Blogia
vgomez

NOMES PROPIOS

NOBEL DE MEDICINA E FISIOLOXÍA 2015

NOBEL DE MEDICINA E FISIOLOXÍA 2015

De esquerda á dereita: William C. Campbell, Satoshi Omura e Tu Youyou / Imaxe: elmundo.com.bo

Unha homenaxe para quen traballa pola saúde dos mais desfavorecidos. O Nobel de Medicina e Fisioloxía deste ano 2015 premiou avances cruciais contra enfermidades provocadas por parasitos que durante milenios arrasaron á humanidade e hoxe seguen constituíndo un dos problemas sanitarios máis graves do mundo actual, sobre todo nos países máis pobres.

O Instituto Karolinska anunciou en Estocolmo (Suecia) o galardón, que comparten William C. Campbell e Satoshi Omura por descubrir unha nova terapia contra infeccións de lombrigas redondas (nemátodos) e Youyou Tu por desenvolver un tratamento novo contra a malaria.

Tras décadas de avances limitados no desenvolvemento de terapias sustentables contra enfermidades parasitarias, "os descubrimentos dos Nobel deste ano revolucionaron a situación", indicaba o instituto na xustificación do galardón.

O irlandés Campbell e o xaponés Omura descubriron un novo fármaco, a avermectina, que logrou reducir de forma radical a incidencia da oncocercosis ou cegueira dos ríos e a filariasis linfática ou elefantiasis, ademais de mostrar unha eficacia parcial contra outras enfermidades parasitarias. Pola súa banda, a científica chinesa Yoyou Tu, mostrou as bondades da artemisina, un medicamento que diminuíu significativamente a mortalidade por malaria.

William Cecil Campbell (Ramelton-Irlanda, 1930). Bioquímico, biólogo e parasitólogo. Investigador emérito na Universidade Drew (EEUU).

Satoshi Ōmura (Nirasaki-Xapón, 1935) .Bioquímico. Profesor Emérito da Universidade de Kitasato (Xapón), Max Tishler profesor de Química na Universidade de Wesleyan (EE.UU.) e Presidente de Joshibi Universidade de Arte e Deseño (Xapón).

Tu Youyou (Ningbó-República da China, 1930). Científica, médica e química-farmacéutica. Centro de Ciencias Médicas da Universidade de Pekín.

PREMIO NOBEL DE QUÍMICA 2015

PREMIO NOBEL DE QUÍMICA 2015

Aziz Sancar, Paul Modrich E Tomas Lindahl, gañadores do Premio Nobel de Química 2015 / Imaxe: correofarmaceutico.com

O sueco Tomas Lindahl, o estadounidense Paul Modrich e o turco Aziz Sancar foron galardoados co Premio Nobel de Química 2015 por descubrir a "caixa de ferramentas" que usa a célula para reparar o ADN. “O seu traballo achegou un coñecemento fundamental das funcións vitais das células e úsase, por exemplo, no desenvolvemento de novos tratamentos contra o cancro”, resaltou un portavoz da Real Academia de Ciencias de Suecia.

Tomas Lindahl (Estocolmo-Suecia, 1938), médico e biólogo especializado na investigación do cancro, no Cancer Research Uk (Reino Unido).

Paul Lawrence Modrich (Novo México-EEUU, 1946), profesor de Bioquímica na Universidad de Duke e investigador no Instituto Médico Howard Hughes.

Aziz Sancar (Mardin-Turquia, 1946), médico e biólogo molecular especializado na reparación do ADN. Traballa na Universidade de Carolina do Norte (EEUU).

Os tres investigadores desenvolveron un mapa a nivel molecular dos diferentes métodos que existen en cada unha das nosas células para detectar e eliminar erros no seu código xenético, o que, entre moitas outras funcións, sálvanos cada día de sufrir mutacións que poderían desencadear enfermidades.


PREMIO NOBEL DE FÍSICA 2015

PREMIO NOBEL DE FÍSICA 2015

Á esquerda, Arthur McDonald. Á dereita, Takaaki Kajita / Imaxe: theguardian.com 

O xaponés Takaaki Kajita e o canadense Arthur McDonald foron galardoados co Premio Nobel de Física 2015 polo descubrimento da oscilación dos neutrinos, o que demostra que estas partículas teñen masa.

