Blogia
vgomez

DETECTOR DE BULOS AMBIENTAIS (XI) FIN

Remato coa serie adicada aos bulos e noticias falsas sobre cambio climático e medio ambiente, que onte comezamos, e que baixo o título Detector de bulos ambientais, o xornal El País rastrexa esta desinformación para desmentir e aclarar algunhas das mentiras máis reproducidas e que rexorden en moitas ocasións. 

11. Si, o ser humano é o principal responsable do cambio climático

Arquipélago das illas Svalbard, no océano Glacial Ártico / Luis Manuel Rivas

Os bulos negacionistas do cambio climático van evolucionando. Desde negar a evidencia sobre o quecemento do planeta (con argumentos como que sempre fixo esta calor cando se produce un episodio de altas temperaturas) ata rexeitar que sexa o ser humano o principal responsable desta crise. Un dos bulos máis estendidos resúmese así: sempre existiron cambios climáticos e o actual non é responsabilidade do ser humano. A primeira parte é certa, a segunda non. Efectivamente, no pasado producíronse cambios climáticos que arrefriaron ou quentaron o planeta. Pero a diferenza no caso do actual é que o responsable é o ser humano debido ás emisións de gases de efecto invernadoiro que xera a súa actividade (fundamentalmente, pola queima dos combustibles fósiles).

A ciencia é clara e miles de artigos apoian que o home é o principal responsable. A última gran revisión realizada polo IPCC (o panel internacional de expertos que analiza toda a literatura científica para sentar as bases sobre o cambio climático) foi tallante ao afirmar que é “inequívoco” que o ser humano e as súas actividades quentaron “a atmosfera, o océano e a terra”. E isto xerou cambios “xeneralizados e rápidos na atmosfera, o océano, a criosfera e a biosfera”. As

súas conclusións son ratificadas polos case 200 países (practicamente, todos os do mundo) que participan nas negociacións climáticas. E, aínda que poida parecer novo, desde hai décadas existe ese consenso internacional sobre este asunto, aínda que se tenten sementar dúbidas. A aínda vixente Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, de 1992, recoñecía de partida que “as actividades humanas foron aumentando substancialmente as concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera” e “ese aumento intensifica o efecto invernadoiro natural”, o que dará “como resultado, en media, un quecemento adicional da superficie e a atmosfera”. E ese quecemento xa ocorreu.

FIN!

FONTE: Manuel Planelles/elpais.com/medio ambiente

0 comentarios