Blogia
vgomez

COMUNICADOS

OS MITOS DOS ACCIDENTES ACUÁTICOS

Imaxe dunha clase práctica da materia de socorrismo do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

As persoas piden axuda e moven os brazos antes de afogar; é preciso agardar dúas horas para bañarse despois de comer; tras un afogamento hai que colocar a vítima boca abaixo para baleirar os seus pulmóns de auga; a urina é un bo remedio fronte á picadura dunha medusa… No referido aos incidentes que poidan darse en praias, ríos ou piscinas existen unha serie “mitos e falsas crenzas”, asentadas no ideario popular e que poden dar lugar a decisións ou intervencións erróneas. Coa idea de rebater estas crenzas, un artigo coordinado por investigadores dos grupos Clinursid da USC e Remoss da UVigo, Antonio Rodríguez Núñez e Roberto Barcala, identifica a través dun consenso de expertos os 10 principais mitos asociados ao medio acuático para logo ofrecer “unha perspectiva científica para a súa refutación”.

Publicado na revista  Educación Médica, trátase do primeiro documento científico en castelán que aborda esta problemática elaborado “por un grupo de traballo multidisciplinar”, con experiencia en medicina de urxencias, pediátrica e forense, en enfermaría e en socorrismo. O seu obxectivo é que este documento “sirva de guía para todo tipo de públicos”, dende á poboación en xeral “aos reguladores e os profesionais sanitarios”, de tal xeito que permita resolver preguntas habituais que poden xurdir na tempada de praia e desbotar ideas “que están no ideario popular e que non se sustentan nunha base científica ou a que se lles atribúe está obsoleta”, explican. Para iso, realizaron un “cribado de conceptos”, partindo da revisión da literatura científica sobre este tema, chegando finalmente á identificación de dez falsas crenzas, que foron rebatidas en base aos coñecementos médicos.

As persoas afogadas non piden axuda 

Varias destas crenzas céntranse na identificación, clasificación e tratamento das vítimas dun afogamento, como a propia idea de que “a persoa que afoga pide axuda”, cando realmente “recoñecer esta situación é un reto para socorristas e bañistas”, xa que “unha persoa que se afoga frecuentemente faino en silencio, non berra e non pide axuda, trata de sacar a cabeza e concentra todos os seus esforzos en respirar”, podendo desaparecer da superficie da auga nuns 90 segundos. Do mesmo xeito, os autores deste estudo rebaten tamén a idea de que, tras o afogamento, a vítima debe colocarse boca abaixo “para baleirar a auga dos pulmóns”, unhas manobras que “ademais de ser inútiles, supoñen unha perda de tempo esencial”, polo que a recomendación é aplicar o antes posible o protocolo de reanimación cardiopulmonar básica.

Neste mesmo bloque, rebátese tamén o uso de termos obsoletos como “case afogado ou o semiafogamento”, para referirse ás vítimas que sobreviven tras un incidente acuático, xa que o afogamento defínese “como un proceso polo que se experimenta unha dificultade para respirar causada pola submersión ou inmersión nun líquido”, que pode resultar ou non mortal. Tamén no referido á terminoloxía, refútase o uso de termos como “afogado seco ou branco e afogado húmido ou azul”, que se empregaban para diferenciar as vítimas nas que se atopou ou non líquido nos pulmóns, xa que “a definición de afogamento inclúe á aspiración de líquido”.

“Remedios caseiros” fronte ás picaduras 

No referido á seguridade dos bañistas, o estudo fai referencia a mitos como o do corte de dixestión, xa que “non hai contraindicacións para bañarse” tras consumir alimentos. Os autores deste estudo sinalan que esta idea pode confundirse coa “hidrocución ou shock termodiferencial”, que pode acontecer cando unha persoa se mergulla “bruscamente” e existe “unha notable diferencia entre a temperatura corporal e a da auga”. Do mesmo xeito, tamén rexeitan que manguitos ou flotadores preveñan o afogamento, xa que “non garanten que a cabeza e as vías respiratorias queden fóra da auga en todo momento” e poden xerar “unha falsa sensación de seguridade” nos nenos e nenas e nos seus coidadores. Así mesmo, outra falsa crenza é a de que “para aguantar máis” durante un mergullo en apnea, debe “inspirase profundamente varias veces”, algo que, como explican, está “contraindicado, porque pode ter uns efectos fisiolóxicos que alteran os centros receptores respiratorios e provocar a perda da consciencia baixo a auga”. 

Tamén no eido da seguridade, os expertos desbotan a utilidade da urina de doutos “remedios caseiros” fronte a picaduras de medusas, xa que estes “non alivian as molestias e incluso poderían aumentar a descarga de veleno”. Fronte a isto, a recomendación é “limpar os restos da medusa e lavar a zona con auga do mar”, así como solicitar asistencia sanitaria “ante calquera dificultade respiratoria, mareo ou malestar”, sinalan. 

Por outra banda, o artigo pon o foco na idea “estendida a través das redes sociais” de que “a bandeira vermella non afecta a todos os bañistas”, permitindo, por exemplo, a práctica do surf, cando “as competencias sobe a regulación do baño, as sancións e as excepcións dependerán da regulación de cada municipio”, de tal xeito que, salvo “indicación explícita”, é de obrigado cumprimento para todas as persoas. Por último, a décima das falsas crenzas recollidas neste estudo é da que é o principal traballo dos socorristas “é rescatar persoas da auga”, xa que investigacións previas teñen constatado que a súa principal labor é a prevención e que as asistencias na auga só representan o 0,1% das súas accións.

Xunto a Rodríguez e Barcala, asinan este traballo Santiago Martínez-Isasi e Ignacio Muñoz, da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Sánchez, médica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061; Ismael Sanch, da Universidad Autónoma de Madrid; Verónica Izquierdo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; e Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona e doutoranda da USC.

FONTE: gciencia.com

LETRAS GALEGAS 2024

O pleno da Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facernos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.

Fonte: RAG     Imaxe: elcorreogallego.es

O ASPARTAMO: CANCERÍXENO SEGUNDO A OMS?

O aspartamo atópase en todas as bebidas “lights”, doces e outros produtos alimentarios con edulcorantes artificiais. A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa apuntara que este tipo de substancias non son beneficiosas para a saúde, de feito, teñen un impacto negativo se se consumen con asiduidade. Aínda que son presentados como alimentos baixos en calorías, non fomentan a perda de peso. Agora, a OMS podería declarar o aspartamo como canceríxeno a mediados de xullo. A Axencia Internacional de Investigacións sobre o Cancro (IARC) estudará o potencial canceríxeno esta substancia, e segundo a axencia Reuters, nos próximos días esta alerta farase efectiva.

Ademais do informe do IARC, o Comité de Expertos en Aditivos Alimentarios xestionado pola OMS e pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), presentarán tamén un estudo onde se revisarán as recomendacións de consumo diario en función das conclusións do IARC. En maio, a OMS emitiu un comunicado onde suxería non empregar edulcorantes non nutritivos e sen calorías para o control de peso.

Desaconsellou a súa inxesta e sinalou que de maneira xeral, a poboación debe reducir o doce da súa dieta dende idades temperás para ter mellor saúde. A maiores do aspartamo, o organismo incluíu a sacaraina, o acesulfamo k, o advantame, o ciclamatos, o neotame, a sucralosa, a stevia e os seus derivados.

Dende 1981, o comité de expertos afirma que o consumo de aspartamo é seguro dentro duns límites diarios aceptables. Na UE, o aspartamo autorizouse por primeira vez durante os anos oitenta e se popularizou en 1994, despois de ser avaliado polo Comité científico da Alimentación, o antigo comité científico europeo. Un adulto de 60 quilogramos de peso tería que beber entre 12 e 36 latas de refresco para que a súa inxesta fose perigosa para a saúde. O aspartamo debe aparecer na lista de ingredientes dos produtos, indicando o seu nome ou E 951.

Segundo Reuters, o comité da OMS comenzou as súas reunións no mes de xuño e está previsto que as súas conclusións se comuniquen o 14 de xullo. O vocal da Xunta Directiva da Sociedade Española de Nutrición e o profesor na Universidade Complutense de Madrid, Rafael Urrialde de Andrés, explica que haberá que esperar á valoración do organismo internacional; se prohíben o aspartamo ou se manteñen a autorización e baixo que condicións, “se se segue coa mesma inxesta diaria admisible ou se disminúe e ata que punto”.

Atentos ao 14 de xullo!

Coidate!

FONTE: gciencia.com/saude    Imaxes: es.wikipedia.org e gciencia.com/saude

REMATA O CURSO PERO O SEGUINTE ESTÁ PRETO!

Chegaron as vacacións! Os de Primaria coas notas baixo o brazo e os de Secundaria... en capela!

Pero quedan uns meses de folgar e disfrutar!

Pero o próximo curso 2023-2024 está preto. E cando comeza? E cando son as vacacións? Esto último é moi importante!

O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2023 ata o 31 de agosto de 2024.

As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional realizaranse desde o día 11 de setembro de 2023 ata o 21 de xuño de 2024, ambos incluídos. Para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (en diante, ABAU).

