Blogia

vgomez

OCEAN ART 2020

"Liberar a esperanza"
O mellor do espectáculo - Edwar Herreno
Rodada nas Illas Galápagos, Ecuador
Historia do disparo

O prestixioso concurso de fotografía submarina de Ocean Art 2020, organizado pola Guía de fotografía submarina, anunciou os gañadores dun concurso especial de fotografía submarina de Ocean Art baixo o lema de “Safe Under the Sexa” (A salvo baixo o mar).

A imaxe superior é a gañadora do certame capturada nunha área única de crianza de quenllas martelo no Parque Nacional das Illas Galápagos e Scott Gietler, propietario de Bluewater Photo and Travel e editor da Guía de fotografía submarina, deixou unhas preciosas palabras respecto diso: “As imaxes deste concurso especial, especialmente a imaxe de conservación gañadora, representan esperanza. Esperanza para os nosos océanos, esperanza para as nosas industrias de viaxes e mergullo devastadas polo coronavirus, e esperanza de que as nosas nacións poidan unirse”.

Se queres coñecer o resto de fotos gañadoras do concurso preme AQUÍ.

FONTE: uwphotographyguide.com e muyineresante.es

RIQUEZA NATURAL E PAISAXÍSTICA DE ESPAÑA XII

Continúo coa serie Riqueza natural e paisaxística de España, na que facemos un pequeno percorrido polas marabillas que a natureza esculpíu ao longo dos anos e aqueles espazos que son o resultado do traballo e enxeño do ser humano.

Hoxe imos a...

12. Parque Güell (Cataluña)

O Parque Güell é un parque público con xardíns e elementos arquitectónicos situado na parte superior da cidade de Barcelona, en Cataluña.

É o resultado actual dunha fallida operación urbanística que tentaba crear unha cidade xardín ao estilo inglés de acordo coas tendencias do momento que procuraban o contacto coa natureza. Foi deseñado por Antoni Gaudí, máximo expoñente do modernismo catalán, por encargo do empresario Eusebi Güell. Construido entre 1900 e 1914, foi inaugurado como parque público en 1926.

Está catalogado como un monumento declarado no rexistro de Bens Culturais de Interese Nacional do patrimonio catalán e no rexistro de Bens de Interese Cultural do patrimonio español.​ Tamén forma parte do Patrimonio da Humanidade declarado pola UNESCO como Obras de Antoni Gaudí.

Mañá outro lugar alucinante!

FONTE: Idea orixinal abc.es/viajar, gal.wikipedia.org  Imaxe: tiqets.com/es

#DígochoEu: Non digas *paixonal

 

En galego temos paixón, pero non *paixonal! Esther Estévez Casado explícanolo!

#DígochoEu

AMOREAR PEDRAS: CONDUTA INFENSIVA PARA O MEDIO?

Desde hai uns anos púxose de moda amorear pedras en contornas naturais, especialmente en espazos emblemáticos e masificados como determinas cimas ou puntos da costa, mesmo aquí na nosa zona de A Guarda. Unha única morea de pedras, como os clásicos fitos que guían aos senderistas, non é un problema, pero si a súa proliferación por puro pracer ou pose instagramer. Unha morea leva a outra e acaban sendo decenas delas. O que aparentemente comeza sendo unha acción totalmente inofensiva pode acabar carrexando consecuencias nefastas para os ecosistemas naturais.

Segundo o experto en conservación de espazos naturais Carles Castell “Levantas unha pedra e o que atopas é vida. En contornas de condicións extremas, onde a vexetación adoita ser escasa e dispersa, serven de refuxio para moitos animais, reteñen a humidade do terreo, favorecen o crecemento de plantas… hai especies que dependen delas para poder vivir!”.

De aquí a importancia de deixar as pedras en paz!

FONTE: Lorena Farrás/lavanguardia.com     Imaxe: lavanguardia.com (VvoeVale/GettyImages/iStockphoto)

SABÍAS QUE... (PARQUES EÓLICOS)

Sabías que o maior parque eólico mariño…

- Chamase Walney Extension e está situado no mar de Irlanda, a uns 19 quilómetros da costa da Illa de Walney (Reino Unido).

- Cobre 145 quilómetros cadrados de océano, o que sería equivalente a uns 20.000 campos de fútbol; posúe 189 turbinas, de 190 metros de altura cada unha, producindo unha enerxía renovable suficiente para abastecer 590.000 fogares cada ano.

- Ten unha capacidade de 659 MW, inaugurouse o 8 de setembro de 2018 e tal e como recolle o Libro Guinness dos Récords 2020.

- Parece que Noruega adiantará a Irlanda a finais diste ano, pois Hywind Tampen converterase no maior parque eólico mariño flotante do mundo. Está situado en Noruega e, alí, a instalación dispoñerá de 11 xeradores Siemens Gamesa SG 8.0-167 DD. Ademais, tamén será o primeiro parque eólico mariño en fornecer enerxía a instalacións como plataformas de gas e petrolíferas no mar.

