PŪHĀHONU: O VOLCÁN MAIOR E MÁIS QUENTE DA TERRA
Probablemente ao pensar nun volcán imaxinamos un estratovolcán, como o Teide ou o Vesubio, unha montaña cónica formada por moi violentas erupcións. Pero a realidade é moito máis complexa: a maior parte da lava xerada no planeta libérase a través de fisuras mergulladas no océano. Ademais, a inmensa maioría dos volcáns da Terra está no Anel de Lume do Pacífico, un costurón de 40.000 quilómetros de longo que percorre as costas de América, Xapón e Nova Zelandia: Alí acumúlanse 425 volcáns, o 75% de todos eles, e ocorren o 90% dos terremotos.
Por iso, á hora de identificar o maior volcán da Terra non basta con fixarse na montaña máis alta: hai que ter moi en conta a parte que queda mergullada baixo o mar ou mesmo no subsolo. Por iso, un grupo de investigadores da Universidade de Hawai en Manoa, Honolulu, puido identificar cal é o volcán máis grande da Terra: trátase do Pūhāhonu, un volcán mergullado situado ao noroeste do arquipélago das Hawai, en Estados Unidos. As súas conclusións publicáronse recentemente en Earth and Planetary Science Letters.
"Novos datos batimétricos (das profundidades) e os mapas de gravidade, así como cálculos máis refinados sobre o volume e as análises de petrología (estudo da composición das rochas) mostran que o volcán Pūhāhonu é o maior e o máis quente da Terra", escribiron os autores do estudo.
Desde a superficie, Pūhāhonu non é moi espectacular. Quen navegue polas súas proximidades, a 952 quilómetros ao noroeste de Honolulu, só verá dous illotes, que apenas se elevan 50 metros sobre o nivel do mar e nos que só recalan as gaivotas e os seres que viven incrustrados nas rochas. O seu humilde porte explica que o seu nome signifique «tartaruga emerxendo para respirar», en hawaiano.
O humilde cume do volcán Pūhāhonu, 952 quilómetros ao noroeste de Honolulu, Hawai / NOAA
Pero na escuridade, baixo as augas, escóndese a máis monstruoso «bandullo» de magma que se observou ata o de agora no planeta. As análises revelaron que o seu tamaño é case dúas veces superior ao de Mauna Loa, outro volcán hawaiano que ata o de agora era considerado como o maior da Terra e que se eleva case nove quilómetros sobre o chan oceánico, máis que o Monte Everest.
De feito, os investigadores situaron o volume do Pūh honu entre os 119.000 e os 177.000 quilómetros cúbicos, mentras que Mauna Loa ten 74.000. É dicir, Pūhāhonu pode ser ata dúas veces maior que o que ata o de agora se pensaba que era o maior volcán.
Pūhāhonu apenas sobresae «para respirar», pero as súas raíces penétranse moito nas profundidades. Os investigadores concluíron que só o 30% do seu volume sobresae no chan mariño, mentres que o resto está oculto máis abaixo. De feito, concluíron que a masa do volcán é tan enorme que afundiu a cortiza terrestre uns cuantos quilómetros, no curso dos 14 millóns de anos nos que se formou.
En vermello, a masiva acumulación de magma do volcán Pūhāhonu / Michael O. Garcia et al. 2020
A presenza de olivino e outros minerais nalgunhas rochas suxire, segundo os autores, que o magma deste volcán estaba moi quente, a preto de 1.700º C, máis que calquera outro volcán hawaiano. Isto é unha importante pista que indica cal puido ser a orixe do Pūhāhonu. Para comprendelo hai que situarlle no seu contexto. O arquipélago de Hawai forma parte dun dos sistemas volcánicos máis estudados: a Cadea de montes submarinos Hawai-Emperador. Este sistema é resultado dun «punto quente»: unha zona onde unha pluma mantélica, unha especie de fisura pola que ascenderon materiais moi quentes do interior do planeta, foi atravesando a cortiza terrestre e creando volcáns. Curiosamente, mentres que a pluma estivo máis ou menos no mesmo punto, a placa tectónica do Pacífico foise movendo, de forma que a pluma foi creando unha cadea de montañas submarinas de 6.200 quilómetros de longo que van desde Hawai ás illas Aleutianas, preto da costa oriental de Rusia. Alí hai catro volcáns activos, dous durmidos e 123 extintos: a maioría deles ten o aspecto de atolones ou montañas mariñas.
Segundo o que observaron estes investigadores, o magma alcanzou temperaturas que indican que o proceso que fixo nacer a Pūhāhonu ocorreu dunha soa vez: unha única «onda» de magma ascendeu, aumentou o diámetro do núcleo de material e creou unha capa illante que aumentou máis as temperaturas.
Estímase que a pluma deste punto quente ten de 500 a 600 quilómetros de ancho e ata 2.000 quilómetros de profundidade. Nos seus 85 millóns de anos de actividade, creou uns 750.000 quilómetros cúbicos de rocha. Unha minúscula parte deles hoxe é o maior volcán da Terra: o seu nome é Pūhāhonu.
FONTE: Gonzalo López Sánchez/abc.es/ciencia
0 comentarios