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2023/24 serán os seguintes:

– Nadal: desde o día 22 de decembro de 2023 ata o día 7 de xaneiro de 2024, ambos

incluídos.

– Entroido: os días 12, 13 e 14 de febreiro de 2024.

– Semana Santa: desde o día 25 de marzo ata o día 1 de abril de 2024, ambos incluídos.

Días non lectivos:

- Día do Ensino: 7 de decembro de  2023

- Dúas festas locais: 23 de setembro 2023 e outra a determinar polo Consello Escolar.

Para máis información preme AQUÍ.

FONTE: DOG/edu.xunta.gal

HORARIO DE VERÁN: CAMBIO DE HORA 2023

Nesta madrugada farase o cambio de hora / iStock

Chegou a primavera o pasado luns e como consecuencia chega tamén o cambio de hora, co que teremos o novo horario de verán.

Prodúcese na madrugada de hoxe, que vai do sábado 25 ao domingo 26, momento no haberá que adiantar as agullas do reloxo unha hora, polo que ás 02:00 horas pasarán a ser as 03:00 horas (horario oficial peninsular).

O próximo cambio de hora será o último domingo de outubro, para entrar no horario de inverno.

O dous cambios horarios que se producen cada ano teñen como obxectivo, teórico, de axustar a xornada laboral coas horas de luz diarias, de tal modo que se aproveite máis a luz natural e prodúzase un aforro enerxético.

CHEGA A PRIMAVERA 2023

Flor do toxo / galiciaunica.es

A primavera en España comeza hoxe, día 20 de marzo de 2023, ás 16:33 horas hora oficial peninsular.

En total, a primavera terá unha duración de 92 días e 18 horas finalizando así o 21 de xuño. Data na que a primavera dá paso ao verán, a estación máis calorosa.

Este primeiro día da primavera tamén é protagonista doutro fenómeno como é o equinoccio de primavera. Este é un dos dous momentos únicos do ano no que tanto o día como a noite teñen practicamente a mesma duración, unhas doce horas.

Deste xeito, o comezo da primavera no hemisferio norte iníciase no momento no que a Terra,  no seu movemento de translación, pasa polo punto da súa órbita no que o centro do Sol cruza o ecuador.

Boa primavera a tod@s!

CHEGA O INVERNO 2022

Hoxe, mércores, 21 de decembro, ás 22:48 horas, comeza o inverno. Durará 88 días, 23 horas e 37 minutos, momento no que chegará a primavera, ala polo 20 de matzo de 2023.

Tamén hoxe, día do cambio de estación, producirase o solsticio de inverno, é dicir, a Terra alcanzará un punto no que a súa inclinación formará o maior ángulo con respecto ao plano da súa órbita, o que fará que un hemisferio reciba máis luz do día que o outro.

Dise que o día do solsticio de inverno é o máis curto do ano (con menos horas de luz), aínda que o certo é que isto depende da latitude do lugar no que nos atopemos. Para a latitude de Madrid, o día do solsticio de inverno terá unha duración dunhas 9 horas e 17 minutos de Sol, a comparar coas 15 horas e 3 minutos de Sol que tivo o día máis longo (solsticio de verán). Se nos achegamos ao ecuador, esa diferenza diminúe, mentres que aumenta canto máis ao norte.

Espermos que non sexa moi frío, pero é o que toca!

HORARIO DE INVERNO: CAMBIO DE HORA 2022

O outono avanza e achegámonos a un novo cambio de hora que aínda que se coñece como horario invernal adáptase antes de chegar á última estación do ano. Este 2022 ten lugar hoxe, na madrugada do 30 de outubro, último domingo do mes, cando os reloxos atrásanse (moitos automaticamente) e a noite terá unha hora máis para durmir, de forma que ás 3 da madrugada atrásanse os reloxos unha hora para que volvan marcar as 2.

Así dará comezo o horario de inverno, que se prolongará ata a última fin de semana de marzo para adecuar as horas de luz á vida cotiá. Este cambio non supón un aumento nas horas de luz de España, que conta con ao redor de 10 horas no inverno e 14 no verán, pero si modifica a hora oficial na que se contabiliza o amencer e o anoitecer, dando unha sensación de que os días son máis curtos.

Este ano, se cabe, espérase que contribúa máis a un aforro de enerxía ante as continuas subidas do prezo da luz ao quedar optimizadas as horas de luz e permitir que os aparellos eléctricos e electrodomésticos poidan usarse. En todo os expertos matizan que é diferente en cada latitude, de forma que amence e anochede a horas moi distintas no leste da península que no oeste, cunha diferenza de ata unha hora en cada extremo.

É o que hai!

FONTE: diariovasco.com       Imaxe: diariodecadiz.es