Blogia
vgomez

SABÍAS QUE...

SABÍAS QUE... A TORMENTA

Unha tormenta é un fenómeno meteorolóxico asociado ao desenvolvemento vertical de nebulosidade acompañado de descargas eléctricas ou raios e, habitualmente, precipitación e refachos de vento intensas en superficie. As descargas eléctricas poden ser nube-nube, nube-terra e nube-ionosfera.

Aínda que cientificamente defínese como tormenta a aquela nube capaz de producir un trono ou raio audible, tamén se denominan tormentas en xeral aos fenómenos atmosféricos violentos que, na superficie da terra están asociados a choiva, xeo, saraiba, electricidade, neve ou ventos fortes, que poden transportar partículas en suspensión como a tormenta de area ou mesmo pequenos obxectos ou seres vivos

O trono é o ruído que fan os raios cando atravesan o aire. A luz chámase lóstrego.

Durante unha treboada xéranse descargas eléctricas para equilibrar a diferenza de potencial entre a parte superior da nube (cargas positivas), a base da nube (cargas negativas) e o solo (carga positiva).

A atmosfera funciona como illante entre a nube e o solo. Cando a enerxía envolvida nunha tormenta supera a resistencia do aire, xérase unha descarga entre os polos de carga oposta. Esta descarga caracterízase por un raio con temperaturas elevadas que quentan o aire ao seu paso. O rápido aumento da presión e temperatura fan expandir violentamente o aire envolvente ao raio a velocidades superiores ás do son, xerándose unha onda de choque. O tremor posterior a un trono débese ao eco da onda de choque nas altas capas da atmosfera e na xeografía envolvente.

FONTE: gl.wikipedia.org

Sabías que... Os produtos «sen azucres engadidos» poden conter azucre


Co azucre como inimigo número uno da saúde, moitos produtos abónanse á mensaxe sen azucres engadidos. Pero non todos os azucres son iguais. Por unha banda, están os intrínsecos, é dicir, os que conteñen de forma natural algúns alimentos, como os lácteos, as froitas e as verduras enteiras. Estes azucres non son prexudiciais para a saúde. E doutra banda, atópanse os azucres libres, que son os que relaciónanse co risco de desenvolver enfermidades como a diabetes tipo 2. No grupo dos azucres libres inclúense todos os azucres engadidos, pero tamén os que se atopan nas froitas e verduras procesadas, é dicir, trituradas, batidas ou espremidas, ademais do mel, os siropes e os xaropes.

A mención sen azucres engadidos está regulada e só pode facerse se o fabricante non engadiu ningún azucre simple ou calquera alimento utilizado polas súas propiedades edulcorantes, como o mel, os xaropes ou os zumes concentrados.

Se os azucres están naturalmente presentes nos alimentos, débese indicar na etiquetaxe coa mensaxe: “Contén azucres naturalmente presentes”. É o que ocorre cun iogur ao que non se engade azucre, pero que contén a lactosa do leite.

A mención “sen azucres engadidosnon significa necesariamente que o alimento non conteña azucres libres:

- Por unha banda, hai ingredientes que levan azucres intrínsecos e que se liberan no procesado, como a froita cando se fai zume.

- Por outra, outros ingredientes, como os cereais, teñen gran cantidade hidratos de carbono complexos, formados por cadeas de azucres simples. Estes hidratos rompen durante o procesado e liberan azucres simples.

En ambos os casos, o produto pode usar este reclamo, a pesar de que pode conter unha gran cantidade de azucres insanos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que os azucres libres acheguen, como máximo, o 5 % da enerxía diaria (25 g en adultos), mentres que a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) indica que non hai un consumo seguro e que debe ser o máis baixo posible.

O dato dos azucres que aparece na etiquetaxe nutricional de todos os produtos recolle os azucres simples presentes no alimento, pero non distingue entre intrínsecos (os bos) e libres (os que hai que evitar).

Isto fai que haxa que ter un coñecemento profundo da composición dos alimentos para poder identificar que tipo e cantidade de azucre ten un produto, algo que non está ao alcance da maioría dos consumidores.

Para ter unha referencia sinxela e poder facer eleccións dunha soa ollada, podemos ter en conta que un produto é alto en azucres cando contén a partir de 10 g de azucres totais por cada 100 g de alimento no caso dos sólidos e 5 g de azucres totais por 100 ml no caso dos líquidos. Ademais, a cantidade máxima recomendada pola OMS é de 25 g ao día para adultos.

A mención “sen azucres engadidosnon é unha garantía de que o alimento non conteña azucres libres, que son os que debemos restrinxir. É un reclamo que pode resultar confuso e dar aparencia de alimento máis saudable, sen selo.

FONTE: consumer.es    Imaxe: Viginia Martín/consumer.es

SABÍAS QUE... A FÍSICA IMPIDE FRITIR PATACAS NO ESPAZO?

Pode ser que a física impida fritir patacas no espazo. Esta é a preocupación que uns investigadores e a Axencia Espacial Europea tiveron hai uns anos. Para resolver se isto era verdade, montaron un experimento no que fritiron unha pataca en microgravidade. E gravárono!

SABÍAS QUE... COMO ARREFRIAR A 0,000000001 KELVIN

Podemos arrefriar a millonésimas ou mesmo milmillonésimas de grao por encima do cero absoluto. Agora, como levamos o noso gas a esas temperaturas incriblemente baixas? Pois non o perdas: disparando un láser contra el.

SABÍAS QUE... CANTOS CORAZÓNS TEN UN POLBO?

