OS 10 AVANCES DA CIENCIA GALEGA DE 2023 (III)
Foron moitas as investigacións con selo galego que merecen revelancia este ano, algunhas delas foron portada das revistas científicas máis prestixiosas e outras tantas deron a volta ao mundo, facendo resoar nomes de científicos e científicas galegos que acadan unha gran influencia fóra de Galicia. Continúo cos dez avances da ciencia galega de 2023.
5. A vacinación de bebés contra o virus sincitial
Galicia converteuse en pioneira na vacinación de bebés contra o virus respiratorio sincitial (VRS) causante de bronquiolites e neumonías, sendo o a primeira sanidade do mundo en vacinar contra este virus. O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, confirma a efectividade da vacina dun 80%, tanto para previr infeccións, como hospitalizacións, polo que se considera clave para tratar de conter o VRS.
A vacinación comezou en outubro e no mes de decembro xa se pode afirmar que houbo unha drástica caída das hospitalizacións de bebés nos hospitais de Galicia. Os últimos datos publicados confirman que a Xunta inmunizou co anticorpo monoclonal Nirsevimab un total de 8.909 bebés. Facendo comparativas con temporadas pasadas, confírmase que a caída das hospitalizacións foi considerable polo que a Xunta quere converter a Galicia na primeira comunidade autónoma en incluír a inmunización contra o virus respiratorio sincitial no calendario de vacinacións.
Galicia é a primeira sanidade do mundo en vacinar os lactantes contra o virus sincitial
6. Os primeiros ordenadores cuánticos de Galicia
Este ano Galicia conta con dous ordenadores cuánticos, ambos adquiridos polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A primeira foi adquirida en marzo. Os computadores teñen unha maneira diferente de funcionar con respecto os tradicionais, neste caso baséanse en fenómenos cuánticos. Deste xeito, pódense avaliar “moitas combinacións de solucións ao mesmo tempo, o que se coñece como paralelismo cuántico”, tal como o explica o director xeral do Cesga, Lois Orosa Nogueira.
Qmio é a computadora máis potente e grande de España e de todo o sur de Europa, cunha capacidade de 32 cúbits. Permite resolver problemas que unha computadora clásica non pode, ademais de que sería inviable en tempo e enerxía. Ten un gran abano de aplicacións en todos os ámbitos científicos. Malia que está instalada no Cesga, poderán beneficiarse do seu uso as tres universidades galegas, o CSIC e todas aquelas empresas que estean interesadas en facer estudos nos que se poida aplicar a computación cuántica.
Dous novos computadores cuánticos en Galicia no ano 2023 / Cesga
Continuará...
FONTE: gciencia.com
0 comentarios