Blogia
vgomez

NOTICIAS DAS CIENCIAS

PHILAE ESPERTOU!

PHILAE ESPERTOU!

Recreación do módulo Philae / EFE

"Ola Terra, podes oírme?" Ese foi, na madrugada de onte, a primeira mensaxe que a sonda Philae, dende a superficie do cometa 67P Churyumov Gerasimenko, publicaba en Twitter despois de sete longos meses de letargo. Inmediatamente despois, seguía un segundo tweet, esta vez dirixido á súa nave ama Rosetta, que segue en órbita do cometa: "Canto tempo durmín?" Ao que a nave respondeu: "Tiveches un gran descanso, uns sete meses".

Os máis pesimistas dábano por perdido. E é que o módulo Philae, o primeiro enxeño humano deseñado para pousarse nun cometa, tivo o pasado 12 de novembro unha aterraxe máis accidentada do previsto. En efecto, tras desprenderse de Rosetta, que segue voando en paralelo ao 67 P Churyumov Gerasimenko a medida que este se achega ao Sol, Philae non puido agarrarse como estaba previsto á súa accidentada superficie. Varios dos seus sistemas de ancoraxe fallaron e o módulo, duns cen quilogramos de peso, rebotou varias veces ata deterse nun punto descoñecido e polo menos a un quilómetro do lugar elixido para a aterraxe.

A pesar diso, Philae logrou aparafusar ao chan polo menos unha das súas patas, e durante case sesenta horas, mentres lle durou a enerxía, estivo a enviar datos á terra. Por desgracia, cando o módulo deixou por fin de rebotar e detívose, fíxoo nunha zona de sombra, de modo que cando as súas baterías se esgotaron, non puido volver cargalas cos seus paneis solares. Philae entrou entón en hibernación, e así permaneceu durante os últimos sete meses.

Pero agora espertou. Dende novembro pasado, os responsables da misión viñan dicindo que, se había sorte, Philae podería volver cargar as súas baterías cando o cometa estivese mais preto do Sol. E así foi. Durante a súa aproximación ao Sol, en efecto, o cometa foi modificando a súa orientación con respecto ao astro rei, de forma que moitas zonas que antes estaban en penumbra se encontran agora iluminadas pola luz solar.

A misión segue!

FONTE: Xornal abc/ciencia

A GALAXIA MÁIS LUMINOSA

A GALAXIA MÁIS LUMINOSA

Recreación artística da galaxia WISE J224607. JPL/Caltech

O telescopio espacial WISE (Wide-Field Infrared Survey Explorer) da NASA realizou no ano 2010 unha exploración completa do ceo en varias bandas do infravermello. Agora, un equipo internacional de astrónomos  identificou neses datos unha vintena de galaxias verdadeiramente excepcionais. As súas luminosidades son tan grandes que se consideran membros dunha nova clase de galaxias denominadas ELIRGs (Galaxias Infravermellas Extremadamente Luminosas).

O récord deste conxunto de galaxias osténtao a denominada WISE J224607, cunha luminosidade que é equivalente á de 349 billóns de soles. Trátase pois dunha galaxia miles de veces máis luminosa que a Vía Láctea. Non obstante, moi posiblemente esta galaxia de brillo extremo ten dimensións máis reducidas que as da nosa galaxia, e unha boa parte da súa masa está concentrada nun burato negro central cuxa masa supera en mil millóns de veces á masa do Sol.

O 99% da luminosidade desta galaxia colosal chéganos en forma de radiación infravermella. Esta luminosidade ocasiónase en boa medida nas proximidades do seu burato negro central. O gas que é arrastrado ata alí polo intenso campo gravitatorio quéntase por enriba de varios miles de graos e emite radiación no visible, no ultravioleta e mesmo en raios X. Pero esta radiación que xorde da zona central é atrapada polo po que se encontra arredor, na propia galaxia, para ser reemitida como luz infravermella.

É posible estimar que a luz da galaxia WISE J224607 viaxou durante 12.500 millóns de anos antes de chegar aos nosos telescopios. Como a idade do Universo é de 13.800 millóns de anos, resulta que estamos vendo esta galaxia tal e como era cando o Universo tiña 1.300 millóns de anos de idade, isto é, o 10% da súa idade actual. É esa época tan temperá, as galaxias estaban 5 veces máis próximas entre si que o que están agora, pois a expansión do Universo as vai afastando unhas doutras.

Os buratos negros supermasivos son relativamente correntes no Universo, pero resulta sorprendente encontrar un como o de WISE J224607, tan extremadamente masivo no Universo temperán. E isto resulta sorprendente porque, ao ser o Universo tan novo, se pensaba que non podería ter dado tempo para alimentar a un burato negro de máis de mil millóns de masas solares.

