Blogia

vgomez

PALABRA GALEGA DO ANO 2019: "SENTIDIÑO"

Sentidiño é a Palabra Galega do Ano 2019. Así o determinou a elección virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Unha ondulante fronteira divide o que sentimos e o que pensamos. Por iso moitas veces quen nos quere ben encoméndanos ao noso sentir: Vai con sentidiño! Quen así nos aconsella é posible que confíe máis na nosa intuición ca na nosa intelixencia, porque o sentidiño, aínda que pareza un paradoxo, non sempre acompaña o xeito de actuar das persoas máis brillantes. Que nos reprochen que non temos sentidiño ningún non nos descualifica, polo tanto, no intelectual pero é un convite a que pensemos dúas veces nas posibles consecuencias de calquera acción. O sentidiño, en definitiva, nunca sobra, e quizais por iso desta volta decidistes que sexa A Palabra do Ano 2019.

No lingüístico sentidiño é unha palabra derivada que ten como base o vocábulo sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire “percibir polos sentidos”. De todas as acepcións que recolle o Dicionario para a palabra sentido, refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de “calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño podería considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como “bo xuízo” ou “calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente”.

Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, “bo entendemento para falar ou actuar”, e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O noso sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a “ponderación mental”. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o noso -iño neste caso. Atopamos así o buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués. Na banda dos antónimos podemos destacar arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel “feito pouco atinado ou pouco razoable”.

O sentidiño é, en definitiva, unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio. Agora que se achega o 2020 desexámosvos boas doses del, pero tamén que nos vos impida o soño de voar. Por iso rematamos este 2019 cun desexo colectivo para un mundo mellor nos vindeiros doce meses: sexamos realistas e pidamos o imposible! (iso si, con sentidiño!).

FONTE: portaldaspalabras.gal

BANDEIRAS DO MUNDO LXXIII

Esta é a bandeira do Malaui (República de Malaui/Republic of Malawi/Dziko la Malawi), un país situado en África Oriental. Conta cunha poboación que rolda os 18 millóns de habitantes, sendo a súa capital Lilongüe. O seu idioma oficial é o inglés, convivindo co chichuewa.

A bandeira componse de tres franxas horizontais que amosan as cores panafricanas: vermello, negro e verde. Sobre as tres franxas atópase unha figura en branco que simboliza o sol. A cor negra representa o pobo africano, o vermello representa o sangue dos mártires da liberdade de África, o verde representa a natureza de Malaui e o sol nacente representa o amencer da liberdade e esperanza para África.

FONTE: gal.wikipedia.org

TANUKI

O tanuki, can mapache ou mapache xaponés (Nyctereutes procyonoides) é nativo de Asia oriental e representan un ícono cultural importante en Xapón.




A pesar da súa aparencia non están relacionados cos mapaches. Máis ben, pertencen á familia Canidae, a mesma que a dos lobos e raposos. O tanuki é tamén unha especie basal, o que significa que se parece máis á forma ancestral da familia Canidae.

Este mamífero carnívoro non se atopa en perigo de extinción. O seu estado de conservación, segundo a UICN é de preocupación menor, pero a súa existencia podería verse ameazada no futuro debido a actividades ilegais como o comercio de peles.

O compañeirismo e a familia son moi importantes para estas criaturas, polo que xeralmente viven en parellas monógamas ou en grupos pequenos e moi unidos. Os tanukis machos, en particular, teñen unha reputación excepcional por ser tanto compañeiros compasivos como bos pais. Víuselles levar comida ás súas parellas embarazadas, e despois de que a súa parella dá a luz, asumen un papel activo e importante na crianza das crías.

Mentres que os lobos, raposos e outros cánidos non teñen problema algún para enfrontarse aos nevados e áridos meses de inverno, os tanukis prefiren hibernar. Para iso, acumulan graxa, diminúen o seu metabolismo nun 25% e asíntanse dentro dos seus tobos ata que chega un clima máis cálido. O que é especialmente notable dos seus hábitos de hibernación é que non o fan sós. Outro testemuño da importancia das relacións sociais para estas criaturas: son hibernadores comunais que prefiren aniñarse cos seus compañeiros cando dormen.

