Blogia
vgomez

O PLANETA ACHÉGASE AO PUNTO DE NON RETORNO

tierra
A Terra está en perigo de converterse nun invernadoiro por sempre / Imaxe: MGN)/noticiasya.com

Un estudo que se acaba de publicar en Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) concluíu que, mesmo se se cumprisen os compromisos dos acordos de París, de limitar o quecemento ata os 2 ºC de ascenso, o clima corre o risco de chegar a un punto de non retorno ao que chamaron estado de "Terra invernadoiro". A existencia de fenómenos de retroalimentación conducirían a un aumento da temperatura global que sería de 4 a 5º C, o que iría acompañado a unha subida do nivel do mar de 10 a 60 metros. En consecuencia, o planeta vería reducida a súa capacidade de acubillar ao humano, ata unha poboación de só 1.000 millóns de habitantes.

"As emisións humanas de gases de efecto invernadoiro non son o único condicionante da temperatura da Terra", dixo o primeiro autor do estudo e investigador na Universidade Nacional Australiana. "O noso estudo suxire que un aumento de temperaturas de 2 ºC inducido polo home podería disparar outros procesos, por medio dun fenómeno de  retroalimentación positiva, que levarían a un quecemento máis grave, mesmo se deixamos de emitir gases de efecto invernadoiro".

Isto implica que, por primeira vez, uns investigadores alertaron de que o limiar de 2º C acordado en París é un punto de non retorno.

Por que podería ocorrer algo así? Non debería ser o quecemento proporcional á concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera? Non, porque o quecemento activa procesos naturais que aumenten pola súa conta as temperaturas.
Retroalimentación positiva

Por que? Por exemplo, un esquiador pode camiñar pola ladeira dunha montaña nevada e provocar pequenos desprendementos de neve a medida que o fai. Pero se chega un momento en que desprende un bloque de xeo máis grande, pode crear unha pequena bóla de neve que caerá pola ladeira. Aos poucos, esta crecerá un pouco máis, sen que importe xa o que faga o esquiador. Ao cabo duns momentos, a bóla poderá xerar unha auténtica avalancha.

Do mesmo xeito, pode ocorrer que o quecemento das temperaturas reduza a cobertura de xeo no Ártico. Pero, a medida que isto pasa, e sae á luz a terra baixo o xeo, resulta que diminúe o  albedo do continente, é dicir, que se debilita a acción de espello do xeo branco. Isto pode aumentar o efecto «quentador» da radiación solar e acelerar o desxeo. O cal, á súa vez, diminúe o albedo cada vez máis rapidamente, e acelera máis e máis o quecemento.

Nesta ocasión, os autores repasaron dez procesos naturais de  retroalimentación positiva capaces de disparar a subida das temperaturas a partir de certo limiar: A fusión do  permafrost, a perda de  clatratos de metano no chan oceánico, o enfraquecemento dos sumidoiros de carbono terrestres e  océanicos, o aumento da actividade respiratoria das bacterias oceánicas, a diminución de precipitacións no Amazonas, a redución da cobertura de neve no hemisferio norte, a perda do xeo de verán no Ártico, ou a redución das cortizas xeadas no Ártico e no Antártico.

"No noso estudo, sinalamos elementos da maquinaria planetaria que, unha vez pasado certo nivel de presión, poderían cambiar un a un dunha forma fundamental, moi rápida e quizais irreversible", dixo un dos coautores do estudo. "Esta fervenza de eventos podería levar ao sistema planetario a un modo completamente novo de funcionar".

Un no que a capacidade de carga do planeta, a cantidade total de humanos á que pode alimentar, caia ata unha poboación de 1.000 millóns de habitantes.

Como impedilo? "Evitar este escenario require redirixir a acción do ser humano da explotación do planeta cara á xestión do sistema Terra", sentencia o autor principal do estudo. Segundo el, é urxente acelerar a transición cara a unha economía libre de emisións. Á parte diso, propuxeron potenciar outros procesos, como a captura de CO2 en bosques, chans e cultivos, a través de novas estratexias de xestión, conservar a biodiversidade e recorrer a novas tecnoloxías para bombear gases de efecto invernadoiro ao subsolo.

Con todo, os propios investigadores sinalaron cal é o punto débil da súa proposta. Todas as súas medidas, dixeron, requiren que se produzan cambios sociais.

FONTE: G.L.S./abc.es/ciencia

0 comentarios