Os astrónomos están a buscar explicacións posibles para que un burato negro poida crecer tanto e tan rapidamente, e especulan sobre cal puido ser a súa semente orixinal. Unha posibilidade é que tal semente fose unha estrela primitiva formada pouco despois do Big Bang, tan só con hidróxeno e helio, sen elementos máis pesados. Os elementos pesados das estrelas actuais son os principais responsables do seu arrefriamento, a radiación emitida por eles oponse ao colapso gravitatorio, impoñendo un límite superior na masa que pode chegar a ter unha estrela. Pero unha estrela primitiva, ao non ter elementos pesados, podería ser moito máis masiva que as que vemos hoxe. O colapso de tales estrelas podería crear así buratos negros particularmente masivos que poderían a continuación crecer rapidamente mediante a acumulación progresiva de todo o gas do seu ámbito.

Segundo outra idea, o gran burato negro de WISE J224607 puido formarse directamente a partir de grandes nubes gasosas que colapsaron para formar unha semente moito máis masiva que calquera burato negro que puidese formar unha estrela individual.

Sexa como for, o mecanismo polo que se formou este burato negro parece ter superado amplamente o límite de crecemento coñecido como “límite de Eddington”. Este límite teórico está ocasionado pola presión luminosa que se opón á caída do material nas proximidades do burato negro. Quizais se a caída de material ten lugar dun xeito completamente desordenada e caótico póidase superar tal límite, pero isto é algo que haberá que estudar detalladamente. Tamén unha rotación lenta do burato negro, coa súa forza centrífuga correspondentemente pequena, pode favorecer un crecemento máis rápido e eficiente.

O estudo do Universo temperán pódenos proporcionar moitas claves sobre como se formaron as galaxias actuais, entre elas a Vía Láctea. Pero, cos telescopios dispoñibles hoxe, nos momentos próximos ao Big Bang tan só podemos estudar os astros máis luminosos, como WISE J224607.

FONTE: Rafael Bachiller /Xornal El Mundo/Ciencia

HIPERIÓN, A LÚA ESPONXOSA DE SATURNO

HIPERIÓN, A LÚA ESPONXOSA DE SATURNO

 

A sonda Cassini da NASA, que leva explorando Saturno e os seus satélites dende xullo de 2004, cando penetrou na órbita do planeta dos aneis, obtivo algunhas das imaxes máis detalladas captadas ata o momento de Hiperión, unha das súas lúas.

Entre os expertos en ciencias planetarias, este satélite, que toma o nome dun dos titáns da mitoloxía grega, ten fama de ser un dos obxectos máis estraños do Sistema Solar: a súa forma recorda a dunha esponxa, mide uns 300 quilómetros de diámetro (410x260x220 quilómetros) e posúe unha baixa densidade, polo que os astrónomos sospeitan que debe posuír numerosos ocos e cavernas e conter máis auga conxelada que rocha. Ademais, presenta unha sorprendente rotación que a miúdo é descrita como un "bambeo caótico".

Nas novas fotografías, tomadas pola Cassini dende apenas 34.000 quilómetros, pódese ver claramente a súa superficie sementada de cráteres e un rastro de materiais escuros no seu interior. O maior deles ten 10 quilómetros de profundidade e 120 de diámetro. Polas súas peculiaridades, crese que Hiperión, que dista millón e medio de quilómetros de Saturno, puido sufrir un choque cataclísmico no pasado, quizais cun cometa.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia

IMAXE DO CAMPO MAGNÉTICO SOLAR

IMAXE DO CAMPO MAGNÉTICO SOLAR

Na imaxe aparece o campo magnético do Sol, que normalmente permanece invisible/ NASA

Habitualmente o campo magnético solar non pode verse nas fotografías tomadas por cámaras tradicionais. Non obstante, a NASA combinou os datos e imaxes que capturou o seu telescopio espacial SDO (Soar Dynamics Observatory) para crear esta imaxe, engadindo cores co obxectivo de mostrar con máis claridade o que acontece na nosa estrela.

FONTE: rt.com/ciencia

"HELLBOY", O NOVO REI DOS TRICERÁPTOS

"HELLBOY", O NOVO REI DOS TRICERÁPTOS

Recreación artística do Regaliceratops peterhewsi / Julius T. Csotonyi

Hai aproximadamente 10 anos, un xeólogo canadense atopou algo asomando nun acantilado sobre o río Oldman, ao sudoeste de Alberta, Canadá. Hoxe a revista científica Current Biology publica o estudo acerca do que resultou ser un cranio case completo dunha nova e inusual especie de dinosauro (Regaliceratops peterhewsi) con cornos, un parente próximo do coñecido tricerátops. Un investigador do Museo de Paleontología Royal Tyrrell (Caleb Brown) é o autor de estudo que sae agora á luz e que achega un novo punto de vista acerca dos ceratópsidos, o xénero dos dinosauros cornudos.