FONTE: Laura Marcos e Sarah Romero/muyinteresante.es    Imaxe:  ambientum.com

RIQUEZA NATURAL E PAISAXÍSTICA DE ESPAÑA XI

Continúo coa serie Riqueza natural e paisaxística de España, na que facemos un pequeno percorrido polas marabillas que a natureza esculpíu ao longo dos anos e aqueles espazos que son o resultado do traballo e enxeño do ser humano.

Hoxe imos a...

10. A Albufeira (Comunidade Valenciana)

O Parque natural da Albufera ou A Albufera é un parque natural da provincia de Valencia, na Comunidade Valenciana. Foi tamén coñecido polos romanos como Nacarum Stagnum e nalgúns poemas árabes denomínaselle Espello do Sol.

Esta paraxe de 21.120 ha, que foi declarado Parque Natural pola Xeneralidade Valenciana en 1986, comprendendo o sistema formado pola Albufera propiamente dita, a súa contorna húmida, e o cordón litoral adxacente a ambos.

A Albufera, propiamente dita, é unha lagoa costeira superficial (profundidade media de 1 m). Ten unha extensión de 23,94 km², e está rodeada de 223 km² de  arrozais.​ A súa cunca hidrográfica ten unha extensión de 917,1 km², que se estende desde o nivel do mar ata unha altitude duns 1000 msnm. Está separada do mar por unha estreita barra litoral (restinga) areosa con dunas estabilizadas por un bosque de piñeiros (Dehesa do Saler). O seu valor ecolóxico é moi grande.

Mañá outro lugar alucinante!

FONTE: Idea orixinal abc.es/viajar, gal.wikipedia.org  Imaxe: comeamaviaja.com

#DígochoEu: Moito ollo cos reflexos!

 

 Hoxe Esther Estévez Casado fala do seu reflexo no espello e dalgunha curiosidade sobre esta palabriña!

#DígochoEu

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA SOBRE O INICIO DE CURSO 2020-21

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA SOBRE O INICIO DE CURSO 2020-21

Estimadas familias

  Neste inicio de curso cheo de tantas incidencias e incertezas, o equipo directivo do IES A Sangriña considera que cómpre informar de todas as circunstancias ocorridas ata o de agora e que teñen como consecuencia a falta de decisións firmes cara a organización do vindeiro ano académico.

  A finais do curso pasado, reuníronse en conferencia sectorial de educación o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas. Resultado dos acordos acadados nesa conferencia (refrendados pola Consellería de Educación da Xunta, a CEUFP) foron as recomendacións feitas chegar polo Ministerio de Educación e polo Ministerio de Sanidad (versións do 10 de xuño e do 22 de xuño) nos que se establecía que, de cara ao vindeiro curso 2020-21, a distancia de seguridade sanitaria que tería que adoptarse entre os postos escolares nos centros de ensino sería de 1,5 mts. O 22 de xullo a CEUFP emitía as súas instrucións para o comezo do curso nas que asentaba unha distancia de 1 mts entre postos, distancia contraria ao acordado en xuño co ME. En base a esas instrucións da CEUFP os centros de secundaria en Galicia acomodaron as súas aulas seguindo a distancia marcada de 1 mt.

  A conferencia sectorial celebrada a finais de agosto entre o Ministerio de Educación, Ministerio de Sanidad e Consellerías de Educación e Sanidade das Comunidades Autónomas, levou á CEUFP a emitir unha novas instrucións de inicio de curso nas que se estipulaba a separación entre postos á distancia de 1,5 mts. Como consecuencia, os equipos directivos dos centros de secundaria tiveron que desfacer o feito en xullo e situar os postos a 1,5 mts resultando que o alumnado que antes cabía nas aulas, agora coa nova distancia, sinxelamente non cabe.

  O incrementar nun 50% a separación de seguridade facía que os centros necesitaran espazos/aulas no  que reubicar ao alumnado que había de desdobrar.  A tarefa non é sinxela posto que os espazos a priori máis amplos dos que contan os centros (laboratorios, ximnasios, bibliotecas etc) tampouco poden garantir, en moitísimos casos, á distancia de seguridade para ratios que están nun arco, no noso centro, de entre 25/30 alumnos/as. A solución pasa por desdobrar grupos, facelos máis pequenos, o que leva consigo a necesidade de reforzar o número de profesores/as.

  A través do Servizo de Inspección os centros que necesitaban desdobres solicitaron o número que estimaban oportuno para reforzar o seu profesorado. Aínda que a CEUFP nunca se pronunciou oficialmente ao respecto, semellaba que na primeira semana de setembro a Consellería aceptaría conceder reforzo de profesorado aos centros. Namentres o tempo corría e produciuse un cambio na titularidade da CEUFP e na súa cúpula (Secretaría Xeral Técnica, Dirección Xeral etc.) O novo equipo manifesta o día 9 de setembro ante o Consello Escolar de Galicia que vai potenciar a semipresencialidade (cambio de criterio que está en contra do acordado no seu día nas conferencias sectoriais de educación nas que os departamentos de educación das comunidades autónomas deciden, co Ministerio de Educación, defender a presencialidade). O xoves 10 a CEUFP segue introducindo cambios de criterios e, desta volta, de xeito radical xa que comunica aos centros que prescindan da solicitude de reforzo de profesorado e que anulen os desdobres volvendo a situar a distancia de “seguridade” entre alumnos/as a 1 metro auxiliando esta medida coa colocación de mamparas de metacrilato. Asemade, lanzan ese mesmo día un plan de semipresencialidade que colle a todos os equipos directivos sen preparación. Diante destas novas circunstancias, as directivas de moitas cidades e zonas galegas declaran que non poden empezar o curso o día previsto: o 16 de setembro. Moitos directores/as incluso manifestan que non abrirán os seus centros ese día xa que se a CEUFP non pode facilitar reforzos no profesorado para asistir aos desdobres, non se poden garantir as medidas anticovid. O novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, decide o día 11 pola mañá adiar o inicio do curso en secundaria ao día 23 de setembro.

  Neste contexto, o IES A Sangriña, proxecta as seguintes medidas organizativas de cara ao ano académico vindeiro:

  1. Solicitar reforzo de tres profesores/as para atender aos desdobres provocados no centro por implementar a distancia de seguridade de 1,5 mts.
  2. Pasar a horario de tarde os grupos de 1º e 2º de Bacharelato. A presencia simultánea no noso centro, caracterizado por unha infraestrutura claramente obsoleta, dunha matrícula de preto de 610 alumnos/as fai que: a) se provoque un problema de aulas para poder practicar desdobres; b) o uso das aulas, as deambulacións no centro, os usos dos espazos comúns, de recreo etc. presenten numerosos problemas. Por esta razón, o equipo directivo de A Sangriña decide planificar o horario de Bacharelato en horario de tarde de luns a venres para ofrecer un contexto de seguridade sanitaria máis garantista a toda a comunidade escolar.
  3. O horario de Ciclos de FP NON variará respecto ao rango horario do       pasado ano.

Estas medidas organizativas NON están concretadas a día de hoxe por razóns alleas á dirección do centro, razóns que dependen das seguintes circunstancias:

  1. A CEUFP non comunicou oficialmente a concesión do profesorado de reforzo solicitado polo centro. O Servizo de Inspección (sempre na liña da máxima colaboración co centro) valida a solicitude pero a CEUFP non se ten pronunciado ata o de agora.
  2. A confección definitiva do horario do centro (sobre todo ao referente aos horarios de ESO e aos horarios exactos da tarde de Bacharelato) depende da rectificación de horarios de autobuses que a concesionaria do transporte escolar da zona está pendente de facer a petición do centro. Esta dirección ten intención de situar as dúas horas de ESO dos luns pola tarde, nas mañás de dous días da semana. Para iso a concesionaria ten que recalcular rutas e horarios nunha nova planificación que, tras ser solicitada polo centro, a día de hoxe non está presentada.
  3. A CEUFP aposta pola semipresencialidade (como máis arriba queda explicado) mentras o IES A Sangriña decide desenvolver o ensino presencial xa que considera que os centros aínda non están preparados para unha planificación en semipresencialidade efectiva. Se a Consellería presionara a este centro no sentido de considerar un réxime semipresencial para Bacharelato, dende aquí manifestamos que sería coa nosa opinión en contra.

  As circunstancias arriba expostas, impiden, polo de agora, calquera toma de solucións resolutivas dende o punto de vista organizativo de cara ao vindeiro ano. Precisamos de certas confirmacións que aínda non temos polo que a toma de decisións estase a retrasar. O traballo do equipo directivo, profesorado, persoal non docente e ANPA do IES A Sangriña está condicionado por causas alleas á súa vontade. Comprendemos a vosa inquedanza que tamén é a nosa. Estamos seguros/as que a profesionalidade dos claustros do sistema de ensino secundario público serán quen de ofrecer o mellor dos servizos malia época tan adversa que estamos a atravesar. Porque o seu obxectivo é o mesmo que os das familias e o alumnado, usuarios/as  dese ensino público: a calidade dun servizo igualador e necesario.

 Calquera medida en firme adoptada será comunicada por esta mesma canle polo que pregamos permanezades atentos/as a esta web e ao perfil de Facebook do IES A Sangriña.

Un saúdo

A Dirección

FONTE: edu.xunta.gal/centros/iesasangrina