Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

HOMO NALEDI

 

Onte  publicáronse os datos máis completos dunha escavación, realizada na cova Rising Star, a uns 50 quilómetros de Johannesburgo (Sudáfrica). Os resultados destapan a existencia dunha sima con máis de 1.500 fósiles humanos entre os que hai polo menos 15 individuos. Os autores aseguran que son unha nova especie dentro do noso xénero, que bautizaron como Homo naledi. Naledi quere dicir estrela en sesotho, unha lingua local.

Os descubridores cren que aqueles homínidos foron depositados alí polos seus congéneres, o que supoñería un inesperado comportamento funerario nunca observado en humanos tan primitvos. Todos os restos coñécense grazas ao traballo dun equipo integramente feminino que foi capaz de coarse na estreita cámara durante dúas expedicións. O conxunto é o xacemento de fósiles humanos concentrados nun só lugar máis grande de todo África e un dos maiores do mundo, segundo os seus descubridores.

Probablemente o máis apaixonante do achado son as preguntas que deixa sen responder. Os descubridores din non conseguir datar os fósiles nin saben como chegaron ata alí todos eses cadáveres. Para chegar ata a cámara na que se acharon hai que percorrer uns 80 metros de cova, subir unha parede e escurrirse por unha greta que os investigadores comparan coa boca dunha caixa de correos, chanceando só a medias. Esta ruta, totalmente en tebras, é a única que existe hoxe e, segundo os estudos xeolóxicos, a única que existía cando se depositaron os cadáveres. Polo tamaño dos ósos, estes inclúen infantes, nenos, adolescentes, adultos e anciáns. Ningún ten marcas de traumatismo por unha posible caída á fosa, nin tampouco signos de ser devorados por un animal ou pola súa propia especie, como si sucede no único xacemento comparable: a Sima dos Ósos en Atapuerca (Burgos). Apenas hai rastros de ningún outro animal excepto uns poucos paxaros e ratos. Na cova non hai marcas de crecidas de auga intensas que poderían arrastrar ata alí os restos. Ademais aparecen partes dos corpos en perfecta articulación. Con todos estes datos na man, a única hipótese que queda en pé é a de que alguén os deixou aí en varios momentos no tempo, din os autores do estudo. Un ritual funerario que ata agora só se atribuía a humanos máis modernos e con máis cerebro.

Os ósos estaban só parcialmente fosilizados e algúns estaban a primeira ollada sobre o chan da cova. A análise dos restos e o seu contexto xeolóxico, publicados na revista científica eLIFE, describe unha especie que chamase a atención se a vísemos paseando pola rúa, pero que xa non eran simples chimpancés ergueitos. Os australopitecos son o xénero do que a maioría de expertos pensan que xurdiu o xénero Homo, aínda que ata fai moi pouco había un baleiro total de fósiles que permitise confirmalo. Pola súa morfoloxía, os naledi parecen estar xusto no límite entre ambos os grupos. Medían un metro e medio e pesaban uns 45 quilos. Aínda non comezaran a desenvolver un cerebro grande (500 centímetros cúbicos comparados cos polo menos 1.200 centímetros cúbicos dun Homo sapiens), pero xa tiña un corpo estilizado e trazos humanos, como a capacidade para andar ergueitos ou uns dentes relativamente pequenos. As súas mans tiñan xa o pulgar oponible que permite fabricar ferramentas de pedra e os seus pés eran moi parecidos aos dos humanos modernos, só que un pouco máis planos.

Pola súa morfoloxía, os responsables do achado sitúan ao Homo naledi xusto na orixe do xénero Homo, no punto intermedio entre os australopitecos e as especies plenamente humanas como Homo erectus. Isto supoñería que viviron fai polo menos dous millóns de anos e outorgaríalles un papel crave cara á aparición da nosa especie.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

A IMAXE MÁIS NÍTIDA DO BOSÓN DE HIGGS

A IMAXE MÁIS NÍTIDA DO BOSÓN DE HIGGS

Os experimentos ATLAS e CMS puideron determinar coa maior precisión ata o momento as frecuencias das desintegracións máis comúns / ATLAS/CERN

O CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) anunciou na Conferencia LHCP 2015, celebrada hai uns días en San Petersburgo (Rusia), os resultados das medicións combinadas dos detectores ATLAS e CMS do Gran Colisionador de Hadrones (LHC).

O organismo de investigación indicou nun comunicado que os datos recollidos durante 2011 e 2012 polos equipos dos detectores ATLAS e CMS do LHC debuxaron a imaxe máis nítida da partícula descuberta hai tres anos.