A clasificación deste grupo de dinosauros estaba dividida en dúas clases ben distintas: os casmosaurinos, con dous grandes cornos sobre os ollos e un máis pequeno sobre o fociño (como o famoso tricerátops), e os centrosaurinos, cun gran corno no fociño e dous moi pequenos sobre os ollos e que, ademais, se extinguiron antes que os casmosaurinos. O que fai que este novo especímen sexa relevante é que, malia mostrar a configuración cranial dun tricerátops, presenta unha ornamentación e unha cornamenta atípicos. O dinosauro ten dous cornos "practicamente cómicos", de aí que os científicos o alcumen Hellboy, como un coñecido e diabólico personaxe de cómic. Ademais, presenta unha espectacular coroa de ósos con forma de diamante na parte superior do cranio e un só corno grande sobre o nariz. Viviu no Cretácio tardio, hai 70 millóns de anos.

Hai un debate actualmente entre os paleontólogos, parte da comunidade científica defende que se trata do máis antigo e claro exemplo de selección sexual en dinosauros, fronte aos que pensan que se trataba de características que axudaban aos animais a distinguirse entre si e doutras especies similares.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

A TÉCNICA DE MOMIFICACIÓN DO ANTIGO EXIPTO APLICADA A UNHA PERNA HUMANA

A TÉCNICA DE MOMIFICACIÓN DO ANTIGO EXIPTO APLICADA A UNHA PERNA HUMANA

Tecido fresco momificado / THE ANATOMICAL RECORD

A momificación de mortos no antigo exipcio é recoñecida en todo o mundo e, agora, un equipo de científicos gregos momificou un tecido fresco dun cadáver humano.

Concretamente, trátase dunha perna e o obxectivo foi comprender mellor estas técnicas de preservación da antigüidade. O equipo conforme con antigas técnicas exipcias colocaron o tecido nunha solución salina e mediron o progreso da conservación mediante técnicas de microscopía e de imaxe con tecnoloxía de última xeración.

Os achados, que se publicaron en "The Anatomical Record", deron aos investigadores algunhas novas pistas sobre esta práctica

A maior parte do que os científicos saben sobre a momificación exipcia antiga vén do historiador grego Herodoto, que viviu durante o século V antes de Cristo. En primeiro lugar, os embalsamadores eliminaban os órganos mortos do individuo, incluíndo o cerebro, que se extrae a través do nariz.

Despois esterilizaban o peito e cavidades abdominais, antes de colocar o corpo nun fluído salgado que contén natrón (unha mestura de cinza de sosa e bicarbonato de sodio) que drena os fluídos corporais e evitar que o corpo se podreza. Finalmente, envolvían o corpo en tiras de liño e enterrábano nunha tumba ou sepultura.

Algúns estudos trataron de utilizar estas técnicas para momificar animais ou órganos humanos e houbo un ou dous intentos de momificar un corpo humano completo. Pero o proceso non fora estudado mediante técnicas científicas modernas nin, mentres a momificación estaba en marcha.

Neste novo estudo utilizaron o método de conservación exipcio a base de sal para momificar a perna dun corpo humano feminino que fora doada á Universidade de Zürich, onde se levou a cabo o experimento, xa que se seutilizaba todo o corpo, terian tido que cortar e sacar os intestinos e outros órganos, explican os investigadores a "Live Science".

Os investigadores tomaron mostras do tecido da perna cada dous ou tres días, e examináronse usando unha variedade de métodos: o ollo nu, un microscopio, análise de ADN, e os métodos de formación de imaxes de raios X.

Na súa maior parte, a momificación foi un éxito, pero tardaron case sete meses (208 días), en que lograr a conservación total da momia. Un tempo moito máis longo que os dous meses que, segundo Herodoto, empregaban os exipcios.

Sospeitan que as condicións de amortecemento máis frías no laboratorio en Zürich, en comparación co ambiente árido do antigo Exipto, poden explicar esta discrepancia.

Así, os científicos confirmaron que a solución de sal elimina eficazmente a auga do tecido da perna, o que impide que as bacterias e fungos o degraden. A análise microscópica revelou, ademais, unha boa preservación do tecido da pel e o músculo.

Os resultados mostran o efectivos que eran os métodos de embalsamento exipcio e ofrecen unha visión detallada de como funcionaba o proceso.

