SABÍAS QUE... POR QUE SOAN OS TRONOS?
Un dos fenómenos máis espectaculares da natureza son as tormentas, especialmente cando se producen descargas eléctricas e sons enxordecedores. Desde a máis remota antigüidade a súa presenza estivo ligada á ira dos deuses.
O primeiro que vemos nunha tormenta, especialmente se ten lugar pola noite, é a luz do raio (lóstrego), despois vén o trono, e ás veces, retumbes posteriores doutros sons.
A diferenza de tempo entre resplandor luminoso e trono en moitas ocasións é rechamante, isto débese a que a velocidade da luz é moito máis rápida que a do son: 300.000 quilómetros por segundo fronte a un terzo de quilómetro por segundo.
Con axuda dunha calculadora, e tras un sinxelo calculo, podemos deducir que, se entre o escintileo dun lóstrego e o son dun trono pasan seis segundos, o raio ocorreu a, aproximadamente, dous quilómetros de distancia.
Nun día claro a superficie terrestre está cargada negativamente mentres que na parte alta da troposfera predominan os ións positivos. A medida que se desenvolve unha nube do tipo cumulonimbo a distribución normal das cargas desaparece: na parte superior e preto da nube as cargas son positivas, existindo entre elas unha rexión con cargas negativas.
Aos poucos as cargas positivas comezan a establecerse na superficie, ou sexa debaixo da nube e é a diferenza de cargas a que se traduce no consabido raio.
A corrente eléctrica quenta o aire circundante a uns 20.000 ºC, unha temperatura que fai que se expanda a enorme velocidade. Ao mesturarse co aire frío da contorna prodúcese un descenso brusco da temperatura e contráese. É precisamente esa rápida expansión-contracción o que se traduce na aparición dunha onda sonora que se despraza en todas as direccións: o trono.
Noutras palabras, o trono prodúcese debido ao quecemento repentino que provoca un raio no aire circundante, o cal é, á súa vez, o resultado dunha loita entre forzas elementais cargadas eléctricamente.
O lóstrego percíbese como un fenómeno único (un escintileo de luz) mentres que o trono ás veces soa como un estrondo prolongado no tempo. A explicación deste fenómeno débese a que o son se desvía en moitas direccións a medida que viaxa polo aire, creando unha serie de explosións e ondas de choque, e porque as ondas rebotan en diferentes obxectos (árbores, edificios…).
Por iso podemos deducir que canto máis lonxe atópase de nós hai máis tempo para rebotar con outros obxectos e, por tanto, máis elevada é a posibilidade do que percibamos como un estrondo.
Por outra banda, hai que ter en conta que en condicións normais o aire non é condutor da electricidade e que a pesar de que nolo imaxinamos como unha mestura de gases homoxénea e ordenada, é moi heteroxéneo onde hai diferente humidade, distintas presións, variadas temperaturas e, ademais, correntes.
Todas estas variables inflúen de forma decisiva no camiño que percorre un raio, sempre buscará o camiño máis fácil, aínda que teña que percorrer unha distancia máis longa. En Román paladino, os raios non viaxan en liña recta.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia
0 comentarios