Blogia

vgomez

CANTO SABES DOS INSECTOS? XVII

Continúo coa serie Canto sabes dos insectos?, na que se pon a proba os teus coñecementos sobre os seres máis abundantes no noso planeta, xa que estímase que hai 200 millóns de insectos por cada ser humano.

A contestación á pregunta de onte é Pulgóns. As xoaniñas son moi apreciadas xa que son depredadoras naturais dos áfidos (pulgóns), cocos ou cochinillas, ácaros, larvas de moscas e outras pragas da agricultura. Xeralmente, os adultos teñen a mesma alimentación que as larvas, pero algunhas tamén comen pole, néctar ou aínda fungos. Unha xoaniña estímase que pode consumir máis de mil destes animais durante o verán e se temos en conta que unha femia pode ter máis dun millón de crías darémonos conta de por que son considerados como insecticidas naturais.  

 E imos coa pregunta de hoxe!

17. A mirmecoloxía estuda...

- As arañas

- As formigas

- As abellas

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/natureza  Imaxe: ecodiario.eleconomista.es, invdes.com.mx, animalgourmet.com

HUMOR REAL: TURISTAS

 

A viñeta de hoxe do xornal La Voz de Galicia de Pinto&Chinto (David Pintor Pinto - A Coruña, 1975 e Carlos López, Chinto - Boimorto, 1967) plasma unha "nova realidade" que nos trae a pandemia; e aos feitos me remito, en concreto Galicia, cos, por agora, nove contaxiados en Ribeira e A Pobra.

Que Deus nos pille confesados!

JOHN SNOW

Londres era o centro do mundo cara ao ano 1850, pero tamén nun pozo de sucidade e enfermidades. Superpoboada e sen un sistema de rede de sumidoiros completa, en zonas que hoxe son céntricas e exclusivas a xente arroxaba os seus refugallos á rúa ou ao río Támesis. Os continuos brotes de cólera arrasaban ademais á poboación londiniense ata que John Snow logrou atopar a conexión entre eses dous feitos, aínda que para iso tivo que xogarse o seu prestixio como eminente médico da Inglaterra victoriana. O seu gran éxito axudou a derrubar as teorías científicas da época sobre as infeccións e marcou o nacemento da epidemioloxía moderna.

El mesmo padecera na súa infancia esas condicións sanitarias tan precarias das cidades que medraban rapidamente ao ritmo da Revolución Industrial. Fillo dun obreiro que traballaba nunha carboeira, John Snow (15 marzo 1813 – 16 xuño 1858) naceu nun dos barrios máis pobres da cidade de York e foi o primeiro de nove irmáns. De neno destacou polas súas habilidades matemáticas e en 1827, aos 14 anos, converteuse en aprendiz dun cirurxián e boticario de Newcastle. Compaxinou ese posto cos estudos nunha escola médica recentemente creada; e foi entón cando tivo o seu primeiro contacto co cólera, durante a segunda pandemia desa enfermidade, que chegou a Europa procedente de Asia. Snow comezou a investigar eses brotes epidémicos, colaborando co cirurxián Thomas M. Greenhow.

 

 

Retrato de John Snow cara a 1856 / Wikimedia Commons

Tras unha década de aprendizaxe e experiencia médica, en 1836 John Snow trasladouse a Londres para estudar medicina por fin na universidade. Ao ano seguinte comezou a realizar prácticas no hospital de Westminster, onde destacou polo seu sentido da observación: durante os seus gardas nocturnas deseñou uns experimentos para estudar a orixe das enfermidades que tanto afectaban os estudantes que realizaban autopsias no hospital. Así descubriu que a causa común era unha intoxicación cos vapores de arsénico que se usaban para conservar cadáveres. Aquilo cambiou a práctica das diseccións anatómicas e puxo fin ao uso de arsénico na fabricación de velas.

En 1844 puido finalmente completar os seus estudos, engadir o título de doutor ao seu nome e abrir unha consulta no hoxe vibrante barrio londiniense do Soho. O doutor Snow foi gañando prestixio grazas á aplicación da experimentos científicos para demostrar a validez das súas innovacións médicas, especialmente no relacionado coa anestesia. Esta nova técnica para evitar a dor en operacións e partos era aínda moi insegura, debido á falta de coñecemento preciso das propiedades das substancias usadas como anestésicos. Snow foi un dos primeiros en saber calcular as doses adecuadas de clofoformo e éter; ademais deseñou dispositivos e máscaras para aplicalos con seguridade aos pacientes e escribiu unha guía médica para o seu uso. O seu prestixio era tal que foi o elixido para administrar en persoa cloroformo á raiña Vitoria durante os partos do seu penúltimo fillo, Leopoldo, en 1853. Aquel acontecemento contribuíu á aceptación pública da anestesia.

Con todo, John Snow é hoxe lembrado por outro logro, co que puxo entón en risco a súa reputación como médico, cando estaba na cima da súa carreira. Durante os seus longos anos de aprendiz e estudante, inculcáranlle a teoría dos miasmas: uns “malos aires” que causaban enfermidades infecciosas como o cólera ou a peste bubónica, segundo o consenso dos sabios da época. Pero a Snow había algo que non lle encaixaba. Pensou que se o cólera estivese provocado por emanacións nocivas, os pacientes presentarían algún tipo de síntoma respiratorio, cousa que non sucedía. Ademais, durante os brotes de 1849 realizou un estudo dos casos e descubriu que a incidencia e a taxa de mortalidade eran moi superiores no sur de Londres, onde as augas do Támesis estaban moito máis contaminadas que as que bebían os habitantes do resto da capital británica. No seu artigo Sobre o modo de transmisión do cólera chegou á conclusión de que a causa era unha “materia  mórbida” invisible ao ollo humano, que os pacientes inxerían e que lles provocaba unha severa diarrea.

