IMAXE DUN CHORRO DE MATERIA EMERXENDO DUN BURACO NEGRO
Ilustración da estrutura de chorro do 3C 279 de lonxitude de onda múltiple en abril de 2017. En cada panel obsérvanse as épocas de observación, as matrices e as lonxitudes de onda / J.E. Kim (MPIfR), Boston University Blazar Program (VLBA e GMVA) e Event Horizon Telescope Collaboration/eventhorizontelescope.org
Un chorro de materia a alta velocidade emerxendo dun buraco negro supemasivo é a nova imaxe captada polo Telescopio Event Horizont (EHT), o mesmo que hai un ano deu a coñecer a primeira fotografía dun buraco negro.
A observación proporcionou ao equipo internacional de investigadores, entre eles españois, algunha sorpresa sobre a forma dese tipo de chorros e que se recolle nun estudo que publica este martes a revista Astronomy & Atrophysics.
O fenómeno foi rexistrado a 5.000 millóns de anos luz, nunha galaxia da constelación de Virgo chamada 3C 279, que ten no centro un buraco negro mil millóns de veces máis masivo que o Sol.
Os expertos consideran á galaxia 3C 279 un cuásar porque no seu centro brilla intensamente un punto que parpadea cando cantidades masivas de gases e estrelas caen no xigantesco buraco negro do seu núcleo (un cuásar é unha galaxia que no seu centro alberga un buraco negro supermasivo).
Ese buraco negro absorbe gases e estrella a través dun disco que o rodea, tritúraos e expulsa parte desa materia por dous finos chorros de plasma, tamén chamados jets.
Eses chorros "emerxen como mangueiras de lume, case á velocidade da luz, das inmediacións do seu horizonte de sucesos, a fronteira que rodea ao buraco negro e onde o espazo e o tempo se deforman infinitamente e deixan de funcionar", segundo comunicado da colaboración internacional EHT.
A análise de novos datos da campaña de observación realizada polo EHT en 2017 permitiron rastrexar o chorro ata o seu punto de lanzamento. Os novos datos analizados mostran que o chorro normalmente recto ten unha "inesperada forma retorta na súa base", agrega a nota do EHT.
O estudo suxire diferentes posibilidades para a explicación do fenómeno relacionadas "coa presenza doutro buraco negro compañeiro ou con efectos de arrastre do espazo-tempo", explica pola súa banda a Universidade de Valencia, que forma parte da colaboración EHT.
Ademais, observaranse por primeira vez estruturas perpendiculares ao chorro, que poderían corresponder á zona onde nacen, o que achegaría información sobre "os misteriosos procesos de formación dos jets e abriría novos camiños para seguir aprendendo como se comporta a natureza nestes escenarios extremos", agrega.
Para capturar a nova imaxe, EHT usou unha técnica chamada interferometría de liña de base moi longa (VLBI), que sincroniza e enlaza as antenas de radio de todo o mundo, para crear un enrome telescopio virtual de tamaño da Terra.
As observacións nas últimas décadas de 3C 279 con VLBI permitiron establecer un modelo físico capaz de explicar como estes buracos negros supermasivos poden converterse nos obxectos máis enerxéticos do Universo.
O EHT é capaz de captar obxectos tan pequenos como 20 micro-segundos no ceo, o que sería coma se unha persoa na Terra puidese localizar e identificar unha laranxa na Lúa.
A colaboración EHT está formada por 290 investigadores de 62 institucións de todo o mundo, entre elas da Universidade de Valencia e do Instituto de Astrofísica de Andalucía.
As campañas de observación do EHT pódense facer unha vez ao ano durante a primavera no hemisferio norte, pero a deste ano, que debería desenvolverse entre marzo e abril, tivo que ser suspendida debido á pandemia de Covid-19.
FONTE: elmundo.es/ciencia
0 comentarios