Blogia
vgomez

NA PROCURA DO ELEMENTO 119: UNUNENNIO

NA PROCURA DO ELEMENTO 119: UNUNENNIO

Táboa Periódica / Imaxe: wikipedia

Un equipo de científicos en Xapón acaba de arrincar un dos proxectos máis apaixonantes da física nos últimos tempos: a procura do elemento 119 da táboa periódica, “nunca visto e mesmo xamais creado na historia do universo”, segundo afirma o físico Hideto Enyo, líder da iniciativa. O novo elemento, bautizado temporalmente ununennio (un uno nove, en latín), inauguraría por primeira vez unha nova fila (sería a oitava) na táboa periódica proposta en 1869 polo químico ruso Dimitri Mendeléiev. A cantilena da primeira columna, recitada de memoria por calquera estudante de instituto, quedaría así: hidróxeno, litio, sodio, potasio, rubidio, cesio, francio e ununennio.

Hideto Enyo dirixe o laboratorio Nishina do centro de investigación Riken, un acelerador de partículas situado preto de Tokio. Alí, os científicos van disparar feixes de vanadio, un metal, contra un obxectivo de curio, un elemento máis pesado que non existe de maneira natural no ambiente terrestre. A teoría é sinxela: o núcleo do átomo de vanadio posúe 23 protones. O de curio ten 96. Fusionados, crearían un elemento superpesado con 119 protones. Pero non é tan fácil!

Esperamos atopar o elemento 119 nuns poucos anos”, declara Enyo con entusiasmo. “Xa comezamos a cacería, aínda que aínda estamos nunha fase moi preliminar”, recoñece. O físico xaponés sabe que outros prestixiosos equipos científicos xa fracasaron na procura do elemento 119. O centro GSI Helmholtz, en Darmstadt (Alemaña), tentouno en 2012 disparando un feixe de titanio (22) contra un obxectivo de berkelio (97), sen éxito. “Aínda non sabemos que tipo de combinación de feixes e obxectivos será mellor”, admite Enyo.

FONTE: Manuel Ansede/Xornal El País/Ciencia

0 comentarios