Blogia
vgomez

FIDALGOS QUEDASTES VÓS

No curuto máis alto e penedoso da Serra de Gomariz vivía a Raíña Loba. Desde a ata-laia de seu castelo rochoso deleitábase coas incontables penurias e miserias que padecían os seus súbditos para poderen pagar as gabelas e trabucos que ela esixíalles. Baixo o sol da peor canícula ou baixo borrascas salvaxes cargadas de choiva, os desgraciados soportaban aquelas intemperies malsáns e ningún alivio reportoulles ás súas miserias, ningunha compaixón sentiu cara a esas vidas escravas. Só os menos afectados, os máis fortes, ofrecíanlle consolo e coidados aos que máis sufrían e desesperaban.

Malia que a indignación e a dor eran insoportables, entre a veciñanza de Cuqueixos e Pixeirós non soaron as trompetas, nin bateron os tambores. No seu canto, un murmurio comezou a facerse sólido e había que adoptar as precaucións máis minuciosas para levar a cabo o plan trazado.

E así o fixeron: logo de cruzaren a porta da atalaia, dous campesiños que levaban ás cotas á raíña aproveitaron que se apoiaba na alta muralla a amosarlles a inmensidade e riqueza do seu reino, para lanzarse sobre ela e empurrala ao abismo. Ceibos xa de toda ira e escravitude, os seus corazóns pareceron aledarse, e o aire, fresco e fragrante, tróuxolles lembranzas dunha felicidade embazada. Neses novos tempos, emprenderon unha nova vida e animábanse mutuamente ao son da alegre copla:

Matastes a Raíña Loba

Cuqueixos e Pixeirós.

Matastes a Raíña Loba,

Fidalgos quedastes vós

FONTE: Almanaque Agrícola 2021/syngenta.es

INFORMACIÓN ACLARATORIA PARA SITUARSE NA LENDA:

A raíña Loba o Lupa, aparece no Códice Calixtino, no que se conta como en chegando os restos do apóstolo Santiago a Iria Flavia, son depositados na propiedade dunha señora chamada Lupa. Esta envíaos cabo do gobernador de Duio coa intención de que se desfaga deles, mais o gobernador non só non consegue tornalos de alí, senón que morre no intento. Tempo despois volven os discípulos co corpo xunta de Lupa e esta, coa intención de enganalos por segunda vez, mándaos ó Monte Ilicino (o Pico Sacro) para que collan dous dos seus bois que lles carrexen o material necesario para o sepulcro. No Monte Ilicino hai unha cova que é a entrada do inferno e está custodiada por un dragón, mais a presenza da cruz fulmínao e os touros bravos que levaban os discípulos amansan milagrosamente. Lupa, ao coñecer que o seu plan fracasara, convértese ó cristianismo e axuda na construción da morada do apóstolo no Libredón. Pénsase que Lupa podería ser a representación dunha deusa precristiá, probablemente a versión feminina de Lug.

O castelo atoparíase no chamado Penedo de Raíña Loba, o pico máis alto ao sur da Serra de Gomariz, a uns 1.150 metros sobre o nivel do mar, na parroquia límica de Covas (Os Blancos, Ourense).

Os Cuquexos e Pexeirós son dous lugares pertencentes á parroquia de Santa María de Guntín, no actual concello dos Blancos, a poucos quilómetros do castelo da opresiva monarca.

FONTE: vialethes.es e gl.wikipedia.org

0 comentarios