro de 1962. Biólogo xapones. Curiosamente en 2010, recibe o Premio de Biomedicina nos Premios Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento "por demostrar que é posible reprogramar células xa diferenciadas e devolvelas a un estado propio das células pluripotentes".

Dos 7 premios Nobel conseguidos por españois, 2 foron nesta especialidade: Santiago Ramón y Cajal, no ano 1906, e Severo Ochoa, en 1959.

FONTE: Xornal La Vanguardia e Wikipedia.org

NICOKOLA TESLA

 

O personaxe a que adico hoxe a sección de NOMES PROPIOS chegou a ser comparado co gran Leonardo da Vinci, pola súa mente pr¡vilexiada e pola cantidade de inventos, sempre en beneficio da humanidade. O seu nome é NIKOLA TESLA.

Uns poucos datos, pois no vídeo superior tedes moita información, e vale máis unha imaxe que cen palbras. Naceu en Similjan, na provincia de Lika, pertencente ao Imperio Austro-Húngaro, o que hoxe é Croacia, o 10 de xullo de 1856. Moreu nun hotel de Nova York o 17 de xaneiro de 1943 na máis extrema pobreza económica.

Foi físico, matemático, inventor, e enxeñeiro eléctrico. Como inventor logrou conseguir máis de 800 patentes, aínda que gran parte das súas notas e aparatos dos seus laboratorios aínda son segredo de Estado, pero sábese que entre os seus documentos atopouse o principio do raio láser, así como os planos dun avión de despegue vertical, que non puido construír por falta de cartos.

A súa idea utópica de usar a polaridade negativa da Terra para conducir e transmitir corrente gratuíta a todo o mundo, sen cables, apoiado só por torres en frecuencia entre elas, propiciaría un gran salto á humanidade.

A este home debémoslle a radio, o motor de corrente alterna, a luz de alta frecuencia, a transferencia inalámbrica de enerxía...

NEIL ARMSTRONG

NEIL ARMSTRONG

Neil Armstrong, fotografado en 1969 e en 2005 / NASA/ B. Pajares

O nome do home que nos ocupa hoxe quedou marcado para a historia  o día 21 de xullo de 1969, ao ser o primeiro home que pisou a Lúa: Neil Alden Armstrong. A súa vida acaba de rematar, o pasado sábado, con 82 anos en Columbus-Ohio (EEUU).

Armstrong naceu en Wapakoneta-Ohio (EEUU) o 5 de agosto de 1930. Dende moi novo mostrou a súa atracción pola aeronáutica, así aos 15 anos comezou a tomar leccións de voo, acadando a licencia de piloto antes de graduarse en secundaria. Ao rematar estes estudos, recibíu unha beca da Mariña dos Estados Unidos, inscribíndose posteriormente na Universidade Purdue, comenzando os estudos Enxeñaría Aeronáutica. En 1949 ingresou na mariña e en 1950 servíu na Guerra de Corea, onde participou en 78 misións de combate. De volta á casa rematou os estudos e graduouse pola Universidade de Purdue.

En 1962 entrou na NASA como astronauta e voou por primeira vez ao espazo en 1966, na cápsula Gemini 8. E chegou o programa Apolo. Xunto con Aldrin e Michael Collins, partiron na misión lunar no Apolo XI, o 16 de xullo de 1969, regresando o 24 do mesmo mes como verdadeiros heroes.

Despois desta aventura, nunca volveu ao espazo, deixando a NASA en 1971, adicándose a dar clases na universidade e a distintos negocios.

A súa pegada quedou marcada na Lúa e nos libros de texto, así como a frase "É un pequeno paso para o home, pero un gran salto para a Humanidade", por certo, mal interpretada debido á baixa calidade da transmisión, querendo dicir en realidade «É un gran paso para UN home», o que ten moito máis sentido porque "o home" e "a Humanidade" veñen a ser o mesmo.

PREMIO PRINCIPE DE ASTURIAS 2012 DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA E TÉCNICA

PREMIO PRINCIPE DE ASTURIAS 2012 DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA E TÉCNICA

Gregory Winter e Richard A. Lerner / FUNDACIÓN PRÍNCIPE DE ASTURIAS

A candidatura conxunta do biólogo británico Gregory Winter e do patólogo estadounidense Richard A. Lerner gañaron o premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica polas "contribucións decisivas ao campo da inmunoloxía e, máis concretamente, pola obtención de anticorpos de grande valor terapéutico", segundo o anuncio do xurado encargado da concesión do galardón en Oviedo.

Sir Gregory Winter (Reino Unido, 1951) foi, dende a súa labor no seo do Laboratorio de Bioloxía Molecular (LMB) do Medical Research Council, do que foi subdirector, un dos bioquímicos máis destacados no desenvolvemento de "técnicas innovadoras de creación de anticorpos terapéuticos monoclonais e un dos pioneiros no desenvolvemento de técnicas para a humanización destes anticorpos", un paso fundamental para que o sistema inmune humano non os identifique como axentes estraños. Está en posesión de numerosas patentes e, ademais de haber sido asesor de varias firmas científicas de inxeñería xenética, foi o fundador en 1989 do Cambridge Antibody Technology, unha das empresas biotecnolóxicas impulsadas polo LMB para a comercialización destes anticorpos, entre eles o adalimumab, destinado ao tratamento da artrite reumatoide e a enfermidade de Crohn.

Richard Alan Lerner (Chicago, 1938) "foi o artífice do avance máis importante dende o descubrimento dos anticorpos monoclonais hai un cuarto de século: a concepción, deseño e creación de bibliotecas combinatorias de anticorpos", actualmente as máis utilizadas de todas as bibliotecas do campo da bioquímica, "o que permitíu ampliar o rango de acción do sistema inmune". Lerner sentou as bases nun artígo publicado na revista Science en 1989.

O xurado elexíu a estes dous científicos entre 45 candidaturas procedentes de 19 países, impoñéndose aos outros dous finalistas, o científico xaponés Shinya Yamanaka e o físico italo-estadounidense Federico Capasso.

FONTE: Xonal El Pais/Ciencia

CIRO DE QUADROS

CIRO DE QUADROS

Ciro de Quadros / Imaxe: Sabin Institute

O epidemiólogo e investigador brasileiro Ciro de Quadros foi distinguido co IV Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento en Cooperación ao Desenvolvemento, por "liderar a eliminación da polio e o sarampón en América e por ser un dos científicos máis importantes na erradicación da virola en todo o mundo".

Segundo a acta do xurado, Ciro de Quadros, natural de Río Pardo (Brasil) en 1940, "a través do seu traballo coas axencias de Nacións Unidas, os gobernos e o mundo académico, cambiou o paradigma da coordinación da saúde pública para o desenvolvemento dos países".

O xurado recoñeceu o papel "fundamental" deste investigador na loita contra as enfermidades infecciosas a través da vacinación, "un dos principais logros da medicina", así como a súa contribución para facer que os gobernos se fixesen responsables da financiación e desenvolvemento das campañas de inmunización.

FONTE: Xornal El Mundo /Saude