Blogia
vgomez

ATOPADOS POSIBLES INDICIOS DE VIDA EN VENUS

Representación da fosfina, composta por un átomo de fósforo (vermello) e tres de hidróxeno / ESO/M. Kornmesser/L. Calçada &

Científicos europeos e estadounidenses aseguran que atoparon posibles indicios de vida en Venus, o planeta máis próximo á Terra. Este mundo é un vello coñecido dos terrícolas que, con todo, levamos décadas sen visitar, pois non tiñamos esperanzas de atopar alí nada vivo. O achado é aínda preliminar e necesita ser confirmado, pero os seus autores aseguran que unha das explicacións máis plausibles para as súas observacións é que haxa vida neste planeta. Con todo, moitos dos expertos independentes consultados por este xornal contestan que as probas non bastan para sacar esa conclusión.

Venus é o xemelgo infernal da Terra. Se un humano puidese pisar a súa superficie vería todo de cor alaranxada, o ceo moi baixo e neblinoso e morrería ao instante, pois a presión alí é equivalente á que hai a 1.600 metros baixo o mar. A súa composición é rochosa, e o seu tamaño case idéntico á Terra. Pero a súa atmosfera está feita de gases tóxicos que xeran un quecemento global desbocado que quenta a súa superficie a máis de 400 graos, suficiente para fundir chumbo.

En comparación, as nubes altas de Venus parecen o Edén. A uns 50 quilómetros sobre a superficie a temperatura é de algo máis de 20 graos e a presión moi similar á da Terra. Un dos primeiros en propoñer que podería haber vida nas nubes diste planeta foi o científico e divulgador Carl Sagan, que en 1967 publicou un estudo en Nature especulando que podería haber seres macroscópicos do tamaño de pelotas de ping-pong; unha especie de  medusas flotantes na atmosfera especializadas en vivir entre gases tóxicos. Foi tamén Sagan quen en vida repetiu moitas veces unha frase que vén moi a conto diste achado: “As afirmacións extraordinarias requiren probas extraordinarias”.

Máis de medio século despois, un equipo de astrónomos de EE  UU e Europa anuncian que detectaron “fosfina” (fosfano polo seu nome oficial) na atmosfera do planeta. A  fosfina é un derivado fétido e tóxico do fósforo. Usouse como arma, como  insecticida e é un residuo da produción de metanfetamina, unha droga.

Desde hai anos sábese que os maiores planetas do sistema solar, Xúpiter e Saturno, xeran fosfina ao unir un átomo de fósforo e tres de hidróxeno nas súas capas internas, que están a máis de 500 graos, nun proceso totalmente alleo á presenza de vida. Pero a fosfina tamén existe na Terra e a súa fonte principal asóciase a microbios que viven en contornas onde non hai osíxeno, incluído o fondo dalgúns lagos, as augas fecais e o intestino de animais, incluídos os humanos, segundo os responsables do achado.

No seu estudo publicado onte en Nature Astronomy sinalan que a cantidade de fosfina en Venus é 10.000 veces máis alta que a que podería producirse por métodos non biolóxicos. Os autores do traballo fixeron unha simulación de procesos que poderían producir fosfina en Venus sen necesidade de microbios venusianos, entre eles o impacto de lóstregos, a fricción tectónica, a caída de meteoritos. Ningún, din, é nin de lonxe igual de posible que a presenza de microbios nas nubes de  Venus que estean a producir este gas.

Parte dos científicos que asinan o estudo publicaron un detallado estudo anterior no que concluían que a presenza de fosfina nun planeta rochoso como Venus só pode deberse á presenza de vida. No seu estudo de onte son algo máis cautos. “A detección de  PH3 [símbolo da fosfina] non é unha proba sólida de vida, só de química anómala que non podemos explicar”, conclúen.

Iste estudo foi rexeitado por Science, unha revista científica de moito máis prestixio, probablemente porque os seus revisores non viron suficientes probas para sustentar a hipótese.

O mundo aínda estaba sumido na Guerra Fría cando en 1985 penetrou en Venus a última nave humana que visitou iste planeta, lanzada pola extinta Unión Soviética. Diso fai unha xeración. Agora sabemos que  Venus tivo un océano hai millóns de anos e que a vida puido xurdir alí. Haberá que regresar ao planeta e analizar por primeira vez a composición detallada da súa atmosfera na próxima década.

FONTE: Nuño Domínguez/elpais.com/ciencia

0 comentarios