Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia (II)
Continúo coa listaxe dos cinco animais vertebrados, que están ou podería estar extintas a nivel local na comunidade, recollidos pola Consellería de Medio Ambiente.
Se onte falamos do Lince ibérico (Lynx pardinus), hoxe falsremos...
2. Gaivina negra (Chlidonias niger)
Esta especie, tamén coñecida como carrán mouro, é unha especie de ave moi escasa como reprodutora en España, cunha diminución determinante nos últimos anos, pero abundante nos pasos migratorios. Segundo informan dende Medio Ambiente, en Galicia existiu unha poboación nidificante na lagoa de Antela (Ourense), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas durante a época de cría levaron á súa desaparición. Con todo, aínda aparecen de forma puntual algúns exemplares errantes, pero polo momento non se asentaron na comunidade.
3. Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus)
Tradicionalmente, a pita do monte nidificaba nos Ancares, de onde podería ter desaparecido. En 2019, no concello leonés de Candín, lindeiro co lucense Cervantes, un grupo de persoas foron quen de avistar unha femia de pita do monte. Con todo, oficialmente, os últimos rexistros de Tetrao urogallus cantabricus datan, segundo as fontes, do ano 2003, segundo o informe do Comité Avifaunístico da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
A transformación e fragmentación do seu hábitat, sumada ás consecuencias do cambio climático e o furtivismo, convértense nas súas principais ameazas. De feito, o ecólogo Ignacio Munilla, que foi profesor na Universidade de Vigo, investigador Ramón y Cajal na USC e coautor do Plan de Conservación da poboación galega desta ave, apuntaba nunha entrevista con GCiencia á caza ilegal como principal causa da súa extinción en Galicia.
Continuará...
FONTE: gciencia.com Imaxe: Wikimedia Commons
0 comentarios