Por outra parte, o traballo revelou que a temperatura, a acidez e a humidade do medio eran os factores cruciais na velocidade do proceso de momificación.

FONTE: Xornal abc/ciencia

UN VELEIRO ESPACIAL NAVEGA CON VENTO SOLAR

UN VELEIRO ESPACIAL  NAVEGA CON VENTO SOLAR

Recreación artística da nave ’LightSail’ / PLANETARY SOCIETY

A luz do Sol viaxa en pequenos paquetes chamados fotóns, que carecen de masa pero posúen enerxía e momento. Cando se reflicten nunha superficie reflectante, á par que rebotan transmítenlle unha parte dese momento de enerxía. Como un suave e practicamente inapreciable empuxón, que induce unha aceleración de apenas centésimas de milímetro por segundo.

O pasado mércores, 20 de maio, a Sociedade Planetaria lanzou ao espazo a nave LightSail (veleiro de luz), capaz de navegar co impulso dese sutil vento solar, mediante unhas velas reflectantes de 32 metros cadrados e apenas 4,5 microns de grosor, a cuarta parte do espesor dunha bolsa de lixo, feitas dun poliéster chamado mylar.

LightSail é unha nave formada por tres módulos do tipo cubesat, que son pequenos satélites de forma cúbica con 10 centímetros de lado. O seu tamaño total vén a ser o dun paquete familiar de pan de molde. O veleiro solar viaxará dende Cabo Canaval a bordo dun foguete Atlas V, e cuxa misión principal é poñer en órbita unha misión militar secreta do avión espacial X-37B da US Air Force. No compartimento de carga do foguete viaxan en total 10 cubesats de diversas organizacións.

A misión do LightSail ten moito de física experimental. O seu obxectivo é comprobar os sistemas de navegación, baseados nos campos magnéticos da Terra. Despois de catro semanas en órbita, cando se distancien os satélites, despregará a vela, formada por catro seccións triangulares aloxadas en cada un dos catro costados do vehículo.

Para soltala terá que queimar, literalmente, un cable do grosor dun fío de pesca, que suxeita os paneis de protección. A antena transmitirá continuamente datos de telemetría e unha batería de láseres, en terra, medirá o efecto que causa a luz solar sobre a vela. Un efecto que non será suficiente para a navegación "a espazo aberto".

Este vehículo, é un pioneiro que será situado en órbita baixa (menos de 200 quilómetros de altura, sen detallar con exactitude), demasiado inmerso na atmosfera, que frea e amortece o efecto dos fotones. O empuxón dos fotóns é case irrelevante, pero cun efecto incremental e continuado, a diferenza do impulso brusco e puntual que producen os clásicos foguetes, mediante breves arranques. Unha aceleración continua de cinco centésimas de milímetro por segundo supón alcanzar unha velocidade de máis de catro metros por segundo nun só día.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

A PATACA GRAVITACIONAL

A PATACA GRAVITACIONAL

 

Non falo dun tubérculo, senón da reconstrución tridimensional da Terra mediante un novo modelo que representa as variacións de gravidade. A imaxe virtual, chamada Potsdam Gravity Potato (pataca gravitacional de Potsdam), foi desenvolvida por científicos do Centro Alemán de Investigación Xeofísica de Helmholtz. Pola súa gran precisión, non máis duns poucos centímetros de erro, pode servir de referencia universal para estudar o nivel do mar, a súa evolución e as variacións do campo gravitatorio terrestre.

A diferenza co xeoide, a representación teórica que une os puntos de igual gravidade, é que estes expertos non obtiveron unha figura sólida e estática, senón que a súa superficie varía co tempo. Isto acontece porque, aínda que tendamos a pensar que a forza de atracción é unha constante uniforme, o campo de gravidade do planeta cambia en boa medida debido a factores como a distribución desigual da masa entre os océanos, os continentes e as capas internas da codia.

Tamén inflúen parámetros relacionados co clima e o ciclo hidrolóxico, como a fusión dos glaciares e o balance de auga en depósitos e correntes superficiais. Para desenvolver o seu modelo, os científicos alemáns utilizaron 800 millóns de datos, procedentes tanto de medicións en terra firme coma dos satélites LAGEOS, GRACE e GOZO, da Axencia Espacial Europea (ESA). Os sensores deste último, dedicado a estudar o campo gravitatorio terrestre e as súas anomalías, son capaces de recoller parámetros dos fondos abisais e rexistrar os cambios no nivel do mar, o que se coñece como topografía oceánica dinámica.

FONTE: Revista Muy Interesante/Ciencia