En concreto, os novos resultados "ofrecen unha maior precisión sobre a produción e desintegración do bosón. Tamén botan luz sobre a forma na que interactuar con outras partículas", indica a institución.

"Todas as propiedades medidas concordan coas predicións do modelo estándar e converteranse na referencia para novas análises nos próximos meses, o que permitirá a investigación de novos fenómenos da física," engade o CERN.

Os novos achados supoñen un novo avance tras as mellores medidas do bosón, publicadas o pasado mes de maio, froito tamén da colaboración entre ATLAS e CMS.

De acordo co modelo estándar, no momento en que se produce o bosón, nun 58% dos casos debe desintegrarse de forma inmediata nun quark b e a súa antipartícula. Os experimentos ATLAS e CMS puideron determinar cunha precisión inédita as frecuencias das desintegracións máis comúns.

O CERN engade que as medidas de precisión das taxas de desintegración son de vital importancia, xa que están directamente vinculadas á forza da interacción do bosón de Higgs con outras partículas elementais, así como coas súas masas.

"O estudo da súa desintegración é esencial para determinar a natureza do bosón. Calquera desviación nas velocidades medidas en comparación coas preditas polo modelo estándar podería dubidar do mecanismo Brout-Englert-Higgs e, posiblemente, abrir a porta" a unha nova física" "máis alá do modelo estándar", destaca o CERN.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

DESCOBREN UN "ESCORPIÓN MARIÑO" XIGANTE

DESCOBREN UN "ESCORPIÓN MARIÑO" XIGANTE

Ilustración do Pentecopterus decorahensis / Patrick Lynch (Universidade de Yale)

Hai 460 millóns de anos, nas profundidades mariñas vivía unha especie de euriptérido ou gigantostráceo, tamén coñecido como “escorpión mariño”. Pero este artrópodo non pertencía á familia dos escorpións porque carecía de glándula velenosa. En realidade estaba máis emparentado coas arañas modernas. O sorprendente de Pentecopterus decorahensis é que medía máis de metro e medio.

Segundo o estudo, que se publica na revista BMC Evolutionary Biology, os restos fósiles de Pentecopterus decorahensis, denominado así pola súa semellanza en canto a movementos co pentecóntero, un barco de guerra grego, encontráronse no estado de Iowa (EUA).

FONTE: agenciasinc.es

O PLANETA ANANO CERES, POLO MIÚDO

O PLANETA ANANO CERES, POLO MIÚDO

A montaña cónica, de 6 km de altura / NASA/JPL-Caltech/UCLA/MPS/DLR/IDA

As vistas máis próximas ata agora do planeta anano Ceres, remitidas pola nave espacial Dawn da NASA, mostran as características do pequeno mundo nun detalle sen precedentes.

Destacan unha alta montaña cónica, e restos de formación de cráteres. A montaña ten 6.000 metros de altura, sitúase no hemisferio sur, e destaca polas súas abas brillantes.

Na súa altitude orbital actual de 1.470 quilómetros, Dawn ten 11 días para capturar e devolver as imaxes de toda a superficie de Ceres. Cada ciclo de 11 días componse de 14 órbitas. Durante os próximos dous meses, a nave sobrevoará a totalidade de Ceres seis veces.

A nave espacial utiliza a súa cámara de encadre para mapear a superficie, o que permite o modelado 3-D. Cada imaxe desta órbita ten unha resolución de 140 metros por pixel, e cobre menos do un por cento da superficie de Ceres.

Ao mesmo tempo, o espectrómetro para mapas visible e infravermello de Dawn está a recoller os datos que darán aos científicos unha mellor comprensión dos minerais que se encontran na superficie de Ceres, informa a NASA.

Os enxeñeiros e os científicos tamén perfeccionan as súas medicións de campo de gravidade de Ceres, que axudarán planificar os próximos movementos da sonda Dawn. A finais de outubro, a nave comezará a moverse en espiral cara a esta órbita final, a unha altitude de 375 quilómetros.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

O OSÍXENO, CULPABLE DA SEGUNDA EXTINCIÓN MASIVA

O OSÍXENO, CULPABLE DA SEGUNDA EXTINCIÓN MASIVA

Un quitinozoo fósil malformado do xénero Ancyrochitina (esquerda) xunto a un conxénere normal. Ambos os dous extraídos en Libia e datados en 415 millóns de anos atrás.

