A CIENCIA ACHÉGASE Á CREACIÓN DA VIDA NUN LABORATORIO
A receita do caldo primixenio que alumbrou a vida na Terra / Imaxe: publico.es
No noso planeta hai unhas 4.200 relixións, todas elas diferentes e incompatibles entre si, así que todo o mundo é ateo dalgunha maneira. Unha persoa que cre firmemente nunha relixión non se traga as outras 4.199. O Corán asegura que Alá creou todos os seres vivos a partir de auga. O Deus da Biblia di: “Que produza a terra seres viventes: animais domésticos, animais salvaxes e réptiles, segundo a súa especie!”. E, segundo un mito do hinduismo, o primeiro ser vivente, o deus Brahmá, brotou dunha flor de loto. Os científicos, mentres tanto, acaban de dar outro paso esencial para pescudar como se creou realmente a vida e para recrear este proceso no laboratorio. “Sería a proba definitiva de que a vida emerxe da química e de que non fai falta recorrer a ningunha forza sobrenatural”, resume o bioquímico Juli Peretó, da Universidade de Valencia.
“Creo que estamos a uns cinco ou dez anos de crear unha protocélula funcional”, sostén o químico Matthew Powner, do University College de Londres. O seu equipo está na vangarda do exército de científicos que tratan de pescudar como (a partir de elementos químicos da Terra primitiva, como o hidróxeno, o carbono e o xofre) xurdiu por azar a vida: estruturas con capacidade de copiarse a si mesmas e de automanterse. O seu último avance publícouse recentemente na revista Nature.
Durante máis de 60 anos, os científicos tentaron fabricar péptidos, un dos ingredientes fundamentais dos seres vivos. Os péptidos son cadeas curtas de aminoácidos, unha especie de versión curta das proteínas. Con todo, os investigadores estiveron décadas chocándo contra un muro: as súas sopas artificiais de auga e aminoácidos non formaban péptidos no laboratorio. Paradoxalmente, o equipo británico logrou avanzar dando un paso atrás.
Os tres químicos do University College de Londres (Matthew Powner, Pierre Canavelli e Saidul Islam) demostraron que os péptidos puideron xurdir nesa Terra primitiva sen necesidade de aminoácidos nin de forzas sobrenaturais. A receita sería unha sinxela sopa de auga e aminonitrilos, uns precursores dos aminoácidos que só requirirían ingredientes presentes nese ambiente anterior á vida hai uns 4.000 millóns de anos, como o ácido sulfhídrico (formado por hidróxeno e xofre) e o ferricianuro (carbono, nitróxeno e ferro). Utilizando unha comparación de Juli Peretó, os científicos estaban obstinados en escribir a palabra abc a partir das letras a, b e c, pero iso non funcionaba na auga. Powner escribiu abc xuntando os precursores de a, os precursores de b e os precursores de c, sen pasar polas letras a, b e c. Formou cadeas de aminoácidos (péptidos) sen empregar aminoácidos.
“Estamos preto de chegar ao fin do principio: sintetizar as moléculas funcionais da vida. O seguinte paso será integrar estas moléculas nun sistema”, explica Powner, discípulo de John Sutherland, un dos científicos máis respectados no campo da orixe química da vida. O mestre é máis cauto. “Se pensamos en como se construíron as catedrais, a xente que poñía os cimentos morreu moito antes de que a maxestosa estrutura da catedral fose visible. Eu estaría orgulloso de ser dos que puxeron os cimentos dunha protocélula”, declarou Sutherland en 2015 nunha conversación co propio Peretó publicada na revista Mètode.
“Non estamos lonxe, no sentido conceptual, de crear vida no laboratorio. A polémica pode estar en que consideramos que está vivo”, opina Peretó, que non participou no traballo de Powner. O bioquímico da Universidade de Valencia advirte de que aínda falta moito camiño ata a creación dunha célula a partir de elementos químicos presentes na Terra primitiva. “Outro compoñente esencial sería a membrana celular e aínda hai poucas propostas sobre como se puido formar”, subliña.
FONTE:Manuel Ansede/elpaís.com/ciencia
0 comentarios