Blogia
vgomez

UN MONSTRUOSO BURATO NEGRO ESPERTA TRAS 26 ANOS INACTIVO

UN MONSTRUOSO BURATO NEGRO ESPERTA  TRAS 26 ANOS INACTIVO

Recreación do sistema binario V404 Cygni. A estrela compañeira (en vermello), o disco de material (morado) en torno ao burato negro e o chorro vertical que mostra o material expulsado / ESA

A 8.000 anos luz da Terra, na cosntelación do Cisne, un burato negro está devorando á súa estrela máis próxima con gran violencia. O proceso, que foi detectado a mediados de xuño, está a ser seguido por primeira vez con precisión por astrónomos de todo o mundo a través de telescopios espaciais e observatorios terrestres. O Gran Telescopio de Canarias (GTC) está a liderar as observacións deste sistema binario (formado por un burato negro e unha estrela) denominado V404 Cygni.

Este voraz burato negro, descuberto polos astrónomos en 1989, espertou tras 26 anos de inactividade. E é que dende aquel ano, cando foi observado polo satélite xaponés de raios X Ginga e os seus instrumentos a bordo da Estación Espacial Internacional (ISS), este sistema non se mostraba tan brillante e activo como na actualidade.

A alerta deuna o pasado 15 de xuño o satélite Swift da NASA, que foi o primeiro en detectar un repentino estalido de raios gamma na zona do ceo na que se encontra este burato negro. Pouco despois, dende o módulo xaponés da ISS observáronse labaradas de raios X na mesma parte do ceo. Telescopios de todo o mundo apuntan agora a esa rexión do ceo para observar como o burato negro vai engulindo vorazmente materia procedente da estrela.

Apenas se confirmou o fenómeno, o Gran Telescopio CANARIAS activou o que denominan un Target of Opportunity, unhas observacións que se reservan para eventos astronómicos extraordinarios. Dende a noite do 17 de xuño están a ser testemuñas de como se comporta este sistema binario composto polo burato negro e a estrela.

Os científicos cren que a erupción durará varios meses, como aconteceu na anterior ocasión. Tamén pensan que este burato negro entra en actividade periodicamente, cada cuarto de século aproximadamente. Así suxíreno as placas históricas de finais dos anos 30 e finais dos anos 50 nas que antigamente se plasmaban as observacións astronómicas dos telescopios e que reflicten un abrillantamento na rexión do ceo na que está este sistema.

FONTE: Xornal El Nundo/Ciencia

0 comentarios