LANIAKEA, O NOSO LUGAR NO UNIVERSO
Laniakea, o noso lugar no Universo / Imaxe: Nature/R. Brent Tully e col
(As unidades da imaxe son Mpc, é dicir Megaparseces, que é a unidade habitual para a cosmoloxía observacional. Un parsec equivale a 3,26 anos-luz)
Laniakea é unha palabra hawaianaa que fai referencia ao enorme ceo que se pode imaxinar na noite. Os polinesios foron capaces de, usando a astronomía, realizar navegaciones por todo o Pacífico quince séculos antes de que os europeos aprendesen a facelo. Tamén é, Hawaii, un dos puntos do planeta onde os astrofísicos miran o profundo do ceo para intentar entendelo. Esta semana a revista Nature publica uns resultados que permiten ter o primeiro mapa detallado do noso lugar no Universo. Ese lugar chamárono, precisamente, "Laniakea".
Trátase dun novo mapa do Universo dirixido polo astrofísico R. Brent Tully, do Instituto de Astronomía da Universidade de Hawaii, que xunto con diversos proxectos por todo o mundo intentan, dende hai máis de 30 anos, permitirnos ter unha idea de como é a estrutura a grande escala do Universo.
As estrelas como o Sol forman parte de galaxias. A nosa, a Vía Láctea forma parte dun pequeno grupo dunhas 30 galaxias, sendo a máis masiva a denominada M31, a Galaxia de Andrómeda, o obxecto observable a simple vista máis afastado, situada a 2,5 millóns de anos-luz. A outra galaxia importante do chamado Grupo Local é M33, a Galaxia do Triángulo, a 2,8 millóns de anos-luz. Esta agrupación non ten máis de 10 millóns de anos luz de lado e foi identificado como unha estrutura dinámica nos anos 30 por Edwin Hubble, un dos primeiros astrofísicos en intentar entender o que comezaba a chamarse "o zoo extragaláctico": unha abundancia de formas nas galaxias, dende espirais a irregulares pasando por formas elípticas, que ademais se distribuía de forma caprichosa (un "pudin de pasas ") nun Universo en expansión.
O descubrimento no ceo doutros cúmulos similares, e algúns moito máis grandes que o noso Grupo Local, contendo entre 50 e 1000 galaxias, e formando estruturas que ás veces indicaban que había máis materia da que se vía (materia escura), a miúdo contendo unha galaxia xigante na zona central, parecía establecer unha estrutura do Universo na que os cúmulos de galaxias se repartían de forma máis ou menos uniforme no Universo.
Pero nos anos 80 descubríronse estruturas máis grandes aínda, que se denominaron supercúmulos de galaxias. O noso Grupo Local, con outros cúmulos forma parte do chamado Supercúmulo Local, unha estrutura cuns 600 millóns de anos luz de lado, sendo o gran Cúmulo de Virgo o maior dos que se agrupan en torno a un centro de masas que se puido identificar en 1986, o chamado Grande Atractor. O noso supercúmulo é unha estrutura colosal, cunha materia equivalente a 1.000 billóns de masas solares.
E aí é onde se enmarca este novo achado publicado en Nature polo equipo internacional de Brent Tully, que proporciona un mapa máis detallado da zona próxima ao noso Supercúmulo Local, e que pon de manifesto ese Grande Atractor que comezou esta historia fai un cuarto de século. O poder destes mapas é que, ademais de medir as posicións dos obxectos se teñen datos das súas velocidades, é dicir, do seu movemento relativo, o que permite entender as relacións dinámicas, sendo actualmente o mapa máis detallado da grande estrutura do Universo.
Na noticia de Nature onde se presentan as observacións e os modelos realizados sobre esta rexión denominada Laniakea aparece un vídeo, que tedes na parte superior, que se ben a narración está en inglés, visualmente resulta impresionante: podemos realmente imaxinar unha imposible viaxe por estas estruturas do novo supercúmulo local e as súas proximidades, onde a materia se agrupa na forma que se puido medir. Nel vemos como o novo mapa amplía o que se coñecía antes como "supercúmulo local" (ten unhas 100 veces máis masa), pero non elimina, como adoita ser habitual nestes estudos, o coñecemento que tiñamos antes: mellórao. E ninguén dúbida de que no futuro poderemos seguir aumentando a resolución e entender mellor como se formaron estas estruturas nos últimos 13.000 millóns de anos de vida do Universo.
FONTE:Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios