Blogia

vgomez

ACTUAR CONTRA O ACOSO ESCOLAR


Dous metros de altura poden supoñer a diferenza entre un neno que acode tranquilo ao colexio e outro que sofre humillacións, burlas e insultos a diario na súa etapa escolar. Bromas de mal gusto que acaban en malleiras. Ese foi o caso do exxogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, que con 11 anos foi illado dos seus compañeiros por unha profesora, que temía que puidese facer dano aos demais por ser extraordinariamente alto e forte, e negábase a explicarlle as dúbidas académicas “porque non o ía a entender”. Fóra da aula, Zubizarreta sufriu todo tipo de vexacións por un grupo de compañeiros, que lle levaron a pensar en quitarse a vida. “Eu era un neno moi tímido, moi cohibido, tiña unha chea de medos. Non me aceptaba a min mesmo nun mundo onde non atopaba o meu espazo. E sentíame coma se fose un monstro”, lembra.

Afortunadamente puido desenvolver o seu talento no baloncesto, deporte co que chegou a xogar como profesional na liga ACB e alzouse coa Copa do Rey en 1998. Actualmente colabora coa ACB na campaña “Actuamos Contra o Bullying”, acudindo a colexios e institutos para impartir charlas de sensibilización entre os máis novos, “porque é tan culpable o que acosa como o que o permite”. A súa historia de superación serve de exemplo para saber que se pode saír adiante. “Se me reencontrase co neno que fun diríalle que non garde silencio, que busque axuda, que non cale. Asegúrovos que hai vida, boa vida, despois do acoso escolar, pero sempre con axuda. Por desgraza, trinta e tantos anos despois estas historias seguen sendo actualidade e o que non cambiou é romper a lei do silencio”, conclúe o deportista.

(Teléfono contra o acoso escolar en España: 900 018 018)

O PROPÓSITO AMBIENTAL DO MES: FEBREIRO 2020

Continúo coa lista de xestos que ir incorporando, mes a mes neste ano 2020, na túa vida diaria para empregar moitos menos plásticos.

2. FEBREIRO 2020:  Aprende o código plásticariano



O obxectivo de reducir o consumo de plásticos é ser máis sustentables. Non se trata de tirar todos os plásticos que teñamos en casa nin de deixar de utilizar todos os artigos feitos con plástico, como o teclado do computador, por exemplo, senón de xerar o mínimo de residuos posibles. É moito máis sustentable, por exemplo, seguir utilizando o bidón de auga da bicicleta ata que acabe a súa vida útil que tiralo só porque estea feito de plástico. Para diferenciar os plásticos reutilizables dos que non, este febreiro podes propoñerche aprender o código dos plásticos.

Todos os plásticos están marcados cun pequeno triángulo no cal aparece un número, do un ao sete. Ese número indica se o plástico é reciclable ou non o é, e se podemos reutilizalo. Por exemplo, os marcados con número do 1 ao 6 (botellas de plástico, iogures…) poden tirarse ao contedor amarelo e os indicados co sete (maceteiros de plástico, xoguetes…) non. Ademais, os de tipo 2 (a maioría de botes de deterxente ou lixivia, por exemplo) ou 4 (bolsas de plástico) son reutilizables, así que poden ter unha segunda vida. Para porte ao día preme AQUÍ.

A intentalo!

FONTE: P. Cantó/ Verne/elàis.com Ilustración: L. Bou

CRICIGRAMA XXXI

CRICIGRAMA XXXI

 

VERTICAIS: 1. Árbore das anxiospermas, propia das costas da India e de Oceanía, de madeira moi recendente, follas grosas, flores pequenas e froito en forma de cereixa, dos que se fan aceites esenciais que son unha boa axuda para  desinfectar feridas, sendo, ademais, é un diurético eficaz 3. Infusión feita coas flores doTilia platyphyllos, mesturadas ou non con outras, que se toma como bebida con propiedades medicinais, principalmente como tranquilizante 5. Árbore da familia das mirtáceas orixinaria de Australia, cuxas follas empréganse ante enfermidades respiratorias: asma, bronquite ou gripe, tendo ademais capacidades antimicrobianas, facilitando a secreción de fluídos tales como os mocos (sendo un potente expectorante) 6.  Planta herbácea perenne da familia das compostas, aromática, con talos débiles que acadan os trinta centímetros, follas alternas e flores amarelas con lígulas brancas e de nome científico   Chamaemelum nobile, empregada nos tratamentos de molestias gastrointestinais  8. Árbore silvestre da familia das aquifoláceas, de nome científico Ilex aquifolium, que tenen efectos diuréticos e relaxantes, ademais de diminuír a presión arterial e contribuír a tratar problemas dixestivos 10. Planta da familia das umbelíferas, de talo ramificado, follas filiformes e flores amarelas en círculo, de nome científico Anethum graveolens, cuxas sementes son utilizadas con fins medicinais dende a Antigüedad, especialmente contra a dor asociada á menstruación (dismenorrea) e os espasmos 11.  Planta herbáce de nome científico Apium graveolens, que se usa como dixestivo e laxante, debido o seu alto contido en fibra, aínda que tamén se emprega na cociña.

