Blogia

vgomez

CANTO SABES SOBRE OS ACÉANOS? IX

Continúo coa serie Canto sabes sobre os océanos. Eles desempeñan un papel fundamental nas nosas vidas, xa que nos provén de boa parte do osíxeno que respiramos, absorben o dióxido de carbono que día tras día emitimos á atmosfera, regulan a temperatura e dannos para comer.

A contestación correcta á pregunta de onte é Non ten cor. O océano é  incoloro. Vémolo azul como unha ilusión óptica froito do contacto das lonxitudes de onda procedentes do sol que son de cor vermella e laranxa coa superficie da auga.

E imos coa pregunta de hoxe!

9. Onde se produce a maior cantidade de erupcións  volcánicas?

- Nas montañas.

- Nos océanos.

- Nas illas.

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/naturaleza 

#DígochoEu: #ApuntamentoLusófono Capítulo 6: horarios, comidas e festas

 

Seguimos co #ApuntamentoLusófono na nosa canle de Twitch. Neste programa Esther e Rodrigo falaron das festas de Galicia e Portugal, das comidas e tamén das horas!

#DígochoEu 

TITAN DO SUR, UN DOS DINOSAUROS MÁIS GRANDES DO MUNDO

Recreación do dinosaurio titán del sur / VLAD KONSTANTINOV

En 2007, científicos do Museo de Historia Natural de Eromanga, en Australia, acharon os restos dun fósil de dinosauro enorme. Agora, tras máis dunha década de estudo, descubriron que se trata do saurópodo máis grande atopado no país. Cunha altura de 5 a 6,5 metros ata a cadeira e unha lonxitude de 25 a 30 metros, sitúase entre os dez ou quince dinosauros máis grandes do mundo. O descubrimento foi recentemente publicado na revista Peer J  .

Alcumado nun principio Cooper, en honra ao río australiano Cooper Creek, foi achado no xacemento de Eromanga, en Queensland. Despois de anos comparando os seus ósos con outros restos de dinosauros, os científicos puideron comprobar que se trataba dunha nova especie, á que rebautizaron como Austrolotitan cooperensis ou titán do sur.

"Australotitan súmase á crecente lista de especies de dinosauros exclusivamente australianos descubertas no interior de Queensland", afirma o palentólogo Scott Hocknull, un dos autores da investigación. "Para asegurarnos de que Australotitan era unha especie diferente, necesitabamos comparar os seus ósos cos ósos doutras especies de Queensland e de todo o mundo, o que resultou unha tarefa moi longa e laboriosa".

Os ósos de dinosauro son enormes, pesados e fráxiles, e gárdanse en museos por centos de miles de quilómetros de distancia, o que dificulta moito o estudo científico. Por primeira vez, o equipo utilizou unha nova tecnoloxía dixital para escanear en 3D cada óso e comparalo cos restos do seu parente máis próximo. Estes escaneos formarán parte da colección dixital do museo impulsada por Project DIG, unha asociación entre Queensland Museum Network e BHP. "Os  escaneos 3D que creamos permitíronme levar ao redor de miles de quilos de ósos de dinosauro nun computador portátil de 7 quilos. Mellor aínda, agora podemos compartir estes escaneos e coñecementos en liña co mundo", afirma Hocknull.

O estudo atopou que Australotitan estaba estreitamente relacionado con outros tres  saurópodos australianos que viviron durante o Período Cretácico (hai 92-96 millóns de anos). "Descubrimos que era o máis grande da familia, seguido por Wintonotitan, que posúe grandes cadeiras e pernas longas, mentres que os dous  saurópodos máis pequenos, Diamantinasaurus e Savannasaurus eran máis baixo en estatura e de complexión forte". Hocknull afirma que, xunto coa descrición de Australotitan, o estudo tamén revelou unha serie de novos descubrimentos na área que esperan para estudo científico completo. "Durante os últimos 17 anos atopáronse numerosos esqueletos de dinosauros, incluído un cunha cola case completa. O achado dunha plataforma rochosa, de case 100 metros de longo, representa un camiño de saurópodos, onde os dinosauros camiñaban pisando lodo e ósos no chan brando", sinala Hocknull.
 
FONTE: abc.es/ciencia

#DígochoEu: Non digas *telón nin *teloneiro

 

Nos teatros non hai *telóns e tampouco temos *teloneiros en galego! Esther Estévez danos as alternativas a estas palabras!

 #DígochoEu

CANTO SABES SOBRE OS ACÉANOS? VIII

Continúo coa serie Canto sabes sobre os océanos. Eles desempeñan un papel fundamental nas nosas vidas, xa que nos provén de boa parte do osíxeno que respiramos, absorben o dióxido de carbono que día tras día emitimos á atmosfera, regulan a temperatura e dannos para comer.

A contestación correcta á pregunta de onte é A acidificación dos océanos prodúcese polo aumento das emisións humanas de CO2 á atmosfera. Cando o dióxido de carbono chega ao océano, reacciona coa auga de mar e prodúcese ácido carbónico, que aumenta a súa acidez. Coa acidez redúcese a cantidade de carbonato  cálcico presente na auga, mineral indispensable para a supervivencia dos organismos mariños.

E imos coa pregunta de hoxe!

8. Cal é a cor do océano?

- Non ten cor.

- Azul.

- Turquesa.

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/naturaleza e wikipedia.org

AS LÚAS DOS EXOPLANETAS NÓMADES PODERÍAN ALBERGAR AUGA E VIDA

Segundo un novo estudo no que colaboraron investigadores da Universidade de Múnic, en Alemaña, e da Universidade de Concepción, en Chile, as lúas dos exoplanetas errantes, que non teñen unha estrela nai e navegan libres polo universo, poden posuír unha atmosfera e reter auga líquida. Os astrofísicos calcularon que tales sistemas poderían albergar suficiente auga para facer posible a vida e mantela.

A procura de exoplanetas é un dos temas que esperta maior interese actualmente entre os astrónomos e outros científicos de áreas relacionadas: crese que os planetas externos ao Sistema Solar poden ser bos candidatos no desafío por achar vida fóra da Terra. Tamén poderían achegar datos interesantes sobre múltiples cuestións relacionadas coa natureza do cosmos.

Con todo, pouco fálase dos seus satélites. As exolúas tamén terían o seu encanto, máis aínda despois de coñecer as conclusións do novo estudo, publicado en International Journal of Astrobiology. Os investigadores centráronse nas lúas dos exoplanetas nómades ou errantes, que ao non dispoñer dunha estrela guía viaxan libremente polo espazo.

As lúas de varios planetas do Sistema Solar son aínda o centro de diferentes teorías. Por exemplo, crese que Encelado de Saturno e Ganímedes, Calisto e Europa, tres das lúas de Xúpiter, poderían esconder océanos subterráneos. Que novidades poderían traernos as lúas dos exoplanetas nómades?

De acordo a unha nota de prensa, os investigadores utilizaron métodos matemáticos para modelar a atmosfera e outras características dunha lúa en órbita ao redor dun exoplaneta  errante.

Non se trata de estruturas estrañas ou inusuais, xa que se estima que nosa propia galaxia posúe como mínimo tantos planetas nómades do tamaño de Xúpiter como estrelas. Vale lembrar que a Vía Láctea conta con máis de 100 mil millóns de estrelas.

No modelo traballado polos científicos, unha lúa do tamaño da Terra orbita a un exoplaneta similar a Xúpiter. A pesar de non contar cunha estrela central que brinde calor e enerxía, os especialistas cren que un sistema frío e escuro como o modelado poderá igualmente contar con auga e, en consecuencia, ter amplas posibilidades de albergar formas de vida.

Concluíron que a exolúa indicada podería contar cun volume de auga 100 veces maior que aquel existente na atmosfera da Terra. Aínda que non se compara cos nosos abundantes e ricos océanos, esa cantidade de auga líquida sería suficiente para o desenvolvemento da vida.

Como sería posible? Os investigadores sosteñen que os raios cósmicos poderían brindar o impulso químico imprescindible para converter o hidróxeno molecular e o dióxido de carbono en auga. Ademais, as forzas de marea exercidas polo exoplaneta no seu satélite achegarían calor.

Ao mesmo tempo, se a atmosfera da exolúa posúe un 90% de dióxido de carbono xeraríase un efecto invernadoiro, fenómeno que serviría para reter e conservar gran parte da calor producida no satélite. Ao combinar todos estes factores e fontes de enerxía, os científicos cren que a auga en estado líquido podería manterse na lúa do exoplaneta errante.

Con presenza de auga, as probabilidades da existencia de vida increméntanse notablemente. Serán as lúas dos exoplanetas nómades as que nos terminen achegando á vida extraterrestre?

FONTE: Pablo Javier Piacente/farodevigo.es

#DígochoEu: Aprende a distinguir vogais abertas e pechadas (capítulo 31)

Esther Estévez continúa con regras faciliñas sobre fonética para palabras con erre dobre!

 #DígochoEu

HOMO LONGI, ESPECIE IRMÁN DO HOMO SAPIENS?

O cranio de Harbin / CELL

Un equipo liderado por científicos chineses di que atopou os restos dunha nova especie humana que viviu en Asia hai polo menos 146.000 anos e que sería o parente evolutivo máis próximo do Homo sapiens, a nosa propia especie.

Os investigadores bautizárono como Homo longi, home dragón, en referencia ao nome da rexión do nordés de China onde se atopou o cranio fósil. A análise desta caveira apunta a que se trataba dun home duns 50 anos, probablemente alto e forte. Este humano era unha especie de frankenstein con trazos primitivos e modernos: unha cabeza aplanada, grosos arcos sobre as cellas, unha boca ancha e uns dentes bastante máis grandes que os de calquera persoa actual. Pero tamén tiña un dos cranios máis grandes que se coñecen no xénero humano e podía albergar un cerebro do mesmo tamaño que o noso.

Este fósil ten características clave para entender a orixe do xénero Homo e a aparición da nosa especie”, explica Quiang Ji, investigador da Universidade GEO de Hebei e coautor dos tres estudos que describen a nova especie e a súa datación, publicados en The Innovation.


Reconstrución do aspecto do Homo longi, ou home dragón / Chuang Zhao

A proposta destes científicos é un novo cravo no cadaleito desa teoría que ve no Homo sapiens unha especie única e elixida, pois indica que hai uns 200.000 anos había na Terra sete especies humanas diferentes que en ocasións compartían hábitat e mesmo tiñan sexo e fillos. “Serían os sapiens, neandertais, Homo daliensis, Homo erectus, o home de flores, o de Luzón e esta nova”, explica Chris Stringer, investigador do Museo de Historia Natural de Londres e coautor de dous dos estudos sobre o home dragón. E a estas habería que sumar ao Homo de Nesher Ramla, o posible devanceiro dos neandertais cuxos restos achados en Israel foron presentados o pasado xoves.

A historia deste fósil é rocambolesca. En 2018, un campesiño levoulle o cranio a Ji. O fósil achouno un compañeiro do seu avó en 1933 mentres traballaba na construción dunha ponte sobre o río Songhua na cidade de Harbin, ao nordés de China, segundo China Daily, un diario do Ministerio de Propaganda chinés. O avó escondeu a caveira nun pozo para que non a levasen os xaponeses durante a guerra que enfrontou a ámbolos dous países. A caveira pasou de xeración en xeración ata chegar ás mans dese campesiño, que decidiu doalo á ciencia.

