Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

DESPOIS DE 9 ANOS A SONDA NEW HORIZONS CHEGA A PLUTON PARA FOTOGRAFALO

DESPOIS DE 9 ANOS A SONDA NEW HORIZONS CHEGA A PLUTON PARA FOTOGRAFALO

Fotografía do 9 de xullo, sacada dende unha distancia de 5,4 millóns de quilómetros e cunha resolución de 27 quilómetros por pixel. Nela permite distinguir por primeira vez as características xeolóxicas do planeta / NASA

Despois de percorrer 4.800 millóns de quilómetros en 9 anos, a sonda New Horizons da NASA achégase á fin da súa viaxe de nove anos rumbo a Plutón.

Lanzada dende Cabo Canaval en xaneiro de 2006, nunha misión de 700 millóns de dólares, New Horizons espertou dun período de letargo a principios do mes pasado. Os controladores de voo pasaron as últimas semanas preparando a nave para a etapa final e máis importante da súa viaxe.

O mellor da viaxe será hoxe, 14 de xullo, cando New Horizons pase a uns 12.300 quilómetros de Plutón a unha velocidade duns 49.500 quilómetros por hora. Pasará preto de Charon, o maior satélite de Plutón.

Os científicos non teñen unha idea concreta de como loce Plutón na Franxa Kuiper, máis alá da órbita de Neptuno, onde abundan os pequenos corpos xeados.

Plutón é o maior obxecto na Franxa Kuiper. Xunto coa súa megalúa Charon, aproximadamente a metade do tamaño de Plutón, podería caber dentro do territorio de Estados Unidos folgadamente. Ata agora acháronse cinco satélites de Plutón e podería haber máis.

Plutón era oficialmente un planeta no sistema solar cando New Horizons partiu rumbo ao espazo. Sete meses despois, a Unión Astronómica Internacional clasificouno como planeta enano.

FONTE: Xornal El Universo

ASÍ MORRE UNHA ESTRELA COMO O SOL

ASÍ MORRE UNHA ESTRELA COMO O SOL

A transformación dunha estrela en nebulosa planetaria / NASA/ESA

A enerxía das estrelas non é inesgotable. Tarde ou cedo, en forma tranquila ou explosiva, a vida de cada estrela chega á súa fin. Ninguén viviu o suficiente como para ver nacer e morrer a unha estrela, algo comprensible se se ten en conta que a maioría delas tarda millóns de anos en chegar ao final da súa vida.

Pero agora, un equipo de astrónomos puido observar, por primeira vez e en directo, a agonizante morte dunha estrela de masa similar ao Sol. A evolución destas estrelas de baixa masa é moito máis lenta que a das estrelas de alta masa (as que estoupan como supernovas). De aí que resulte moi complicado saber en que momento se produce esta transformación de estrela en nebulosa planetaria.

Este estudo, publicado na revista The Astrophysical Journal, amosa a transformación en tempo real da estrela IRAS 15103-5754 en nebulosa planetaria.

Este equipo internacional de investigación, observou esta estrela en varias ocasións co interferómetro-raio ATCA2, en Australia. Estas observacións presentan variacións na emisión en ondas de raio da estrela en só 2 anos.

 

Imaxe de IRAS 15103-5754 en infravermello, observada col telescopio VLT (Very Large Telescope) en Chile.

Esta estrela forma parte dun grupo de 16 obxectos coñecidos co nome de “water fountains” (fontes de auga). Mentres que as estrelas deste grupo aínda non son nebulosas planetarias, unha delas (IRAS 15103-5754) está cambiando de fase e xa empezou o seu camiño cara á morte estelar.

Cando finalmente se produce este fenómeno, toda a materia da estrela volve ao espazo interestelar e ela mesma converterase nunha anana branca. O mesmo final que lle espera ao noso Sol, aínda que pero para iso terán que pasar aínda 5.500 millóns de anos.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

O SEGREDO DA COLA DO CABALIÑO DE MAR

O SEGREDO DA COLA DO CABALIÑO DE MAR

Deseños de enxeñaria responden ás preguntas biolóxicas / Science

Vista de preto, a cola do cabaliño de mar sáese da norma. É distinta da maioría dos peixes, réptiles ou mamíferos. En vez de ser branda e cilíndrica, é cadrada e está dividida en segmentos en forma de prisma rodeados de placas óseas. O pasado venres, a revista Science dedícalle un artigo á cola cadrada do cabaliño de mar. Resulta que a estrutura do apéndice destes animais ten posibles aplicacións en robótica e enxeñaría, debido a que a súa forma única lle confire máis resistencia á presión e o dano.