A diferenza da maioría dos animais, os polbos posúen un sistema cardiovascular complexo que inclúe varios corazóns, cada un con funcións específicas que lles permiten sobrevivir na súa contorna acuática.

A diferenza dos humanos, que teñen un só corazón con catro cavidades, os polbos contan con tres corazóns. Esta adaptación é esencial para a súa vida no océano, onde a eficiencia no transporte de osíxeno é crucial. O corazón máis grande e máis forte é o corazón sistémico, que se encarga de bombear o sangue osixenado a todo o corpo do polbo, excepto ás branquias. Este corazón localízase no centro do corpo do polbo e é fundamental para manter a circulación sanguínea adecuada.

Ademais do corazón sistémico, os polbos teñen dous corazóns branquiais, situados cada un xunto a unha branquia. Estes corazóns máis pequenos e menos musculosos desempeñan un papel crucial no proceso de osixenación do sangue. A súa función principal é bombear o sangue pobre en osíxeno cara ás branquias, onde se produce o intercambio de gases. Este deseño de tres corazóns permite que os polbos manteñan un fluxo constante de sangue osixenado, esencial para a súa supervivencia na auga.

A presenza de múltiples corazóns nos polbos non só é unha curiosidade biolóxica, senón tamén unha adaptación evolutiva que lles permite prosperar na súa contorna mariña. A eficiencia do seu sistema cardiovascular é un testemuño da complexidade e a sofisticación destes animais. A medida que exploramos máis sobre os polbos e a súa bioloxía, queda claro que o seu sistema cardiovascular é unha das moitas razóns polas que estes moluscos son considerados entre os animais máis intelixentes do océano.

FONTE: Mar Aguilar/muyinteresante.com

SABÍAS QUE... O FUSO HORARIO

O étimo de fuso atopámolo no latín fusus,-i e o seu uso estaba ligado ás Parcas, as fiandeiras mitolóxicas que tecían os fíos do destino dos mortais igual ca as Horas, como vén ao caso, eran orixinalmente as personificacións ou deusas da orde da natureza e das estacións.

No Dicionario da Academia (RAG) o termo fuso defínese como un instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que se estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra. Trátase do fuso de fiar, e da súa forma partiu a motivación da frase nominal fuso horario, coa que nos referimos a cada unha das vinte e catro partes en que se divide a superficie terrestre para establecer a hora común a todos os puntos nela situados.

Se pensamos a Terra como unha esfera na que marcamos 24 liñas imaxinarias (os meridianos) que, pasando polos Polos de Norte a Sur, “dividen” o noso planeta en anacos semellantes aos cuarteiróns dunha laranxa, estaremos visualizando os fusos horarios. Entre eles hai unha separación de 15 graos e unha hora de tempo. A liña de referencia ou meridiano 0 estableceuse a finais do século XIX e pasa sobre o antigo observatorio de Greenwich en Londres.

Os fusos horarios defínense a partir de Greenwich e do UTC (Tempo Universal Coordinado), que se calcula segundo a media ponderada dos reloxos atómicos distribuídos por diferentes observatorios de todo o mundo e sincronízase co tempo medio da localidade inglesa. Se cruzamos un fuso horario en dirección Leste, hai que sumar unha hora e se o facemos en sentido inverso, hai que restala.

Desde a conferencia de Washington de finais do XIX, a Península Ibérica, o mesmo ca Francia e o Reino Unido, situouse no fuso horario occidental, cunha hora menos ca no de Greenwich; mais en 1942, a ditadura franquista nun xesto de simpatía con Hitler impuxo o adianto dunha hora, o mesmo ca os nazis fixeron con territorios ocupados coma Francia, e desde aquela permanecemos nese fuso horario. Segundo algúns expertos isto provoca un desaxuste importante nos nosos hábitos de comida, traballo, sono e lecer. Quizais chegou o momento de cambialo?

FONTE: portaldaspalabras.gal

SABÍAS QUE... O RÍO MÁIS PROFUNDO DO MUNDO?

SABÍAS QUE... O RÍO MÁIS PROFUNDO DO MUNDO?

O río Congo (no pasado tamén coñecido como río Zaire) é o río máis grande da África central. Cos seus 4.380 km é o segundo río máis longo de África, só superado polo Nilo. O río e os seus afluentes percorren o segundo bosque tropical máis importante do mundo, logo do Amazonas. No río atópanse máis de 4.000 illas.

Flúe en direccións N, O e SO a través de catro países (Zambia, República Democrática do Congo, República do Congo e Angola) ata desaguar no océano Atlántico

O río dá nome a dous estados, a República Democrática do Congo e a República do Congo e ao antigo reino do Congo. Entre 1971 e 1997 o goberno do entón Zaire deulle o nome de río Zaire.

O Congo tamén é o segundo río máis caudaloso do mundo despois do Amazonas, cuns 41.300 m³/s, e o máis profundo do mundo, con zonas de ata 230 m aproximadamente.

Case a totalidade do Congo é navegable (agás 250 km), e en unión dos ferrocarrís, boa parte do comercio de África central pasa ao longo del.

SABIAS QUE... O SOL NON DEBERÍA BRILLAR!

O Sol non debería brillar: está demasiado frío. Non está o bastante quente para detonar o proceso polo que o Sol obtén a súa enerxía… Entón, como o consegue? É a cuántica a que o fai brillar. E non só grazas a un fenómeno, senón ao combo de dous.

Neste vídeo explícannolo!

QuantumFracture