O descubrimento de ambos os físicos “cambiou a nosa comprensión do funcionamento máis profundo da materia e pode ser crucial para a nosa visión do universo”, dixo o xurado da Academia de Ciencias Sueca, que cada ano outorga este galardón.

Takaaki Kajita (Xapón,1959) achegou unha primeira proba de que os neutrinos teñen en masa en 1998 con observacións realizadas no detector Superkamiokande de Xapón. Actualmente é director do Instituto de Investigación de Raios Cósmicos e profesor da Universidade de Tokio.

Arthur McDonald (Canadá, 1943) achegou unha segunda proba tres anos máis tarde con observacións realizadas no Observatorio de Neutrinos de Sudbury en Canadá. Actualmente é profesor emérito da Universidade Queen’s en Kingston, tamén en Canadá.


PREMIO PRÍNCESA DE ASTURIAS DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA E TÉCNICA 2015

PREMIO PRÍNCESA DE ASTURIAS DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA E TÉCNICA 2015

Emmanuelle Charpentier e Jennifer Doudna / Imaxe:tendencias21.net

Emmanuelle Charpentier, francesa, e Jennifer Doudna, estadounidense, recibiron o premio Princesa de Asturias de Investigación 2015 polas súas contribucións para poder editar os xenomas e manipular os ácidos nucleicos.

En 2012, publicaron xunto a outros investigadores un artigo no que describían unha técnica para editar xenes que podía servir para tratar enfermidades como a sida e mesmo para modificar o xenoma de embrións para libralos de enfermidades conxénitas ou cambiar determinados trazos físicos.

A técnica, bautizada como CRISPR-Cas9, dá a posibilidade de engadir ou quitar material xenético cunha encima que funciona como unha especie de bisturí. Este ano, científicos chineses xa anunciaron que trataran de modificar o xenoma de embrións humanos, aínda que poden pasar décadas ata que a técnica se poida empregar con seguridade para deseñar humanos á carta.

Doudna é profesora na Universidade de Californa en Berkeley e dirixe o seu propio laboratorio no Howard Hughes Medical Institute (EUA). Charpentier lidera un equipo de investigadores na Universidade de Umea (Suecia) e no Centro Helmholtz para a Investigación de Infeccións (Alemaña).

FONTE: Xornal El País /Ciencia

IMAXE DA FUSIÓN DE DÚAS GALAXIAS

IMAXE DA FUSIÓN DE DÚAS GALAXIAS

 

O telescopio espacial Hubble da NASA captou esta espectacular imaxe da galaxia en espiral NGC 7714, que se encontra a 100 millóns de anos luz dende a Terra, na mesma dirección que a constelación de Piscis. Esta nova imaxe revela as intrigantes estruturas da galaxia e moitos outros obxectos máis distantes no Cosmos.

A distorsión dos brazos espirais de NGC 7714 produciuse pola forza gravitacional da súa compañeira NGC 7715, á que se aproximou hai máis de 100 millóns de anos, facendo que se corrompesen as estruturas de ambos os dous obxectos.

Como resultado desta aproximación, un anel e dúas longas colas de estrelas crearon unha ponte entre as dúas galaxias que traslada material de NGC 7715 (que non se ve en nesta fotografía) cara á súa compañeira, producindo explosións de formación estelar. Así, a maior parte desta violenta e espectacular actividade concéntrase no brillante centro de NGC 7714.

Os astrónomos caracterizan a NGC 7714 como unha galaxia de formación de estrelas de tipo Wolf-Rayet, extremadamente brillantes e quentes. As Wolf-Rayet nacen cunha masa decenas de veces maior que a do Sol, aínda que perden gran parte do seu tamaño pola incidencia de poderosos ventos.

FONTE: Xorna El Mundo/Ciencia

CHARLES TOWNES: INVENTOR DO LÁSER

CHARLES TOWNES: INVENTOR DO LÁSER

Charles Townes co máser en 1955 / Imaxe:achievement.org 

Charles Hard Townes, naceu o 28 de xullo de 1915 en Greenville-Carolina do Sur. (USA).