O tanuki, ademais de ser un animal real, tamén se atopa en todo o folclore xaponés en forma de espíritos místicos que cambian de forma chamados Bake-danuki, que literalmente significa "can mapache monstro", pertence a unha clase de monstros do espírito xaponés chamados yōkai. Aínda que a maioría dos yōkai ten unha tendencia á malevolencia absoluta, o bake-danuki perdeu esta reputación aterradora nos últimos séculos en favor dun estilo de vida xovial e máis inofensivo centrado en outorgarlle aos humanos boa fortuna e prosperidade. Hoxe día, este peludo amigo represéntase cunha barriga bulbosa, un escroto masivo e unha expresión facial divertida. É habitual velo agarrando un frasco de sake e un pagarei de facturas impagadas.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es

OS TEUS COÑECEMENTOS SOBRE O MEDIO AMBIENTE IX

A contestación correcta á pregunta do día anterior, na que se pon a proba os teus coñecementos sobre medio ambiente, é 1%. A cantidade de auga que é apta para consumo humano no mundo é menor do 1% dos recursos de auga doce dispoñible. Aínda que o 70 % da superficie do planeta está cuberta por auga, só o 2,5 % é doce, mentres que o 97,5 %  restante é salgada. Desa auga doce, un 68,7 % está conxelada en glaciares. Do resto, un 30,1 % xace na humidade do chan ou nas profundidades da terra, nas capas acuíferas inaccesibles para os seres humanos.

E imos coa pregunta de hoxe!

9. Por cada tonelada de papel reciclado, aforramos...

- 17 árbores

- 32 árbores

- 46 árbores

- 59 árbores

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es Imaxe: fuentesaludable.com

BANDEIRAS DO MUNDO LXXII

Esta é a bandeira do Líbano (República Libanesa/الجمهوريّة اللبنانيّة Al-Ŷumhūriya Al-Lubnāniya), un país de Oriente Próximo. Conta cunha poboación que rolda os 6 millóns de habitantes, sendo a súa capital Beirut. O seu idioma oficial é o árabe.

A bandeira está formada por dous franxas horizontais vermellas envolvendo a outra branca. A franxa branca é o dobre de grande que cada unha das vermellas. O cedro verde situado no medio toca cada unha das dúas franxas. As raias vermellas simbolizan o sangue derramado no nobre obxectivo da liberación. A franxa branca simboliza a paz, e o branco da neve que cobre as montañas do Líbano. O cedro verde, (cedro do Líbano) simboliza a inmortalidade e a estabilidade.

FONTE: gal.wikipedia.org e ecured.cu

SE OS BURACOS NEGROS ABSORBENO TODO, QUE FAN CON TODO ISO?

   
Imaxe dun buraco negro / EUROPEAN SOUTHERN OBSERVATORY (AFP)

Os buracos negros seguen sendo uns obxectos misteriosos e que fascinan tanto ao público xeral como aos científicos. Moitas das preguntas sen resposta da física moderna son sobre eles. Se os buracos negros absórbeno todo, que fan con todo iso? Esta pregunta parte dunha idea equivocada, un buraco negro non é unha aspiradora, non é exactamente que o absorba todo. Imos ir explicándoo aos poucos porque cando chegamos preto dun buraco negro, as leis da física son moi extremas.

Para entender o que ocorre ao redor dun deles necesitades saber o que é o horizonte de sucesos. Trátase dun límite teórico, non é unha zona do espazo á que poidas apuntar cun dedo e dicir é aí. É unha “fronteira” que se define como a última órbita na que unha onda electromagnética viaxando á velocidade da luz pode chegar a nós.

Imos velo cun exemplo, se tiramos unha mazá cara ao ceo, volve caer cara a nós debido á forza de gravidade da Terra. Pero se fósemos superheroes ou superheroínas e puidésemos tirar a mazá con moitísima velocidade, por encima de 11 quilómetros por segundo (a velocidade de escape da Terra), a mazá chegaría ao espazo e escaparía á gravidade do noso planeta. Un buraco negro ten un campo  gravitatorio moitísimo máis forte que o da Terra, entón, preto del, necesitas unha velocidade moito maior para escapar da súa forza de gravidade. Tanta que, cando estamos preto dun deles, a velocidade que se necesita para escapar da súa gravidade é máis alta que a velocidade da luz. Pero aquí aparece un problema porque segundo a teoría da relatividade hai un límite que é o da velocidade da luz. Coas leis da física que coñecemos actualmente non hai nada que vaia máis rápido que a velocidade da luz.