Os científicos xeraron un modelo dixital da cola cadrada do cabaliño e outro dunha cilíndrica. A súa intención era a de someter os devanditos modelos a distintas probas de resistencia e mobilidade para entender o porqué da disposición deste órgano e as características mecánicas derivadas dela. O equipo deduciu destes dous modelos que a estrutura cuadrangular non só ofrece máis resistencia a estas forzas, segundo parece como mecanismo de protección de fráxil columna destes peixes, senón que ademais ofrece unha maior superficie de contacto e, polo tanto, resulta ser máis útil como extremidade. Ademais, descubriron que a maior resistencia á torsión e á deformación se debe a pequenas estruturas, como xuntas de desprazamento, que a xeito de raís conducen as forzas ás que se somete a cola.

O estudo fai fincapé nas posibles aplicacións desta estrutura en bioinxeñaría, entendida como a rama da enxeñaría que se ocupa da aplicación tecnolóxica dos sistemas biolóxicos e organismos vivos, para a creación ou modificación de produtos ou procesos para un uso específico. Nesta materia, poderíase aplicar ao desenvolvemento de extremidades e, en xeral, de estruturas máis lixeiras e á vez máis resistentes, concretamente podería supoñer unha excelente achega á hora de desenvolver robots baseados en silicona.

Este novo e apaixonante campo permite que os expertos en ciencias naturais acheguen ideas ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, así como que se expliquen enigmas naturais mediante métodos e modelos ata agora propios dos enxeñeiros. Neste sentido, dó hai que recordar outros avances tecnolóxicos importantes baseados en animais como o sonar baseado na orientación e a navegación do morcego ou os exoesqueletos que nos recordan funcionalmente ás estruturas externas dalgúns animais como os crustáceos.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

O ANTEPASADO DE TODOS OS INVERTEBRADOS

O ANTEPASADO DE TODOS OS INVERTEBRADOS

Hallucigenia sparsa / Imaxe: Revista Muy Interasnte/Ciencia

Medía entre 10 e 50 milímetros, tiña a forma dun pau de hóckey, era delgado como un alfinete, 14 espiñas sobresaían das súas costas e as súas delgadas patas remataban nun par de poutas. Así era esta criatura similar a un verme que viviu hai 508 millóns de anos e de cuxa familia proveñen a maioría dos invertebrados actuais, segundo conclúe o último estudo da Universidade de Cambridge (Reino Unido) e que recolle a revista Nature.

O achado de Hallucigenia sparsa (que viviu durante a explósión cámbrica), como así se chama este animal, foi posible grazas á reconstrución dun grupo de fósiles descubertos na aba dunha montaña do Parque Nacional de Yoho, nas Montañas Rochosas de Canadá nos anos 70. O seu aspecto tan característico provocou confusión na comunidade científica todos estes anos, xa que aínda quedaban dúbidas respecto a onde se situaba exactamente a cabeza ou se as espiñas eran tentáculos.

"Cando puxemos os fósiles no microscopio xa esperabamos encontrar un par de ollos, pero a nosa sorpresa veu cando tamén achamos uns dentes que nos sorrían. Esta dentadura supón unha morfoloxía complexa para unha especie tan antiga. Esperabamos achar unha anatomía máis primitiva", explicase no estudo.

Hallucigenia sparsa está clasificada dentro da familia dos panartrópodos, da que derivan especies como os vermes de veludo e os artrópodos, onde tamén se encontran os arácnidos ou os crustáceos. "Os nosos achados permiten saber que estas especies algunha vez tiveron partes bucais complexas que se foron simplificando: estes grupos perderon os seus dentes a medida que foi avanzando a evolución", aclárase no estudo.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia

UN MONSTRUOSO BURATO NEGRO ESPERTA TRAS 26 ANOS INACTIVO

UN MONSTRUOSO BURATO NEGRO ESPERTA  TRAS 26 ANOS INACTIVO

Recreación do sistema binario V404 Cygni. A estrela compañeira (en vermello), o disco de material (morado) en torno ao burato negro e o chorro vertical que mostra o material expulsado / ESA

A 8.000 anos luz da Terra, na cosntelación do Cisne, un burato negro está devorando á súa estrela máis próxima con gran violencia. O proceso, que foi detectado a mediados de xuño, está a ser seguido por primeira vez con precisión por astrónomos de todo o mundo a través de telescopios espaciais e observatorios terrestres. O Gran Telescopio de Canarias (GTC) está a liderar as observacións deste sistema binario (formado por un burato negro e unha estrela) denominado V404 Cygni.

