POR QUE AS FOLLAS CAMBIAN DE COR NO OUTONO?
Colorido das follas en outono / Imaxe: abc.es
Dende o pasado día 23 estamos en outono. Hai un aspecto desta estación, case un tópico, que a marca: as follas das árbores comezan a amarelar e a caer ao chan, crocantes e resecas. E alí onde conviven as árbores de folla perenne e os de folla caduca, a cúpula das árbores convértese no capricho dun pintor con bo ollo para os matices verdes, amarelos, laranxas, ocres e vermellos vivos.
Ao contrario que os artistas, a natureza non ten por que ser caprichosa. E o feito de que haxa tantas cores responde unha cuestión puramente práctica. O motivo en primeiro termo é que as plantas acumulan pigmentos nas súas follas para absorber a luz e con ela a enerxía necesaria para crecer e sobrevivir a través da fotosíntese. En segundo termo é que moitas delas tamén producen pigmentos para algo moi distinto, ou sexa, protexerse da radiación solar.
Ao igual que a luz do Sol non é igual de intensa nin ten a mesma cor en todas as partes, por exemplo na copa dunha árbore, nas profundidades do sotobosque ou nunha cidade neboenta, as follas das plantas tampouco poden selo “se queren” aproveitala ao máximo. Por iso acumulan distintos pigmentos e as follas teñen cores moi variadas. Pero entón, a que se deben os cambios de cor?
As follas adoitan ser verdes todo o ano porque acumulan clorofila, un pigmento que se atopa no interior dos cloroplastos. Estes son un compoñente das células vexetais que participa no proceso de aproveitar a enerxía do sol para transformar o dióxido de carbono do aire e a auga do chan en azucres aproveitables pola planta. Grazas a estes azucres as plantas poden medrar e custearse o seu funcionamento e no camiño producen un residuo fundamental para a vida, o osíxeno. Todo este proceso coñécese como fotosíntese.
A produción de clorofila require temperaturas cálidas e luz solar. Cando chega o outono e os días fanse máis curtos, a cantidade de luz diminúe e por iso a produción deste pigmento tamén decrece. Como resultado, as follas das plantas de folla caduca, perden a súa coloración verdosa en outono.
Ademais da clorofila, as follas teñen uns pigmentos coñecidos como carotenoides e flavonoides, que poden darlle ás follas as súas cores amarelas, laranxas e vermellas. Entre eles destacan os beta-carotenos, que lle dan a cor laranxa ás cenorias, a luteína, que lle dá a cor amarela ás xemas de ovo, e o licopeno, que lle dá a cor vermella aos tomates.
As cores destes pigmentos adoitan pasar desapercibidos nas follas porque a clorofila enmascáraos durante o verán. Pero cando chega o outono, tanto as clorofilas coma os carotenoides e flavonoides degrádanse, pero os pigmentos verdes fano máis rapidamente. Por iso, as follas póñense amarelentas, alaranxadas ou avermelladas.
Hai uns flavonoides que se producen nalgunhas plantas baixo certas circunstancias. Trátase dos antocianinas. Son uns pigmentos que parecen ter función protectora fronte á luz solar e estar implicados na absorción do excedente de radiación.
En ocasións prodúcense cando os días fanse máis curtos e a clorofila xa comezou a degradarse e a absorber a luz solar. Danlle as follas cores vermellas, moradas e azuladas.
Á parte de alterar a produción de pigmentos, as plantas de folla caduca desfanse das follas para pasar o inverno. Reabsorben parte dos nutrientes e “cortan” a subministración de zume que vai cara a elas. Por iso, no caso de que se reabsorban todos os pigmentos, as follas acaban volvéndose marrons. Nalgún momento do proceso, caerán ao chan.
Disfrutade deste espectáculo de cor!
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios