Blogia
vgomez

OPINIÓN E COMENTARIO

UNHA HISTORIA DE SOLIDARIDADE PREHISTÓRICA



"Cando no rexistro fósil atopamos unha patoloxía ou unha enfermidade, algún pode pensar que estamos a ler unha historia negativa ou triste, e resulta que é todo o contrario. Un óso deformado está a falar de fortaleza a dous niveis: fortaleza individual daquel que foi capaz de superar esa enfermidade. E fortaleza do grupo que coidou e protexeu a ese individuo".

María Martinón Torres, paleoantropóloga e directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), leva décadas investigando as pegadas fósiles dos nosos antepasados prehistóricos e como influíron na nosa definición do ser humano. "Ao longo da evolución humana, os comportamentos altruístas, solidarios e cooperativos remóntanse a miles de anos no rexistro fósil", explica a investigadora.

Martinón Torres doutorouse en Medicina, especializada en Evolución Humana e Antropoloxía Forense, e é catedrática honoraria no Departamento de Antropoloxía de University College London. Forma parte do equipo investigador de Atapuerca desde 1998 e participou en varios proxectos internacionais, como Dmanisi (Xeorxia) e China. Publicou máis de 70 libros e artigos científicos sobre  dentición humana e en 2019 recibiu a Medalla Rivers Memorial outorgada polo Royal Anthropological Institute de Gran Bretaña e Irlanda (RAI), a institución académica máis antiga do mundo dedicada á antropoloxía.

PENSAR LIBREMENTE NON É DICIR CALQUERA COUSA



O consumo, a política, a sexualidade ou a educación: o desexo de agradar aos demais -ou segundo Gilles Lipovetsky "a sedución"- invadiu todos os ámbitos da vida social. Esa é a tese que defende o filósofo e sociólogo francés no seu último traballo Gustar e emocionar. Recoñecido internacionalmente como un dos pensadores máis orixinais e importantes do cambio de século, Lipovetsky publicou a súa obra principal en 1983: A era do baleiro: ensaio sobre o individualismo contemporáneo, onde reflexiona sobre o efémero e o superficial.

Leva trinta anos observando e analizando o mundo presente. O ensaísta por excelencia da posmodernidade -que el prefire tratar de ’hipermoderna’- examina o consumismo, a educación e a cultura como mercadorías, os fenómenos de masas, a moda, o ecoloxismo ou os mass media. E faino de maneira clara, con perspectiva histórica e afastándose da óptica filosófica convencional. “Son un sociólogo na filosofía ou un filósofo na socioloxía”, fuxe de etiquetas Lipovetsky. Entre os seus nutritivos libros, traducidos a máis de vinte idiomas, atópanse os superventas: ‘O imperio do efémero’, ‘Da lixeireza’, ‘A terceira muller’ ou ‘A estetización do mundo’.

Lipovetsky actualmente é profesor de Filosofía na Universidade de Grenoble. Foi nomeado cabaleiro da Lexión de Honra -máxima distinción de Francia- e é doutor ‘honoris causa’ en media ducia de universidades de varios países. Reclama para os seus colegas docentes máis formación e medios: “Os estados deben tomarse a formación dos profesores como un investimento, non como un gasto”, asegura. Cre na educación como resposta. “O noso destino depende do compromiso da humanidade coa escola”, sentenza.

HUMOR REAL: ABAFO

Xenial a viñeta de El Roto (Andrés Rábago García, Madrid-1947), publicada hoxe no xornal El País. Nela co título de abafo, manifesta esa sensación de desacougo e impotencia ante esta situación tan difícil que estamos a pasar pola pandemia. Manifesta na súa viñeta esa maldita máscara, que nos impide respirar con facilidade, con forma de morcego, reservorio deste maldito virus.

Cando remataremos con iste maldito pesadelo?

UNHA TEORÍA PARA COMPRENDER O MUNDO

 

Abrir a porta a un mundo tan misterioso como descoñecido. Un mundo que asusta a moitos, “pero que tamén fascina pola súa estrañeza”. Así fala Sonia Fernández-Vidal daquilo que máis lle apaixona: a física  cuántica. Desde nena tivo moi claro que quería ser científica “porque quería saber o porqué de todo”. Para ela, a ciencia e o mundo  cuántico demóstrannos que a fronteira entre o imaxinario e o real é moito máis etérea do que pensamos: "Os científicos deron resposta a moitas das grandes preguntas e soños que a humanidade tivo desde a noite dos tempos", explica.

Sonia Fernández-Vidal é tamén unha profesora perspicaz e imaxinativa, que insiste en que animemos aos mozos para converterse en grandes exploradores: “Se levamos aos nosos estudantes máis aló, e ensinámoslles cal é o resultado de penetrar nas grandes cuestións científicas, descubriremos con eles algo tan poético como que non somos máis que po de estrelas”.

Doutora en Óptica e Información Cuántica e Física pola Universidade Autónoma de Barcelona, Sonia Fernández-Vidal é tamén coñecida polo seu gran labor de divulgación científica con obras como ’A porta dos tres ferrollos’, ’O Universo nas túas mans’ ou ’Almorzo con partículas’. Traballou e colaborou nalgúns dos centros científicos máis prestixiosos do mundo, como o CERN, o Laboratorio Nacional dos Álamos (LANL) ou o Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO). Méritos que levárona a ser seleccionada pola revista Forbes como unha das 100 persoas máis creativas do mundo.

CAL É A MONTAÑA MÁIS DIFÍCIL DA TÚA VIDA?

 

A vida de Edurne Pasaban contén dúas historias: a dunha infalible muller alpinista, capaz de escalar as catorce montañas máis altas da Terra; e a dunha nena tímida, pouco sociable e enfermiza. Dúas caras dunha mesma moeda que atoparon a solución nas montañas: “O alpinismo fíxome sentir libre, ensinoume o valor da amizade e permitiume elixir o meu propio camiño”, explica.

Pasaban foi a primeira muller do mundo en escalar os 14  oitomiles. Un fito deportivo que significou a conquista dunha cume tras outra, pero que na vida real significou atopar moitas pedras no camiño: perdeu a grandes amigos, tiña a sensación de non encaixar e caeu nunha depresión que lle cambiou a vida.

A súa historia vai moito máis alá das súas impresionantes fazañas deportivas, é unha historia de superación fronte aos medos e dúbidas que todos podemos ter na vida. Tal como ela mesma explica: “Ao final, escribín eu cada páxina do libro da miña propia vida”. Considérase afortunada, porque engade: “Creo que iso é o máis grande que lle pode suceder a unha persoa”.

HUMOR REAL: BANÓ DE REALIDADE

Viñeta de El Roto (Andrés Rábago García, Madrid-1947) no xornal El País de hoxe.

A bos entendedores poucas palabras!

COMO AXUDAR AOS TEUS FILL@S A AFRONTAR OS CAMBIOS

 

Axudarnos a identificar e conquistar a emoción do medo é un dos grandes obxectivos de Pilar Jericó. É doutora en Organización de Empresas e posúe unha ampla formación internacional con estudos de especialización en Harvard e na Universidade de California, entre outras. Escritora, profesora na Universidade Carlos III e en diferentes escolas de negocio, de forma paralela á súa actividade docente, Pilar Jericó dedícase á divulgación sobre temas como o desenvolvemento persoal e o liderado a través de conferencias e colaboracións en diferentes medios. Jericó foi galardoada como unha das 100 Mulleres Líderes en España. Pilar fai fincapé en títulos como ‘Non Medo’, ‘Poderosamente fráxiles’, ‘E se realmente puidésemos?’, na educación e a confianza como o mellor antídoto para enfrontarnos ás nosas incertezas cotiás, e desta maneira, aprender a educar no “non medo” aos nosos fillos: “Os nosos fillos son os nosos mestres, son os nosos espellos daquelas dificultades que ás veces temos”. A cultura, a educación e os reforzos positivos son capaces de xestionar os medos innatos, conclúe Jericó.

O IKIGAI E O ICHIGO-ICHIE

 


Escritor, ensaísta, tradutor e músico, Francesc Miralles é un dos autores de desenvolvemento persoal máis influentes do mundo. Creador de tendencias para o crecemento persoal e o autocoñecemento, escribiu numerosos libros e é o responsable, xunto a Hector García, de dar a coñecer en Occidente o concepto xaponés Ikigai, un enfoque vital baseado na idea do “propósito vital”. Descubrir o noso Ikigai equivale a entender cal é a nosa “razón de ser” no mundo, pescudar que nos apaixona e que podemos achegar: “Todos temos o noso Ikigai e normalmente relaciónase con aquilo que nos apaixonaba cando eramos nenos”, explica Miralles.

No seu achegamento ao mundo oriental, Francesc Miralles descubriu outro concepto que nos axuda a vivir de forma máis plena: o Ichigo-Ichie, que se basea na idea de que cada momento que vivimos é único, e por tanto, non se repetirá xamais.

Francesc Miralles deu a coñecer o concepto Ikigai en todo o planeta, e está a inspirar a centros educativos e empresas, que comprobaron como poñer o propósito vital en primeiro lugar mellora a felicidade de alumnos e equipos de traballo. É aplicable á educación e á vida profesional, xa que defende que manter a paixón e non perder de vista os obxectivos, axuda a sobrepoñerse ás dificultades e a saír reforzados diante calquera cambio ou crise.