Este voraz burato negro, descuberto polos astrónomos en 1989, espertou tras 26 anos de inactividade. E é que dende aquel ano, cando foi observado polo satélite xaponés de raios X Ginga e os seus instrumentos a bordo da Estación Espacial Internacional (ISS), este sistema non se mostraba tan brillante e activo como na actualidade.

A alerta deuna o pasado 15 de xuño o satélite Swift da NASA, que foi o primeiro en detectar un repentino estalido de raios gamma na zona do ceo na que se encontra este burato negro. Pouco despois, dende o módulo xaponés da ISS observáronse labaradas de raios X na mesma parte do ceo. Telescopios de todo o mundo apuntan agora a esa rexión do ceo para observar como o burato negro vai engulindo vorazmente materia procedente da estrela.

Apenas se confirmou o fenómeno, o Gran Telescopio CANARIAS activou o que denominan un Target of Opportunity, unhas observacións que se reservan para eventos astronómicos extraordinarios. Dende a noite do 17 de xuño están a ser testemuñas de como se comporta este sistema binario composto polo burato negro e a estrela.

Os científicos cren que a erupción durará varios meses, como aconteceu na anterior ocasión. Tamén pensan que este burato negro entra en actividade periodicamente, cada cuarto de século aproximadamente. Así suxíreno as placas históricas de finais dos anos 30 e finais dos anos 50 nas que antigamente se plasmaban as observacións astronómicas dos telescopios e que reflicten un abrillantamento na rexión do ceo na que está este sistema.

FONTE: Xornal El Nundo/Ciencia

PAPPOCHELYS, O ANTEPASADO DAS TARTARUGAS

PAPPOCHELYS, O ANTEPASADO DAS TARTARUGAS

Reconstrucción del cuerpo de Pappochelys / Rainer Schoch

Durante moito tempo, a orixe e a evolución temperá das tartarugas foi un dos temas da zooloxía que xerou maior polémica. A falta de fósiles que permitisen explicar a transición dende os exemplares primitivos ata os actuais, xunto coa diversidade de opinións entre paleontólogos e expertos en evolución molecular contribuía a alimentar a controversia.

Estas diferenzas soluciónanse co estudo publicado na semana pasada en Nature no que se presentan os fósiles de Pappochelys, unha tartaruga primitiva encontrada no lago Vellberg (Alemaña) de 20 cm de longo e que data de hai uns 240 millóns de anos, do Triásico medio.

Pappochelys non tiña cuncha pero, no seu lugar, contaba con costelas anchas, características de criaturas da liñaxe das primeiras tartarugas, e unha serie de ósos ao longo do seu ventre. Non obstante, entre as súas características físicas, a clave encóntrase na presenza de diápsidas (pequenas aberturas que se encontran detrás da conca de cada ollo) no seu cranio.

“As tartarugas de hoxe en día non teñen tales aberturas polo que algúns paleontólogos pensaban que estas se desenvolveran a partir dos arcosaurios (dinosauros e aves)”, o coautor do estudo.

Deste modo, as diápsidas dan a razón á hipótese dos evolucionistas moleculares que sostiñan que estes réptiles procedían da familia dos lepidosaurios (lagartos e serpes) que actualmente presentan estes orificios.

O achado dos fósiles permite ademais crear un vínculo entre os antecesores máis primitivos e os exemplares de tartarugas actuais. Segundo o estudo, a diferenza destes, Pappochelys presentaba unha ampliación na zona do ventre para permitir unha maior ampliación na zona das costelas, ao non ter desenvolvido cuncha.

Neste sentido, o estudo comenta que “este madeiro groso permitiu que os ósos e os nervios se fusionasen entre si, que é o que moitos embriólogos sosteñen como a orixe do desenvolvemento da cuncha das tartarugas”.

Os fósiles de Pappochelys encontráronse nos arredores dun lago, o que indica que as primeiras tartarugas habitaban zonas húmidas.