Físico estadounidense, licenciado en física e idiomas modernos pola Universidade de Furman en 1935, doutorándose no ano 1939 no Instituto Tecnolóxico de California.

En 1964 foi galardoado, xunto cos físicos soviéticos Nikolai Basov e Aleksandr Prokhorov, co Premio Nobel de Física polos seus traballos no campo da electrónica cuántica, baseado nos principios do máser-láser. Hard Townes compartiu o seu premio co seu colaborador Cornell Mayer, o cal non foi distinguido co Premio Nobel.

En 1967 entrou a traballar na Universidade de California onde realizou investigacións pioneiras en radioastronomia e os infravermellos, cousa que o conduciu ao descubrimento das moléculas de amoníaco e a auga interestelar.

Morreu hai uns días, o 27 de xaneiro, en Berkeley-California (USA).

FONTE: Xornal El Mundo / Wikipedia

PREMIOS REI XAIME I 2014

PREMIOS REI XAIME I 2014

A raiña Sofía fixo entrega dos premios / Imaxe:elperiodicomediterraneo.com

 

Os premios Rei Xaime I foron creados en 1989 para favorecer o achegamento en estudos e investigación, entre as distintas entidades científicas e as empresariais para a promoción da investigación e o desenvolvemento científico en España. Os premios son outorgados pola Fundación Premios Rei Xaime I, constituída pola Xeneralitat Valenciana e a Fundación Valenciana de Estudos Avanzados.

O xurado dos XXVI premios Rei Xaime I (formado por 19 premios nobel) recoñeceu nesta edición de 2014 a Angel Rubio, en Investigación Básica; Lina Badimon, en Investigación Médica; Enrique Sentana en Economía; Pedro Diego Jordano, en Protección do Medio; Javier García Martínez, en Novas Tecnoloxías e a José Vicente Tomás, da empresa Kerajet de Vila-real (Castelló), na categoría de Emprendedores.

Angel Rubio, premio de Investigación Básica, ten 48 anos e é doutor en Ciencias Físicas. O xurado distinguiuno por consideralo un "teórico mundialmente recoñecido en nanociencias e física da materia". Realizou contribucións decisivas á teoría e métodos da estrutura electrónica.

Lina Badimon (Barcelona, 1953) alzouse co premio de Investigación Médica. Dirixe o Centro de Investigación Cardiovascular do Hospital de Sant Pau de Barcelona e os seus estudos permitiron explicar moitos dos procesos polos que se forma o coágulo no interior das veas e o proceso inflamatorio ao que o devandito coágulo dá lugar. O xurado recoñeceuna polo seu traballo pioneiro en arteriosclerose, trombose e lesións isquémicas.

Pedro Diego Jordano (Córdoba, 1957) distinguido co premio de Protección do Medio, é doutor en Bioloxía e investigador do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana. Os seus traballos céntranse no coñecemento da biodiversidade a través das relacións ecolóxicas entre os insectos e as plantas. Esta información é fundamental, segundo os xurados, para o coñecemento da dependencia entre plantas e animais.

Javier García Martínez, de 41 anos, é o novo premio de Novas Tecnoloxías. Doutor en Química, traballa na Universidade deAlicante, e foi elixido polos xurados pola fabricación de nanomateriais para aplicacións enerxéticas. A súa tecnoloxía xerou máis de 20 patentes en áreas tan diversas como a fabricación de catalizadores, uso da biomasa, tratamento de auga e separación de gases.

Parabéns a todos!

FONTE: Xornal El País/Ciencia

A INVESTIGACIÓN É O MOTOR DO DESENVOLVEMENTO E DA RIQUEZA DOS POBOS

A INVESTIGACIÓN É O MOTOR DO DESENVOLVEMENTO E DA RIQUEZA DOS POBOS

Angel Carracedo / Imaxe:cpi.devedra.climantica.org 

O científico galego Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba-A Coruña, 1955), catedrático de Mediciña Legal na USC e experto internacional en xenética, fixo o seguinte manifesto con motivo da celebración do Mes da Ciencia (novembro):

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.

A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.

Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.

Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.

E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.

E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.

Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.

Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.

E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.

Unha idea que moitos compartimos!

FONTE:Consellería de Educación e O. Universitaria/EDLG