Aquela hipótese, que hoxe é de puro sentido común, supuxo entón un desafío ao saber establecido. E como aínda non se impuxo a teoría de que os microbios causan as infeccións, Snow non podía explicar que era aquela materia invisible e infecciosa —como tampouco puido explicar o austríaco Ignaz Semmelweis por que os médicos tiñan que lavarse as mans para evitar contaxiar eles mesmos as enfermidades entre uns pacientes e outros.

Sen poder recorrer ás súas demostracións experimentais, a ocasión para actuar chegou en 1854 cunha nova e máis grave epidemia de cólera no Reino Unido. John Snow púxose a investigar minuciosamente cada caso, falando cos enfermos e as súas familias, e situounos sobre un mapa de Londres, en busca dunha correlación cos lugares dos que os pacientes obtiveran a auga para beber. Así logrou identificar unha bomba de auga na rúa Broad como a orixe do brote no barrio do Soho. O seu mapa do cólera bastou para convencer ás autoridades locais de que había que clausurar esa fonte pública, e o número de casos comezou a baixar drasticamente.

Polo éxito desa proba a gran escala, hoxe John Snow é lembrado como fundador da  epidemiología moderna. Pero entón non foi suficiente. A pesar da evidencia, os expertos en saúde pública crían na teoría miasmática e a bomba de auga volveu poñerse en funcionamento, tal e como reclamaban os veciños —unha medida contra a que Snow loitou ata que morreu dun infarto en 1858, aos 45 anos.

Os feitos déronlle a razón nas décadas seguintes á súa morte: durante a seguinte epidemia de cólera (en 1866), as autoridades sanitarias comprobaron que as ideas de Snow eran válidas e que a auga desa bomba viña mesturada con augas fecais; e en 1884 Robert Koch finalmente identificou a bacteria fecal Vibrio  cholerae como axente causante do cólera. Uns anos antes os experimentos de Louis Pasteur xa demostraran que os microbios eran a causa das infeccións e tamén explicaron por que os traballadores dunha fábrica de cervexa permaneceran inmunes ao brote de 1854 ao redor desa bomba de auga de Broad Street. Medorentos desa auga, só bebían cervexa (producida con auga fervida). Hoxe en día, nunha esquina desa rúa londiniense, permanecen a mesma bomba de auga, o pub John Snow e unha placa en recordo da súa gran fazaña científica.

FONTE: Francisco Doménech/bbvaopenmind.com/ciencia

#DígochoEu: Non digas *hashtag

 

Esther Estévez Casado tráenos unha palabriña que se usa moito nas redes pero que hai que evitar! Para que necesitamos este anglicismo cando temos unha alternativa galega ben chula e máis fácil de pronunciar?  

#DígochoEu

SOLUCIÓN ENCRUCILLADO XLII

SOLUCIÓN ENCRUCILLADO XLII

 

VERTICAIS: 1. Vendima 2. Lagar 4. Uva 6. Cangallo.

HORIZONTAIS: 3. Prensa 5. Viño 6. Cuba 7. Barrica 8. Adega 9. Mosto.

Relativo ao viño!

CANTO SABES DOS INSECTOS? XVI

Continúo coa serie Canto sabes dos insectos?, na que se pon a proba os teus coñecementos sobre os seres máis abundantes no noso planeta, xa que estímase que hai 200 millóns de insectos por cada ser humano.

A contestación á pregunta de onte é Os escaravellos. Os vagalumes son insectos  coleópteros, é dicir, son en realidade escaravellos e están moi relacionadas coas xoaniñas. Hai case 2 000 especies diferentes de vagalumes e viven nas zonas tépedas ao redor de todo o planeta. O que caracteriza e diferenza aos vagalumes doutros insectos é o brillo que proxectan no seu abdome. Isto chámase bioluminiscencia, e é común a machos, femias e a todas as especies de vagalume en xeral.

E imos coa pregunta de hoxe!

16. O alimento principal das xoaniñas é...

- Formigas

- Plantas

- Pulgóns

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/natureza Imaxe: gl.wikipedia.org

ENCRUCILLADO XLII

ENCRUCILLADO XLII

 

VERTICAIS: 1. Operación de coller as uvas das videiras 2. Lugar preparado para prensar as uvas, co fin de que solten o líquido que conteñen. 4. Froito da vide, redondo ou ovado, agrupado con outros en acios, do que se obtén o viño 6. Resto do acio ao que se lle quitaron ou esmagaron as uvas.

HORIZONTAIS: 3. Máquina que serve para comprimir, que consta como elementos principais de dúas plataformas que se apertan unha contra a outra por medio de parafusos e que ten formas diversas segundo os usos 5. Bebida alcohólica que se obtén da fermentación do zume de uva 6. Recipiente de gran tamaño para gardar viño ou outros líquidos, formado por doelas, colocadas unha a continuación da outra e unidas por unha especie de aros, cerrado a cada lado por unha parede de madeira 7. Recipiente de madeira feito de doelas máis anchas no medio ca nos extremos unidas por zunchos metálicos ou de madeira, utilizado principalmente para líquidos aínda que tamén pode conter outras cousas 8. Parte da casa, xeralmente subterránea, ou construción independente onde se garda o viño ou outras bebidas e, ás veces, tamén onde se fai, xeralmente, para o consumo persoal 9. Zume de uvas, antes de acabar a súa fermentación.

#DígochoEu: Non digas *plantexar

 

Nin *plantexar nin nada que se lle pareza! Fóra estas palabras do teu vocabulario! Son unha tradución forzada do ’plantear’ castelán. Esther Estévez Casado danos a alternativa.

#DígochoEu