Para os investigadores, o esqueleto deste novo exemplar convérteo no intermediario perfecto entre o Eunotosaurus, a tartaruga máis antiga coñecida ata agora, de 260 millóns de anos de antigüidade, e as tartarugas posteriores.

FONTE: Xornal abc/ciencia

A CONTAMINACIÓN DO AIRE "FEMINIZA" OS PEIXES

A CONTAMINACIÓN DO AIRE "FEMINIZA" OS PEIXES

Unha troita da especia Salmo trutta fario / EM

A contaminación atmosférica está feminizando os peixes de lagos de alta montaña afastados a centos de quilómetros dos núcleos urbanos. Segundo un estudo realizado nos lagos remotos dos Pireneos e dos Tatras, en Eslovaquia, os peixes presentes nas masas de auga “cambian de sexo” debido a axentes contaminantes que viaxan polo aire.

Os disruptores endócrinos, substancias contaminantes capaces de alterar o equilibrio hormonal, chegaron arrastrados polo vento ata lagos remotos de alta montaña, moi lonxe dos núcleos industriais, urbanos e agrarios onde se orixinan, o que está a provocar que os machos que alí viven presenten características femininas.

Segundo o estudo, publicado na revista Nature Scientific Reports, estes lagos están a recibir estas substancias químicas que se están a acumular nos peixes. Os investigadores -procedentes do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga (IDAEA-CSIC), do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF-UAB) e da Universidade de Innsbruck (Austria)- encontraron disruptores en sangue, fígado e tecido muscular dos peixes, provocando que os machos presenten características femininas.

Estudos anteriores xa revelaran efectos feminizantes en peixes, pero o aspecto diferencial deste traballo é que a contaminación é exclusivamente atmosférica, é dicir, que non está relacionada con verteduras nin con residuos urbanos.

Observouse que os contaminantes que alteran o sistema hormonal (os chamados disruptores endócrinos) conseguiron chegar ao interior dos peixes viaxando polo aire e depositándose nos lagos remotos.

A pesar de que estes efectos son moi doados de apreciar en peixes, aínda non está claro que consecuencias pode ter a contaminación atmosférica na capacidade reprodutora dos peixes. Aínda así, sábese que unha concentración maior deste mesmo tipo de compostos si podería afectan á saúde e á capacidade reprodutora dos peixes.

O efecto destas substancias similares ás hormonas é menos perceptible en troitas femias porque os seus niveis naturais de estróxeno son relativamente elevados. A pesar de que o grao de feminización que se observou non constitúe unha ameaza para a capacidade reprodutiva destes peixes, estes contaminantes son un problema porque teñen un impacto duradeiro sobre o medio, xa que son moi persistentes e se acumulan ao longo das cadeas tróficas.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

XURDÍU ASÍ A VIDA NA TERRA?

XURDÍU ASÍ A VIDA NA TERRA?

O planeta Terra / Imaxe: elespectadoranimal.com

Un equipo de científicos da Universidade de Carolina del Norte (EUA) descubriu novas pistas sobre a orixe da vida hai 4.000 millóns de anos grazas a un "código xenético primixenia" cunhas encimas específicas, que podería ter dado lugar á vida complexa. Os resultados do estudo foron publicados na revista Proceedings of the National Academy of Sciences.

Unha vez que os elementos químicos presentes no noso planeta se uniron, xurdiron as moléculas orgánicas coñecidas como aminoácidos. Logo, os aminoácidos formaron as proteínas necesarias para crear células individuais e destas, ás complexas, xurdindo finalmente as plantas e os animais. A gran pregunta estriba en, como chegaron a xerar os aminoácidos as proteínas desta "sopa" para a vida?

Segundo o novo traballo, a "hipótese do mundo de ARN" na que o ARN se "fixo a si mesmo" non está completa, senón que o ARN recibiu axuda dun "código xenético" anterior ao actual. Esta conclusión foi froito da análise das propiedades físicas de 20 aminoácidos distintos. Os resultados revelaron que a polaridade e o tamaño destes poderían explicar a forma en que as cadeas de aminoácidos conseguiron adaptarse en estruturas tridimensionais para logo crealas.

Así, "a tradución do código xenético tería sido o nexo que conecta a química prebiótica coa bioloxía", explican os autores do estudo, resolvendo así o misterio de como emerxeu a vida na Terra: ese código xenético primixenio xerou un proceso de selección natural que deu lugar á evolución da vida dende os organismos unicelulares ata os nosos días.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia