Blogia
vgomez

CANTOS AMIGOS PODEMOS TER?

 

O encerado do seu despacho mostra un inmenso  diagrama no que destacan, en grande, catro conceptos: estruturas sociais, comportamento, cambio climático e normas sociais. Con todo, Anxo Sánchez é físico. “Un físico traidor”, autodefínese. Aplica os seus coñecementos de física e matemáticas ás ciencias sociais e ao estudo do comportamento humano.

Doutoramento en Física Teórica pola Universidade Complutense de Madrid, realizou a súa investigación postdoutoral no Laboratorio Nacional dos Álamos, en Estados Unidos. Actualmente, é catedrático de Matemática Aplicada na Universidade Carlos III de Madrid e fundador do Grupo Interdisciplinar de Sistemas Complexos. “Como físico adestráronme a pegarme cos problemas e coa aproximación de simplificalos”, argumenta.

Os sistemas complexos sociais son o eixo das súas investigacións. “Son sistemas nos que  interaccionan moitas persoas”, explica Sánchez. Simplificou fenómenos como a amizade, para corroborar que - como adiantaba o antropólogo  Dunbar - podemos ter 150 amigos como máximo. “Por primeira vez unha teoría matemática é capaz de predicir un fenómeno social”, declara emocionado o físico. O catedrático defende as aplicacións sociais do seu traballo. "A información sobre as amizades dos estudantes da túa clase, pódeche axudar a mellorar tanto a súa aprendizaxe como a calidade das súas relacións ou a detectar problemas de maneira temperá”, argumenta.

Sánchez publicou máis de 170 artigos en revistas científicas de prestixio internacional. As súas contribucións permitiron avances en campos tan diversos como a economía, a ecoloxía, o dereito ou a informática teórica. Naquel esbozo na parede da súa oficina tamén se poden ler, entre moitas outras, as palabras: escolas, aparcadoiros, clubs ou chismes. É un esquema de todos os proxectos nos que está inmerso e que revelan o seu empeño por  desdibujar as liñas divisorias entre disciplinas.

0 comentarios