A Serra do Laboreiro, un mapa de case 200 megalitos aínda por escavar na fronteira galega con Portugal
A Mota Grande (A), Montículo de Outeiro do Ferro Penagache (B), Outeiro do Ferro Penagache M5 (C) / Goreti Sousa/sciencedirect.comA Serra do Laboreiro sitúase no límite entre Galicia e Portugal, na coñecida fronteira da Raia. Os seus perfís suaves, resultado da erosión, non constitúen o principal atractivo desta zona da Baixa Limia; destacan, en cambio, os aproximadamente 200 megalitos identificados a través de sucesivas prospeccións de campo, na súa maioría aínda sen escavar. A investigación liderada por Denise Lima e Silva e publicada en Journal of Archaeological Science: Reports, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), pretende afondar na historia do fenómeno tumular nunha das súas principais áreas de presenza no noroeste peninsular. Segundo explica a investigadora, “os voos LiDAR permitiron descubrir novos monumentos, pero é necesario escavalos, estudalos e analizalos”.
Cada estrutura pode incluír distintas cámaras megalíticas (desde dólmenes ata cistas), correspondentes a fases cronolóxicas diversas, aínda que próximas entre si. Porén, a interpretación complícase debido a factores recentes como o abandono, a reutilización dos espazos e a escaseza de intervencións arqueolóxicas, o que dificulta establecer con precisión as diferentes fases de ocupación. Diante da imposibilidade de analizar exhaustivamente os preto de douscentos monumentos, o equipo de Lima e Silva céntrase en comprender como os elementos naturais condicionan o movemento humano e as relacións sociais.
Neste contexto, o fenómeno tumular ou megalítico, reflicte un importante proceso de organización do territorio, no que interveñen factores como a xeomorfoloxía, os elementos naturais e actividades económicas tradicionais, entre elas o pastoreo, a caza e a recolección. “Estes monumentos son zonas de paso, espazos frecuentados por unha gran cantidade de persoas ao longo dos séculos”, conclúe Denise Lima.
A investigadora portuguesa sinala que o fenómeno megalítico presenta unha ampla distribución xeográfica, con manifestacións que se estenden desde Portugal ata Xapón. A súa orixe sitúase nun período relativamente breve, duns 200 ou 300 anos, seguido dun intervalo de interrupción construtiva, tras o cal o fenómeno volve rexurdir. “Trátase dun proceso dinámico e fluído”, explica Denise Lima e Silva.
Os monumentos da Serra do Laboreiro foron concibidos inicialmente como espazos funerarios, con túmulos integrados na paisaxe e cargados de significado simbólico. “Estas comunidades non entendían a morte como a concibimos hoxe; vinculábana estreitamente co territorio e coa natureza”, indica a investigadora. Ademais da súa función funeraria, estes espazos tamén actuaban como lugares de agregación familiar. “Son unha forma de expresar o coñecemento do territorio a través da morte”, engade.
Porén, para comprender en profundidade estas prácticas resulta imprescindible escavar os monumentos e obter mostras directas. Neste sentido, un dos principais obstáculos é a acidez dos solos do noroeste peninsular, que dificulta a conservación de materia orgánica. A isto súmase a alteración dos xacementos ao longo do tempo: “A procura de tesouros, alimentada por lendas, provocou a destrución de moitos destes espazos; en ocasións, nin sequera se conservan fragmentos de cerámica, xa que quedaron completamente arrasados”.
“Hai elementos que nos parecen simbólicos e metafísicos, pero teñen unha orixe práctica”, sinala a investigadora do INCIPIT. Neste sentido, factores como a altitude, o horizonte visible acumulado, a distancia ás cristas, a presenza de afloramentos rochosos ou a prominencia topográfica resultan determinantes na localización dos megalitos. Todos eles reflicten patróns espaciais aos que as comunidades se adaptaron, non só por criterios de funcionalidade, senón tamén por decisións culturais, sociais e simbólicas.
A maioría dos monumentos sitúanse entre os 800 e os 1.200 metros sobre o nivel do mar, cunha clara preferencia polos cumios elevados, prominentes e relativamente planos. Nalgúns casos, estas altitudes superan o que cabería esperar por simple azar, tal e como recolle o estudo. A visibilidade desempeñaría, así mesmo, un papel clave na elección dos emprazamentos, ao facilitar a comunicación, o control do territorio e unha forma de dominio simbólico da paisaxe. “A visibilidade, o acceso á auga e as vías naturais de circulación son fundamentais á hora de ocupar un territorio”, apuntan os autores. Esta selección coidada do espazo podería implicar tamén intervencións directas sobre a contorna, como a preparación do terreo ou o uso de queimas controladas. “Creaban a idea da paisaxe na súa cabeza”, conclúe Denise Lima.
A metodoloxía empregada no estudo dos megalitos da Serra do Laboreiro é complexa e combina técnicas avanzadas con traballo de campo. Nunha primeira fase, realizouse a verificación do terreo mediante datos LiDAR co obxectivo de comprobar a fiabilidade das coordenadas espaciais dos xacementos. Esta tecnoloxía constitúe unha das ferramentas máis destacadas da investigación: consiste nun sistema aerotransportado que, mediante pulsos láser, permite obter unha representación do terreo cunha resolución moi elevada. Grazas a este método, é posible identificar non só as formas do relevo, senón tamén elementos como construcións, cursos de auga ou a cobertura vexetal. “Podemos analizar o terreo cunha resolución de ata 50 centímetros por píxel; isto permítenos detectar máis monumentos, mesmo de menor tamaño”, explica Denise Lima e Silva.
Porén, os voos LiDAR non substitúen o traballo de campo, senón que o complementan. Esta ferramenta facilita un proceso de depuración dos datos, permitindo eliminar falsos positivos ou duplicidades (por exemplo, cando un mesmo túmulo foi rexistrado con nomes distintos por diferentes investigadores). A partir dunha base de datos inicial que incluía rexistros do investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do CISPAC Miguel Carrero Pazos, descartáronse 91 posibles monumentos. O resultado final foi a identificación de 178 puntos confirmados.
Área de estudo cos monumentos megalíticos (puntos brancos) / Journal of Archaeological Science: Reports
A Serra de Aboboreira, en Portugal, constitúe unha área de referencia no estudo da concentración de megalitos, aínda que presenta características diferentes ás da Serra do Laboreiro. Ao longo dunha década de investigación, identificáronse arredor de 40 monumentos con tipoloxías arquitectónicas e cronoloxías diversas. “Presentan distintas formas de relación coa paisaxe”, explica Denise Lima e Silva, quen centrou a súa tese neste territorio. Neste contexto comparativo, a Costa da Morte destaca como unha das zonas con maior densidade de monumentos tumulares do noroeste peninsular. “A comparación entre territorios permítenos comprender mellor ata que punto as paisaxes poden ser diferentes entre si e como inflúen nas prácticas humanas”, conclúe a investigadora.
O seguinte obxectivo do equipo é acometer a escavación dunha selección dos megalitos rexistrados na Serra do Laboreiro, co propósito de comprender mellor tanto as tipoloxías arquitectónicas empregadas como a súa cronoloxía absoluta, así como de identificar posibles manifestacións de arte megalítica. Ademais, malia décadas de investigación, o fenómeno tumular segue sen estar plenamente definido. “Queremos establecer un marcador cronolóxico deste fenómeno e determinar cando comezou”, sinala a investigadora. Este novo paso permitirá avanzar cara a unha interpretación máis precisa do pasado e a reconstruír, con maior rigor, a relación entre estas comunidades e a paisaxe que habitaron.
FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com
0 comentarios