A vida é extraordinariamente pertinaz. Xurdiu pronto na historia do planeta (hai máis de 3.500 millóns de anos, un cuarto da idade do universo) e aquí seguimos malia os inmensos escollos que supón ese lapso de tempo. Pero a gran cadea do ser que conduce ata nós perigou gravemente cinco veces dende que xurdimos os animais hai 600 millóns de anos: nas Big Five, as cinco extincións masivas da historia do planeta. É crucial comprender as súas causas. A segunda das cinco grandes, a brutal extinción ordovícico/silúrico, debeuse ao derrubamento do nivel de osíxeno nos océanos, segundo revela unha investigación internacional. Bo é sabelo.

Segundo esta investigación esa causa esencial da extinción masiva do ordovícico/silúrico (O/S, para abreviar) merece unha mención á parte. Foron os monstros en que se converteran os individuos que formaban o plancto na época os que os conduciron ao seu descubrimento.

O plancto fósil datado daquela época mostra as malformacións típicas do plancto actual alí onde o mar se contaminou de metais tóxicos, algo que por desgracia non é tan infrecuente nos nosos días. Iso quere dicir que a segunda extinción masiva da historia planetaria, a que marca o fin do ordovícico e o principio do silúrico, hai 420 millóns de anos, foi causada probablemente pola escaseza de osíxeno e o conseguinte exceso de metais tóxicos nos océanos. Ata agora atribuíase a unha glaciación. Cuxa existencia ninguén dubida, por outra parte.

Pero, se a extinción masiva O/S debeuse ao derrubamento do osíxeno nos océanos (anoxia), a que se debeu o derrubamento de osíxeno nos océanos? "Hai moitas ideas sobre os procesos terrestres que puideron disparar unha anoxia global", responde un dos autores da investigación. "Moitas delas implican un incremento da produción primaria". Iso é o uso directo da enerxía solar para sintetizar corpos de plantas, ou a transformación da luz en materia biolóxica. Execútano as algas e as plantas, e os demais beneficiámonos comendo ás algas, as plantas e a calquera animal que comese antes as algas e as plantas. Todos os animais somos parasitos planetarios, polo menos nese sentido.

"Empezamos a considerar que a anoxia e o conseguinte incremento de metais tóxicos poderían ter resultado nunha retroalimentación (retroacción) positiva que puido contribuír a propagar a anoxia polos océanos; non obstante, entender de todo estes sucesos vai requirir unha colaboración interdisciplinaria continuada, que está en marcha".

A extinción masiva máis famosa é sen dúbida a que extinguiu os dinosauros hai 68 millóns de anos. O seu nome técnico é extinción K/T (o tránsito do cretácico, que se escribe con K en alemán, e o terciario), e non só eliminou aos dinosauros (agás aos que evolucionaron para xerar as aves actuais), senón á maior parte das especies que existían no cretácico. A causa máis popular desta catástrofe foi o impacto dun cometa xigantesco na península do Yucatán, pero tamén estalou en aqueños anos unha orxía horrorosa de actividade volcánica. Por que hai causas múltiples para as extincións, coma se cunha non fose suficiente?

"Estudar os sistemas terrestres implica tratar de entender o xogo de interaccións completas entre todos os elementos do sistema, incluídos os océanos, os sedimentos, a atmosfera e a biosfera; os mecanismos que propoñemos para o paleozoico medio son moi diferentes dos que implican o impacto dun meteorito, como a extinción K/T".

Sairá o sol mañá? Se un tivese que apostar, faría mellor en poñer os seus cartos no lado do si. Pero hai veces, algo así como unha vez cada 100 millóns de anos, en que as cousas xeolóxicas tórcense e as apostas máis sensatas empezan a fallar. Os científicos non saben aínda a que se deben. Pero máis vale que o descubran antes da próxima, non cren?

FONTE: Javier Sampedro/Materia/Xornal El País

A NASA DESMINTE QUE UN ASTEROIDE VAIA DESTRUÍR AMÉRICA EN SETEMBRO

A NASA DESMINTE QUE UN ASTEROIDE VAIA DESTRUÍR AMÉRICA EN SETEMBRO

Recreación dun asteroide apoximándose á Terra / Imaxe:diariovasco.com

Os rumores fixéronse tan fortes que a NASA tivo que saír a desmentilos. Segundo numerosas publicacións web, un asteroide impactará a Terra, preto de Puerto Rico, nalgún momento entre o 15 e o 28 do próximo mes de setembro de 2015, levando a destrución ás costas dos Estados Unidos e o Golfo de México, así como a América Central e do Sur.

Non hai ningunha base científica, nin un chisco de evidencia, de que un asteroide ou calquera outro obxecto celeste vaia impactar contra a Terra nesas datas”, manifestou o xerente da oficina de Obxectos Próximos á Terra da NASA no Laboratorio de Propulsión a Chorro en Pasadena, California.

De feito, as observacións deste programa indican que non houbo asteroides ou cometas observados que puidesen afectar á Terra en ningún momento no futuro previsible. Todos os asteroides potencialmente perigosos teñen unha probabilidade de menos do 0,01% de impactar a Terra nos próximos 100 anos.

A oficina de obxectos próximos á Terra no JPL é un grupo clave involucrado coa colaboración internacional de astrónomos e científicos que vixían no ceo cos seus telescopios, en busca de asteroides que poderían facer dano ao noso planeta e predicir as súas traxectorias a través do espazo para o próximo futuro. Se houbese algunha observación sobre calquera cousa que se dirixise ao noso planeta, saberíase.

Se houbese calquera obxecto o suficientemente grande como para facer ese tipo de destrución en setembro, teriamos visto algo xa”, declarou.

Segundo manifestou tamén, non é a primeira vez que se fixo unha “salvaxe afirmación sen fundamento” de que un obxecto celeste está a punto de impactar a Terra, “e por desgraza, probablemente non será a última".

En 2011 houbo rumores sobre o chamado “día do xuízo final” do cometa Elenin, que nunca formulou ningún perigo de danar á Terra e se dividiu nunha corrente de refugallos pequenos no espazo. Logo estaban as afirmacións de Internet que rodean o final do calendario maia o 21 de decembro de 2012, insistindo en que o mundo remataría cun grande impacto dun asteroide.

Este mesmo ano, díxose que os asteroides 2004 BL86 e 2014 YB35 tiñan perigosas traxectorias próximas á Terra, pero os seus sobrevoos próximos ao noso planeta en xaneiro e marzo foron sen incidentes, como dixo a NASA que o farían.

FONTE: Xornal abc/ciencia

A ATMOSFERA DA LÚA TEN NEON

A ATMOSFERA DA LÚA TEN NEON

Lúa Chea / Imaxe: curiosidades.batanga.com

A presenza de neon na atmosfera do noso satélite, a Lúa, leva especulándose dende hai décadas. Agora, un equipo de científicos da NASA puido confirmar, grazas aos datos da sonda LADEE (Lunar Atmosphere and Dust Environment Explorer) a existencia deste gas tan utilizado na Terra. O achado foi publicado na revista Geophysical Research Letters.

A sonda espacial LADEE, grazas ao instrumento NMS (Neutral Mass Spectrometer) da nave, confirmou que a exosfera da Lúa está composta principalmente de neon, helio e argon e a súa abundancia relativa depende da hora do día no noso satélite con picos de neon ás 04.00 am e de argon ao amañecer, por exemplo.

E é que a atmosfera da Lúa é moi delgada (razón pola que sempre estudamos que non tiña atmosfera) e os seus átomos rara vez colisionan e o efecto das naves espaciais que transitan pola controrna podería cambiar doadamente a súa composición.

A sonda espacial foi enviada intencionalmente contra a superficie lunar, impactando a lúa en abril de 2014 debido ao esgotamento do seu combustible. A día de hoxe, aínda se estudan todos os datos que a misión remitiu á Terra.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia

A PRIMEIRA FLOR QUE COLOREOU O PLANETA FLORECEU NO QUE HOXE É ESPAÑA

A PRIMEIRA FLOR QUE COLOREOU O PLANETA FLORECEU NO QUE HOXE É ESPAÑA

A "Montsechia vidalii" só se atopou en varias zonas de España e, en menor medida, en Italia / David Dilcher

Hai 130 millóns de anos, a Serra do Montsec, en Lleida, e a Serra de Cuenca eran terras baixas con abundantes lagos de auga doce. Neles desenvolvéronse as que, segundo un novo estudo, serían as primeiras plantas florais ou anxiospermas. Non tiñan as flores máis vistosas nin o aroma máis embriagador, pero con elas o planeta empezou a encherse de cores. O seu nome? Montsechia vidalii.

Os primeiros exemplares fosilizados da Montsechia foron encontrados hai máis de 200 anos no Montsec, de aí o seu nome. Pero, en todo este tempo, a ciencia dándolle voltas. Que se non era unha planta, que se era unha especie de lique, que se un mofo ou unha parente afastada dos piñeiros. Non obstante, tras un traballo moi laborioso e usando a última tecnoloxía en microscopios, un grupo de investigadores estadounidenses, franceses e españois determinou que a Montsechia é a primeira anxiosperma ou plantas con flores do rexistro fósil.