No horizonte de sucesos a velocidade de escape é igual á velocidade da luz, é dicir que unha onda electromagnética que vai á velocidade da luz un pouco por fóra do horizonte de sucesos pode chegar a nós, pero un pouco por dentro do horizonte de sucesos xa non pode chegar a nós porque non pode viaxar máis rápido que a luz. Así que cando pensamos nun obxecto preto dun buraco negro, non é que o absorba, senón que unha vez cruzado o horizonte de sucesos, as partículas seguirían dando voltas ao seu redor porque para escapar terían que ir máis rápido que a luz. Se nós puidésemos seguir a traxectoria dun obxecto que cruzase o horizonte de sucesos e achegásese a un buraco negro chegaríanos a última información que pode viaxar á velocidade da luz (é dicir xusto no horizonte de sucesos), e sería como unha imaxe detida para sempre.

Se lanzásemos unha nave espacial cara a un buraco negro, o que observariamos é que canto máis se achegase ao horizonte de sucesos veriámola moverse a cámara lenta e cando chegase ao horizonte de sucesos veriámola parada. Pero se estivésemos dentro da nave, para nós o tempo seguiría sendo o mesmo, achegariámosnos ao buraco negro, cruzariamos o horizonte de sucesos e seguiriamos dando voltas ao redor do buraco negro. Pero se estivésemos na nave e quixésemos chamar á nosa familia á casa, unha vez cruzado o horizonte de sucesos non poderiamos facelo porque a nosa información non podería viaxar máis rápido que a luz. O que ocorre unha vez cruzado o horizonte dos sucesos, queda dentro do horizonte dos sucesos, desconectado do que hai fóra.

A frase que se escoita sempre que di que nada pode escapar dun buraco negro non quere dicir que o buraco o absorba, o que quere dicir é que dalgunha forma atrápao e fai que vire á súa ao redor en órbitas extremas dentro do horizonte de sucesos. Agora si, a nave non seguiría sendo a mesma. Os efectos da gravidade serían tan fortes que se convertería nunha especie de espagueti debido a un proceso chamado precisamente  espaguetización.

Significa que dado que a gravidade está en función do cadrado da distancia e nos buracos negros é tan enorme, pequenas variacións de distancia cambian a intensidade do campo  gravitatorio. Por exemplo, máis aló do horizonte de sucesos, a gravidade actuaría de forma distinta sobre a miña cabeza que sobre os meus pés porque o metro e pico que hai entre eles é xa unha distancia que fai que sexa distinta neses dous puntos. E esa gravidade é tan forte que faría que calquera obxecto con masa estirásese como un espagueti. Así que cremos que os buracos negros están rodeados de fíos de materia. Pero isto é só unha teoría porque aínda non temos datos reais para confirmar nin a espaguetización nin o que pasa realmente máis aló do horizonte de sucesos.

FONTE: Sara Cazzoli/elpaís.com/ciencia

OS TEUS COÑECEMENTOS SOBRE O MEDIO AMBIENTE VIII

A contestación correcta á pregunta do día anterior, na que se pon a proba os teus coñecementos sobre medio ambiente, é uns 700 anos. Como podes ver, o plástico tarda moitísimos anos en degradarse, por iso é polo que é tan importante que reciclemos o plástico depositándoo no contedor amarelo.

E Imos coa pregunta de hoxe!

8. Que cantidade de auga do mundo está dispoñible para uso humano?

- 75%

- 35%

- 10%

- 1%

Mañá a solución e unha nova pregunta!

FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es

BANDEIRAS DO MUNDO LXXI

Esta é a bandeira de Kiribati (República de Kiribati / Republic of Kiribati / Ribaberikin Kiribati), un arquipélago e país insular ubicado na zona central oeste do océano Pacífico, ao noreste de Australia. Conta cunha poboación que rolda os 116.000 habitantes, sendo a súa capital Tarawa. Os idiomas oficiais son o inglés e a lingua kiribatiana.

A bandeira é unha bandeira heráldica: a metade superior é vermella cunha fregata dourada voando sobre un sol nacente da mesmo cor. A metade inferior é azul con tres franxas ondeadas horizontais brancas que representan ao océano Pacífico e os 3 grupos de illas que compoñen o país (Gilbert, Phoenix e as illas Line). Os 17 raios do sol representan as 16 illas Gilbert e a de Banaba (antes coñecida como Ocean).

FONTE: gal.wikipedia.org