COÑECES ESTA ÁRBORE? XVIII
A contestación correcta á pregunta do día anterior da serie: COÑECES ESTA ÁRBORE? é Pinsapo ou abeto español (Abies pinsapo). É unha especie de abeto, pertencente á familia Pinaceae e de distribución restrinxida ás serras mediterráneas do sur da península ibérica e máis do Rif. Árbore de até 30 m, de porte elegante que, nalgúns exemplares vellos se torna tortos ou dividido en varias pólas. Caracterízase por unha casca magra, cinsenta clara, con fendas escuras de pouca fondura. Follas grosas, de sección subcuadrangular, de cor verde escura e con bandas estomáticas brancas apreciábeis en ambas as dúas faces. Tenden a se dispor de xeito helicoidal sobre as franzas. Conos masculinos na periferia da copa, de cor vermella púrpura, excepcionalmente amarelos. Piñas grandes, ergueitas, situadas na parte superior da copa. A piña madura é lisa (a escama tectriz incluída fica oculta no estróbilo polas escamas seminíferas) a diferenza da piña do abeto branco no que as escamas tectrices sobresaen como un pequeno filamento entre as escamas seminíferas. Cando madurecen desfanse para ceibaren os piñóns, deixando caer no chan unhas pezas con dúas escamas pegadas (tectriz, e seminífera).
18. Identifica:
- Espiño
- Cerquiño ou rebolo
- Carrasco
Mañá a solución e remate da serie!
FONTE: Idea orixinal de Emilio Sánchez Hidalgo/verne/elpais.com, wikipedia e imaxes de Arbolapp
0 comentarios