SABÍAS QUE... VERMELLAS, BRANCAS, NEGRAS... DE QUE DEPOENDE A COR DA AREA DA PRAIA?
Praias de area branca, marrón e negra / cruceroscosta.es / petronor.eus/es / lavanguardia.com
Un paseo por unha praia constitúe un verdadeiro pracer para os nosos sentidos. Desde a brisa mariña que nos rumorea ao oído, mentres observamos o vaivén das ondas, ata o sol, que coa súa luz dourada tingue cada gran de area, pasando polas ondas de escuma branca, que nacen e morren nun ciclo eterno. De todo isto, quedemos, por uns instantes, coa area da praia.
Desde un punto de vista xeolóxico está composta principalmente por fragmentos de rochas e minerais, sendo os máis comúns o cuarzo, os feldespatos, as micas, os minerais pesados e os fragmentos de cunchas e esqueletos mariños.
O compoñente máis abundante da area da praia é o cuarzo, formado por dióxido de silicio (SiO2). Trátase dun mineral duro e resistente que, á súa vez, pode provir de diferentes tipos de rochas, como o granito, o gneis e a arenisca.
Os feldespatos son o segundo compoñente máis común na area, son minerais que conteñen aluminio, silicio, potasio, sodio e calcio, e que se atopan en rocas ígneas, metamórficas e sedimentarias.
En canto ás micas, as máis comúns na area das nosas praias son a muscovita e a biotita. Finalmente, no grupo de minerais pesados atopamos a aqueles que ten unha densidade superior a 2,5 g/cm3, como a magnetita, a ilmenita e o zircón. Estes minerais atópanse en pequenas cantidades na area e poden provir de diferentes tipos de rochas.
A area defínese como partículas de rocha ou minerais cun tamaño de gran comprendido entre 0,063 mm e 2 mm de diámetro. Os grans de area máis pequenos (de menos de 0,063 mm) denomínanse limo, mentres que os máis grandes (de máis de 2 mm) denomínanse grava.
En canto á cor da area da praia, depende da composición mineralóxica das rochas das que provén. A area de cor branca adoita estar composta principalmente por cuarzo, mentres que a area de cor marrón ou avermellada pode conter óxidos de ferro. A area negra ou volcánica adoita estar formada por fragmentos de basalto e outros tipos de rochas volcánicas.
Camiñar descalzo pola area quente da praia pode ser unha experiencia agradable, pero tamén pode resultar incómoda e mesmo dolorosa se a area está demasiado quente.
Esta sensación queimadora débese a unha transferencia de calor, e é que a area, do mesmo xeito que calquera outro material, ten a capacidade de absorber e almacenar enerxía en forma de calor. Os factores que inflúen na súa temperatura son a radiación solar, a composición da area, a humidade da mesma, a súa granulometría e o vento que sopre nese momento na praia.
A principal fonte de calor para a area, evidentemente, é a radiación solar, canto máis intensa sexa a luz solar máis se quentará. En canto á composición, a area de cores máis escuras (como a negra ou volcánica) tende a absorber máis calor que aquela que ten cores claras.
Seguramente que todos puidemos comprobar nalgunha ocasión que a area seca retén a calor de maneira máis eficiente que a area húmida e que a auga actúa como un regulador de temperatura, absorbendo parte e dificultando a súa transferencia aos nosos pés.
En canto á granulometría, a area fina ten unha maior superficie de contacto coa pel, o que significa que pode transferir calor de maneira máis rápida e eficiente que a area grosa.
O último factor é o vento, por unha banda, pode contribuír á evaporación da auga da area, o que a fai máis seca e receptiva á calor solar e, por outro, pode axudar a disipar a calor da area, o que a fai menos quente.
Regresemos ao noso paseo e gocemos desa paisaxe cambiante e fascinante que convida á reflexión, á calma e á contemplación, á vez que nos lembra a fraxilidade do noso planeta.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia
0 comentarios