"A Montsechia é a anxiosperma máis antiga encontrada no rexistro fósil que coñecemos polas súas partes vexetativa (talos e follas) e reproductora (froitos e sementes)", di un dos investigadores. Usando uns 1.000 fósiles tanto do Montsec coma do depósito de Las Hoyas (Cuenca), os investigadores dataron os exemplares situándoos no Barremiense, idade do período Cretácico, hai entre 130 e 125 millóns de anos.

Millón de anos abaixo ou arriba, a idade da Montsechia xa fora establecida. Pero non estaba tan claro o seu carácter de anxiosperma. Hoxe, este tipo de plantas son as que dominan o manto vexetal terrestre, tanto que Charles Darwin definiu a súa explosiva propagación como un "misterio abominable". Para ser unha anxiosperma, unha planta ten que estar organizada en talos e follas e ser vascular (ten células vexetais). Ademais, debe producir semente (espermatofita). Pero o que as remata de definir é o imbricar sistema de reprodución que é a flor, formado por sépalos, pétalos, estame ou carpelos.

"A xente pensa nas flores como cousas de gran tamaño e variadas cores de pétalos, estames e carpelos", comenta un dos investigadores Pero, para un botánico, "a flor é un órgano reprodutor polo menos cun carpelo ou cun estame. Neste sentido, Montsechia cumpre o requisito de ter carpelo, engade. E esta folla feminina pechada sobre si mesma é a que esconde o óvulo. Describiuse que a evolución da flor pasou por unha etapa sen sépalos, sen pétalos e sen nectarios. Ese é o estado que observamos en Montsechia. Así que si, Montsechia é a planta con flores máis antiga coñecida ata agora.

Para descubrir as sementes desta planta, os investigadores tiveron que separar os fosilizados talos e follas da pedra usando minúsculas gotas de ácido clorhídrico. A cutícula, ou pel vexetal, obtívose aplicando unha mestura de ácido nítrico e clorato potásico. Tal e como explican na revista PNAS, as mostras foron, ao final, pasadas polo microscopio electrónico.

Ademais da súa datación no Barremiense, o que fai a esta planta coetánea de dinosauros como o iguanodon, os investigadores puideron confirmar o carácter subacuático da Montsechia. Tamén comprobaron que non tiña raíces, aínda que pasase a súa vida pegada ao fondo do lago. Tampouco encontraron pole, pero a Montsechia ben podería recorrer á hidrofilia, usando a auga como medio polinizador, como outras flores usan o aire ou insectos. Todo isto relaciónaa coas ceratofiláceas, unhas anxiospermas primitivas das que aínda quedan algunhas especies no planeta, como o milfollas de auga ou cola de raposo, moi usadas nos acuarios caseiros.

                Esta recreación amosa os talos da "Montsechia", á dereita e un detalle das súas follas e sementes, á esquerda / Oscar Sanisidro


Para un dos coautores do estudo, se a súa hipótese que vincula á Montsechia co milfollas de auga é certa, "debían de ter unhas flores moi pequenas". E engade: "non serían vistosas, tiñan órganos sexuais pero sen o atractivo das flores actuais". A obra da selección natural encargaríase no futuro de multiplicar as cores, as formas e os aromas, para promover a polinización que antes facilitaba a auga.

A ollos dun profano as flores da Montsechia poderían ser ata vulgares. Pero esas flores vulgares encontradas na serra conquense e os montes ilerdenses poderían obrigar a reescribir a historia das plantas neste planeta. Aínda que non hai rexistros fósiles dos seus antecesores, a recente secuenciación do xenoma da Amborella trichopoda, un arbusto terrestre endémico de Nova Caledonia, colocábaa como a sucesora da anxiosperma máis primitiva, algo así como a nai de todas as flores. En paralelo, as Nymphaeales (nenúfares) máis antigas datan de hai 115 millóns de anos. E a Montsechia é acuática e moi anterior aos nenúfares.

Como di outro dos coautores, isto implica "ou un desenvolvemento/adaptación máis temperán das anxiospermas ao ambiente acuático ou unha filogenia diferente das anxiospermas, onde a rama Ceratophyllum, incluíndo Montsechia, tería un papel máis primixenio".

FONTE: Miguel Aandel Criado/Xornal El País/Ciencia