Blogia
vgomez

UNHA BURBULLA RE CHAMANTE NO CEO: IC1295

UNHA BURBULLA RE CHAMANTE NO CEO: IC1295

A nebulosa IC1295 fotografada polas cámaras dos   telescopios europeos VLT, situados en Chile / ESO

A nebulosa IC1295, situada a uns 3.300 anos luz da Terra, na constelación do Escudo do hemisferio Sur celeste, foi fotografada con gran detalle por un dos catro grandes telescopio VLT (Very Large Telescope) , en Chile, e aparece na imaxe como unha rechamante burbulla verde. É o osíxeno ionizado o que brilla nesa cor, explican os astrónomos do Observatorio Europeo Austral (ESO).

As estrelas do tamaño do Sol ou maiores (ata oito veces a súa masa) rematan a súa vida como ananas brancas, cando consumiron o combustible que as fai brillar grazas ás reaccións de fusión nuclear no seu interior. Na transición á fase de anana branca, a estrela xa non suxeita a súa atmosfera e esta esténdese polo espazo circundante de maneira que, durante uns cantos miles de anos, o astro está rodeado por esta especie de burbulla gasosa que se denomina nebulosa planetaria. O gas brilla porque esta bañado pola forte radiación ultravioleta que emite a estrela moribunda e os diferentes elementos químicos presentes brillan en diferentes cores. No caso da IC1295, é dominante o osíxeno ionizado, que brilla en verde.

O Sol tamén se converterá nunha nebulosa planetaria cando remate a súa vida e a súa atmosfera expandida engulirá os planetas que ten preto, incluída a Terra. A nosa estrela ten xa uns 4.600 millóns de anos e quédanlle outros tantos, aproximadamente.

Na imaxe da IC11295, apréciase no centro da nebulosa o núcleo da vella estrela como un punto branco azulado, que acabará converténdose nunha moi débil anana branca fría dentro de moitos miles de millóns de anos.

FONTE: Xornal El país/Ciencia

0 comentarios