HORIZONTAIS: 2. Planta herbácea perenne da familia das rutáceas, de ata setenta centímetros, talos de base leñosa moi ramificados, follas alternas azuladas e pequenas flores amarelas en corimbo, que despide un cheiro forte e ten propiedades medicinais como antiespasmódico e sedante 4. Planta da familia das amarilidáceas, orixinaria de México, de grandes follas basais, ríxidas e carnosas, das que parte un caule alto que leva na punta as flores que se usa na curación de feridas e chagas, podendo empregarse como desinfectante (aínda que mal utilizada podería chegar a ser  venenosa), aínda que tamén se emprega na regulación da produción de insulina (co que diabéticos e persoas con problemas óseos poderían beneficiarse desta planta)  7. Planta da familia das labiadas, de talos leñosos, follas lanceoladas, flores en espiga, azuladas e moi aromáticas, máis coñecida polo uso en perfumería, pero con propiedades relaxantes, sendo útil para situacións de tensións e insomnio, contando ademais con propiedades cicatrizantes, anelxésicas e favoredoras da circulación e do bo funcionamento do sistema respiratorio  9. Planta herbácea de nome científico Calendula officinalis, cuxa flor é popular polas súas propiedades antiinflamatorias e cicatrizantes, aplícándoa nas feridas 12. Planta perenne de nome científico Thymus vulgaris, que posúe propiedades antioxidantes e  antisépticas, rica en flavonoides, vitamina C, ferro e magnesio, que estimula o apetito e tamén é empregado como expectorante.

O CEO DO MES: FEBREIRO 2020

Lúa preto de Xúpiter, o día 15 / Imaxe: ngenespanol.com

2 de febreiro: Cuarto Crecente

9 de febreiro: Lúa Chea

15 de febreiro: Cuarto Minguante. Xúpiter, o planeta máis grande do sistema solar, poderá ser visto moi preto da Lúa durante o amencer do 15 de febreiro, no suroeste. Os dous corpos celestes serán acompañados pola estrela branquiazul Spica, a máis brillante da constelación de Virgo.

23 de febreiro: Lúa Nova

Chuvia de meteoros: Nada reseñable.

CINE: "ADÚ"

CINE: "ADÚ"

 

Esta fin de semana chega aos cines a película "Adú", que nos conta tres historias diferentes pero cun punto en común: a pobreza de África e a situación tan extrema na que se atopan as persoas que viven alí. O director e o guionista inspiráronse na historia real dun neno que chegou en patera a Canarias, ao que coñeceron nun centro de acollida de CEAR. Esta é a súa ficha técnica:

Título orixinal: Adú

Ano:2020

Duración: 119 minutos

País: España

Produtora: Ikiru Films/La Terraza Films/Telecinco Cinema/ICAA/Mediaset España/Mogambo/Netflix/Un Mundo Prohibido

Xénero: Drama

Dirección: Salvador Calvo

Guión: Alejandro Hernández

Fotografía:Sergi Vilanova

Reparto: Luis Tosar, Anna Castillo, Álvaro Cervantes, Jesús Carroza, Miquel Fernández, Ana Wagener, Nora Navas, Marta Calvó, Josean Bengoetxea, Jose María Chumo, Candela Cruz, Moustapha Oumarou, Rubén Miralles, Zayiddiya Dissou

Sinopse: Nun intento desesperado por alcanzar Europa e acazapados nunha pista de aterraxe en Camerún, un neno de seis anos e a súa irmá maior esperan para coarse nas adegas dun avión. Non demasiado lonxe, un activista ambiental contempla a terrible imaxe dun elefante, morto e sen cabeiros. Non só ten que loitar contra a caza furtiva, senón que tamén terá que reencontrarse cos problemas da súa filla recentemente chegada de España. Miles de quilómetros ao norte, en Melilla, un grupo de gardas civís prepárase para enfrontarse ao furibundo xentío de subsaharianos que iniciou o asalto ao valo. Tres historias unidas por un tema central, nas que ningún dos seus protagonistas sabe que os seus destinos están condenados a cruzarse e que as súas vidas xa non volverán ser as mesmas.

Unha penosa realidade!

CANTO SABES DA TÁBOA PERIÓDICA X

Continúo coa serie adicada a recordar aspectos da Táboa Periódica dos Elementos. A contestación á pregunta do día anterior é Verdadeiro. O químico alemán Martin Heinrich Klaproth descubriu o uranio en 1789. William Herschel anunciara o descubrimento do planeta  Urano en marzo de 1781.

E imos coa pregunta de hoxe!

10. Por que lle puxeron ao Bromo precisamente ese nome?

 - Porque cheira horriblemente mal.

 - Porque en grego significa "inactivo".

 - Porque o seu achado xurdiu como unha broma.

 - Na honra ao Monte Bromo, volcán de Indonesia.

Mañá a solución e una nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es

BANDEIRAS DO MUNDO CV

Esta é a bandeira de Serra Leoa (República de Serra Leoa/Republic of Sierra Leone), un país de África occidental con saída ao mar. Conta cunha poboación que supera os 7 millóns de habitantes, sendo a súa capital Freetown. O idioma oficial é o inglés.

A bandeira consta de tres franxas horizontais de igual tamaño, verde a superior (que simboliza a agricultura, as montañas e os recursos naturais), branca a intermedia (que simboliza a unidade e a xustiza) e azul a inferior (que simboliza o mar).

FONTE: gal.wikipedia.org

CANCIÓN DE ESPAÑA NO LXV FESTIVAL DE EUROVISIÓN 2020

 

O LXV Festival de Eurovisión celebrarase no Ahoy Rotterdam de Róterdam (Países Baixos) o 12, 14 e 16 de maio deste ano.

O representante do noso país será Blas Cantó Moreno (Ricote-Murcia, 1991), un artista coñecido por ser integrante vocalista do grupo Auryn e ser o gañador da quinta edición do concurso de televisión español Tu cara me suena.

O tema que levará, e que podedes escoitar na parte superior deste artigo, é “Universo”, un medio tempo pop electrónico que mestura conceptos actuais con tinguiduras épicas.

Boa sorte!