O principal problema desta historia é que se descoñece a contorna no que se achou o fósil. E así é moi difícil datalo. Nos estudos recentemente publicados, os científicos chineses anañizaron os compostos químicos do sedimento que o fósil ten aínda pegado na cavidade nasal e comparárono co dunha columna de terra extraída da beira do Songhua onde supostamente apareceu a caveira hai case un século. As idades coinciden e lanzan esa antigüidade de polo menos 146.000 anos.

Desde hai tempo, os fósiles humanos atopados en China expoñen un enigma sen resolver. Neste país acháronse cranios e outros ósos de homínidos que non encaixan en ningunha das especies coñecidas. Teñen por unha banda trazos que os achegan ao Homo erectus, un homínido alto e corpulento que foi o primeiro membro do noso xénero que saíu de África hai 1,9 millóns de anos e expandiuse por Asia. Doutra banda presentan características similares ao Homo sapiens, que chegou a esta zona do planeta hai uns 50.000 anos.

Os científicos responsables do estudo din agora que todos eses fósiles son de Homo longi. Os seus estudos apuntan a que esta sería a especie máis próxima á nosa na evolución, máis que os neandertais, pois propoñen que a separación destes e os sapiens deuse 400.000 anos antes do que se pensaba ata o de agora.

O fósil de Harbin e outros de China pertencen a unha terceira liñaxe de humanos que coexistiron con neandertais e sapiens”, comenta Stringer. “Se aceptamos que os neandertais son unha especie distinta, tamén o é esta”, sinala. Pero o paleontólogo británico prefire adscribir o novo fósil ao Homo daliensis, un deses cranios a medio camiño entre o erectus e o sapiens.

Hai xa sete anos, un grupo de científicos españois propuxo a existencia dunha nova especie de humanos en China. Naquel caso baseábanse nos restos dun neno que viviu hai uns 60.000 anos e que tamén tiña trazos mesturados. Unha das autoras da proposta era María Martinón-Torres, directora do Museo Nacional de Investigación sobre Evolución Humana, que é moi escéptica sobre o novo achado chinés. “É un fósil espectacular, pero dicir que é unha nova especie vai demasiado lonxe, sobre todo porque non se coñece o contexto [o terreo] no que foi descuberto”, opina a  paleoantropóloga.

Entre os fósiles que os científicos chineses etiquetan como home dragón está a mandíbula de Xiahe, achada en plena meseta de Tíbet. En 2019, un equipo conseguiu extraer proteínas do óso e estas mostraron que se trataba dun denisovano, a especie irmá dos neandertais que habitou Asia. “Non se pode ser irmán dos neandertais e dos sapiens á vez. A análise que fixeron ten inconsistencias e eu opino que o máis lóxico é emparentar esta nova especie cos neandertais”, engade Martinón-Torres.

Antonio Rosas, experto en neandertais do CSIC cre que “é un traballo revolucionario”. Refírese sobre todo á análise morfolóxica do cranio e a súa comparación co resto de fósiles humanos coñecidos, unha tarefa que ten unha importante compoñente de computación e que por iso mesmo é vulnerable, pois todo depende da programación previa que se introduza, por exemplo ao elixir que trazos son primitivos e cales modernos. “Esta aproximación é tan potente que pode rivalizar coa paleoxenética”, asegura Rosas en referencia á disciplina que analiza xenes e proteínas extraídas dos fósiles e que achegou a maioría dos grandes descubrimentos en evolución humana dos últimos anos, asegura Rosas. ”Iste podería ser o primeiro cranio coñecido dun denisovano, pero a análise sitúao máis preto dos Homo sapiens. É unha conclusión moi complexa que aínda haberá que discutir moito. O que queda claro é que xa non estamos diante dun paradigma unidireccional no que os devanceiros humanos saen de África para ir ao resto do planeta, senón que posiblemente houbo viaxes de volta de especies humanas desde Asia cara a África”, resalta.

FONTE: Nuño Domínguez/elpais.es/ciencia